Subas na recría frisoa e baixada nos cruces industriais en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra unha suba nos becerros frisóns de recría e baixan os cruces industriais. Tamén baixa o vacún maior, os becerros carniceiros, así como o porcino e os ovos

Subas na recría frisoa e baixada nos cruces industriais en Silleda

Animais na Central Agropecuaria de Galicia.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes unha lixeira suba na recría de raza frisoa mentres que no resto de gando vacún, así como nas mesas de negociación a tendencia foi á baixa. Tanto nos becerros de recría de cruces industriais como nos tenreiros carniceiros ou no vacún maior houbo baixadas.Tamén se acordaron reducións das cotizacións no porcino ou nos ovos.

No referido ós becerros de recría de raza Frisoa rexistráronse subas nas categorías dos animais máis novos. Así, os tenreiros de menos de 20 días incrementaron en 12 euros o prezo ata situarse nos 75 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa e representativa, a suba foi de 13 euros e pasaron a 96 euros. Mentres, os animais de máis de 50 días rexistraron unha baixada de 27 euros ata situarse nun prezo medio de 116 euros.

Na recría de razas de cruces industriais a tendencia foi a baixa. Nos animais de menos de 20 días o prezo reduciuse en 40 euros e cotizáronse a 256 euros. Os becerros de entre 20 e 50 días afrontaron unha redución de 30 euros e sitúanse a un prezo de 330 euros. A única excepción veu nos animais de máis de 50 días que incrementaron o seu valor en 24 euros e acadaron os 417 euros.

Nos becerros carniceiros a baixada dos prezos afectou a tódalas categorías. No caso dos frisóns só se contabilizou un único becerro desta raza que se pagou a 258 euros e que marcou un prezo moi afastado ós 661 que se acadaron de media para estes animais na feira pasada, cando tamén se rexistrara un único exemplar. Nos becerros de cruces industriais o prezo medio foi de 782 euros para os machos, 83 menos que hai unha semana; e 785 euros para as femias, 61 euros menos que o acadado o martes anterior.

O gando de vacún maior tamén experimentou unha baixada xeral das cotizacións. As vacas de primeira tiveron un prezo medio de 1.103 euros, 41 euros menos que a feira pasada. No caso das de segunda a baixada foi de 22 euros para situarse nos 697 euros e os animais de desvelle cotizáronse a 454 euros, logo dunha redución de 15 euros.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-Vacuno-14_01_2020

Baixada no porcino e nos ovos

En canto ó porcino, nas mesas de cotizacións produciuse unha baixada xeral en tódalas categorías e tanto nos animais cebados como nos leitóns. O porco cebado selecto e o normal sitúanse en 1,475 e 1,450 euros o quilo respectivamente, logo dunha baixada de 0,05 euros. Pola súa banda, a categoría de Canle II cotízase a 1,883 euros o quilo, tras unha redución de 0,065 euros. Nos animais de desvelle, a baixada foi de 0,04 euros situándose agora nun intervalo de 0,79 e 0,85 euros.

No caso dos leitóns a baixada foi de 1 euro en tódalas categorías. Así, o bacoriño de 20 quilos procedente dunha única granxa pasa a 74 euros e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 69 euros. O prezo por quilo é de 3,7 e 3,45 euros respectivamente.

Os ovos tamén rexistraron unha baixada de 0,030 euros en tódalas categorías de maneira que os prezos quedan do seguinte xeito: os ovos da categoría XL cotízanse a 1,43 euros a ducia, os da L a 1,30 euros, os da M están en 1,19 euros e os da S a 0,97 euros. O prezo das galiñas de desvelle continúa sen variacións, situándose entre os 0,06 e os 0,14 euros por quilo.

Mentres, na Lonxa de Madrid, esta semana o prezo do coello mantívose sen cambios e cotízase a 1,65 euros o quilo.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-Porcino-14_01_2020

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información