Subas na recría frisoa en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia experimenta unha leve recuperación dos prezos da recría de gando frisón. Tendencia á baixa nas cotizacións dos becerros carniceiros e no vacún maior. Novas baixadas do porco cebado e nos leitóns. Mantense sen cambios o mercado do ovo

Subas na recría frisoa en Silleda

Becerros de recría de raza Frisoa na Central Agropecuaria de Galicia, en Silleda (Pontevedra). // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes unha leve recuperación dos prezos dos becerros de recría de raza Frisoa, mentres nos cruzamentos industriais desta categoría a tendencia foi á baixa. Tamén houbo reducións das cotizacións nos becerros carniceiros, así como no vacún maior, aínda que neste último se acadou un novo récord histórico no prezo medio.

A mesa de cotizacións do porcino experimenta novas baixadas dos prezos. Tanto o mercado do ovo como o prezo do coello na Lonxa de Madrid mantéñense estables e sen cambios esta semana.

En concreto, nos becerros de recría, os frisóns lograron unha suba xeral en tódalas categorías, mentres que nos de cruzamentos houbo importantes baixadas dos prezos. Nos animais máis novos de raza frisoa, os de menos de 20 días, a suba foi de 3 euros e quedan cun prezo medio de 84 euros. Nos exemplares de entre 20 e 50 días produciuse un incremento de 7 euros e acadan os 104 euros. No caso dos animais de máis idade, aqueles de máis de 50 días, o prezo medio está nos 101 euros, logo dunha suba de 5 euros.

Na recría de cruzamentos industriais, os xatos máis novos, os de menos de 20 días, descontan 30 euros e cotízanse a 238 euros esta semana. No caso dos animais de entre 20 e 50 días, houbo unha baixada de 38 euros que deixa un prezo de 256 euros. A única excepción foron os exemplares de máis de 50 días, que logran sumarse á recría frisoa e conseguen unha suba de 15 euros, polo que se cotizan a 370 euros.

Nos becerros carniceiros a tendencia foi á baixa nos machos, a excepción dos becerros frisóns que logran incrementar o seu valor medio en 137 euros e acada os 707 euros. Nos animais de cruces industriais houbo unha baixada de 150 euros, co que o prezo medio queda en 729 euros. As femias conseguiron evitar estas reducións e, pola contra, lograron un incremento de 58 euros, co que teñen un prezo medio de 784 euros. O mesmo aconteceu nos becerros de Rubia Galega, onde os machos descontaron 289 euros e cotízanse a 850 euros, logo de superar a semana pasada a barreira dos 1.000 euros. As femias experimentaron unha suba de 53 euros e sitúanse nun prezo medio de 811 euros. Nos becerros co selo Ternera Galega Suprema houbo unha baixada de 28 euros e quedan nos 867 euros.

Novo récord histórico no prezo medio da categoría de vacún maior, que se sitúa nos 1.245,31 euros 

Este martes, na Central acadouse un novo récord histórico no prezo medio da categoría de vacún maior, aínda que a tendencia foi á baixa en boa parte das categorías. Se o pasado 8 de xuño se acadaba o maior prezo medio desta categoría con 1.226,93 euros,  hoxe a Central situou este récord absoluto nos 1.245,31 euros. “Esta nova marca reflicte a crecente calidade dos exemplares de vacún maior que concorren á Central”, sinalan dende a organización da poxa de gando.

En canto ó prezo por categorías, as vacas da Extra están nun prezo medio de 1.915 euros, logo dunha baixada de 144 euros. Nos animais de primeira a redución foi de 6 euros e quedan cun valor medio de 1.128 euros. As vacas de segunda foron unha das excepcións ó lograr unha suba de 23 euros e acadar os 741 euros. Nos exemplares de desfeito houbo unha baixada de 20 euros e cotízanse a 468 euros. A suba máis significativa lográrona os animais co selo Vaca e Boi de Galicia, que conseguiron incrementar o seu prezo en 323 euros e sitúanse nos 1.592 euros.

Central Agropecuaria de Galicia_Vauno19_10_2021

Novas baixadas do porco cebado

Unha semana máis o porco segue á baixa, con novas reducións dos prezos tanto nos animais cebados coma nos leitóns. O porco selecto e o normal cotízanse a 1,045 e 1,020 euros o quilo, respectivamente logo de experimentar unha baixada de 0,03 euros. Os exemplares de Canal II sitúanse en 1,325 euros o quilo, tras unha redución de 0,039 euros. Os animais de desvelle son os únicos que se manteñen sen variacións e continúan a cotizarse entre os 0,28 e os 0,34 euros.

Os leitóns experimentaron esta semana unha baixada de 2 euros. Os exemplares procedentes dunha única granxa están agora nos 26 euros (cun prezo de 1,3 euros o quilo) e os animais chegados de varias ganderías sitúanse nos 21 euros e cun prezo por quilo de 1,05 euros.

No mercado do ovo non houbo cambios este martes. Os ovos da XL cotízanse a 1,65 euros a ducia, os da L están a 1,30 euros, os da M atópanse a 1,12 euros e os da S páganse a 0,91 euros. As galiñas de descarte mantéñense entre os 0,16 e os 0,23 euros por quilo.

O coello atópase a un prezo de 2,25 euros o quilo, sen cambios dende a semana pasada.

Central Agropecuaria de Galicia_porcino 19_10_2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información