Tras tres semanas de récords consecutivas na Central Agropecuaria de Galicia (Silleda), na xornada de onte a sesión presentou oscilacións nos prezos das diferentes categorías. Destaca a baixada nos prezos medios dos becerros carniceiros.
En canto á afluencia de gando, na xornada de onte asistiron un total de 1.356 animais, dos cales foron adxudicados 1.281; unhas cifras moi superiores ás da pasada semana.
Prezos do gando
A continuación, facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado por un conxunto de factores.
Nos becerros de recría da raza frisoa, os de 15 a 20 días cotizáronse a 125 euros, 24 euros máis que a pasada semana; os de 21 a 50 días a 174 euros, cun aumento de 22 euros, e os de máis de 50 días a 227 euros (+32euros). En canto aos de cruzamento industrial, os máis novos quedaron cun valor medio de 424 euros, mentres que as femias vendéronse a 274 euros (-15 euros). Os de 21 a 50 días chegaron aos 521 euros (+60 euros) e as femias subiron 63 euros e quedaron en 354 euros de prezo medio. Finalmente, os máis adultos alcanzaron un prezo medio de 664 euros (-21 euros) e as femias de 491 euros (+32 euros).
Nos becerros carniceiros, os machos de cruzamento industrial baixaron 67 euros con respecto á poxa pasada e acadaron un valor medio de 1.363 euros; as femias incrementaron o seu prezo medio en 131 euros e chegaron aos 1.256 euros de media. Pola súa banda, os de Rubia Galega vendéronse a 1.371 euros de media os machos (-82 euros) e a 1.270 euros as femias (+46 euros). Os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema subiron 40 euros e fixan unha media de 1.454 euros por animal.
Nas categorías extra e segunda do vacún maior houbo baixadas, mentres que nas outras dúas houbo subas. Así, na extra o prezo medio de venda foi de 2.216 euros (-46) e na segunda de 761 (-36 euros). Pola súa banda, na primeira fixouse un valor medio de 1.169 euros (+41 euros) e na categoría de desfeito o prezo de saída foi de 543 euros. Os animais vendidos baixo o selo de Vaca e Boi de Galicia baixaron o seu valor medio 129 euros, alcanzando un prezo de saída de 1.784 euros.
Mesas de prezos
As mesas de cotizacións do porcino presentan baixadas con respecto á pasada semana. Así, houbo un descenso de 0,10 no selecto (1,595) e no normal (1,57); mentres que no de canle II a caída foi de 0,013 (2,039). O de desvelle cae en 0,03: 0,7/0,76.
Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa seguen nos 60 euros (cun prezo de 3 euros o quilo) e os animais procedentes de varias gandarías cotízanse a 55 euros e cun prezo por quilo de 2,75 euros.
O mercado do ovo, pola contra, presenta subas en todos os tamaños: incrementaron 0,01 os da XL (3,13) e os da L (2,54), mentres que os da M (2,29) e os da S (1,99) incrementaron o seu valor en 0,05.
O prezo do coello sobe 0,05 e alcanza os 2,55 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).