Subas no vacún maior e nos becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra incrementos dos prezos do gando maior e dos becerros carniceiros. Subas nalgunhas seccións da recría, en especial dos cruces industriais. Novas baixadas do porco cebado e mantéñense sen cambios os leitóns e o mercado do ovo

Subas no vacún maior e nos becerros carniceiros en Silleda

Gando de vacún maior en Silleda. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes subas do vacún maior, ademais de acadar un novo prezo récord da historia do mercado, cun boi vendido por 6.669 euros. A maiores, o gando maior logrou, por segunda semana consecutiva, o maior prezo medio.

Á marxe do vacún maior, os becerros carniceiros cotizaron á alza, así como algunhas seccións da recría de cruzamentos industriais. Nas mesas de prezos do porcino, o porco cebado volve cotizar á baixa e estabilízase o prezo dos leitóns, o dos ovos e o coello, que se manteñen sen cambios.

As subas máis destacadas desta semana producíronse no vacún maior. As vacas da categoría extra conseguiron un incremento de 175 euros, o que deixa un prezo medio de 2.090 euros. A suba foi máis modera nos animais de primeira, cun aumento de 3 euros sitúanse nos 1.131 euros. As vacas de segunda lograron unha suba de 18 euros e cotízanse a 759 euros. Mentres, os exemplares de desfeito conseguen un incremento de 16 euros e quedan nos 484 euros. Os animais co selo Vaca e Boi de Galicia experimentaron un aumento de 171 euros e escalan ata os 1.763 euros.

Nos becerros de recría, os exemplares de cruzamentos industriais lograron tamén incrementar o seu valor. Nos tenreiros máis novos, de menos de 20 días, o aumento foi de 4 euros e sitúanse nun prezo medio de 242 euros. No caso dos animais de entre 20 e 50 días, unha das categorías máis numerosa do mercado, o prezo medio foi de 280 euros, logo dunha suba de 24 euros. Os tenreiros de máis de 50 días sufriron unha baixada de 28 euros e o seu prezo medio é agora de 342 euros.

A rebaixa das cotizacións foi a tendencia predominante na recría frisoa. A excepción produciuse nos xatos máis novos, os de menos de 20 días, que conseguiron un incremento de 2 euros e teñen un prezo medio de 86 euros. Porén, os tenreiros de entre 20 e 50 días, a sección con maior afluencia de gando do mercado, houbo unha baixada de 8 euros e cotízanse a 96 euros. Os animais de máis de 50 días descontaron 1 euro e están a 100 euros.

Os becerros carniceiros cotizaron á alza esta semana. Unha das excepcións veu dada polos tenreiros frisóns que perderon 175 euros e quedan cun prezo medio de 532 euros. Nos becerros de cruzamentos industriais houbo unha suba de 134 euros, o que lle permite acadar os 863 euros. Porén, as femias tiveron unha rebaixa de 16 euros e atópanse cun prezo de 768 euros. Nos machos de Rubia Galega o incremento foi de 28 euros, mentres as femias conseguiron un aumento de 59 euros. Deste xeito cotízanse a 878 e 870 euros respectivamente. Os animais co selo Ternera Gallega Suprema o prezo medio foi de 934 euros, o que reflicte un incremento de 67 euros con respecto da semana anterior.

Central Agropecuaria de Galicia 26_10_2021

Novas baixadas do porco cebado

Unha semana máis o porco segue á baixa, con novas reducións dos prezos nos animais cebados mentres os leitóns se manteñen sen cambios. O porco selecto e o normal cotízanse a 1,025 e 1,000 euros o quilo respectivamente, logo de experimentar unha baixada de 0,02 euros. Os exemplares de Canal II sitúanse en 1,299 euros o quilo, tras unha redución de 0,026 euros. Os animais de desvelle mantéñense sen variacións e seguen a cotizarse entre os 0,28 e os 0,34 euros.

Os leitóns tamén continúan esta semana sen cambios. Os exemplares procedentes dunha única granxa están nos 26 euros (cun prezo de 1,3 euros o quilo). Os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 21 euros e teñen un prezo por quilo de 1,05 euros.

No mercado do ovo tampouco houbo cambios este martes. Os ovos da XL cotízanse a 1,65 euros a ducia, os da L están a 1,30 euros, os da M atópanse a 1,12 euros e os da S páganse a 0,91 euros. As galiñas de descarte mantéñense entre os 0,16 e os 0,23 euros por quilo.

O coello atópase a un prezo de 2,25 euros o quilo, sen cambios unha semana máis.

Central Agropecuria de Galicia Porcino 26_10_2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información