A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra no recinto feiral de Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes subas nos prezos medios dos becerros de recría e nos animais carniceiros. Estes últimos mesmo acadaron un novo prezo medio máximo, situado nos 1.054,92 euros, fronte ós 1.032, 57 euros da semana pasada, que se establecera como mellor marca. No vacún maior, a tendencia foi á baixa en case tódalas seccións.
Nas mesas de cotización do porcino, o porco cebado mantense sen cambios, mentres que os leitóns experimentaron unha subas de 4 euros. O mercado do ovo continúa estable esta semana.
No repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún coñecemos a evolución do mercado con respecto da semana pasada. Cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.
Na recría de raza frisoa, o prezo de referencia dos becerros máis novos, os de menos de 20 días, tivo unha suba de 23 euros e sitúase nos 84 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o prezo medio atópase nos 104 euros, logo dun incremento de 8 euros. Os animais de máis de 50 días rexistraron unha suba de 6 euros con respecto da semana pasada e o prezo medio acada os 137 euros.
Nos becerros de recría de cruzamentos industriais, os tenreiros de 20 días tiveron un prezo medio de 273 euros, o que amosa unha suba de 26 con respecto do valor medio da semana pasada. As femias desta sección tiveron un aumento de 7 euros e o prezo de referencia atópase nos 233 euros. Os tenreiros de entre 20 e 50 días acusan unha baixada de 4 euros e quedan nos 317 euro. Mentres, as femias desta idade descontan 2 euros ata os 251 euros. Nos animais de máis de 50 días, os machos reduciron o valor medio en 26 euros e sitúanse nos 478 euros. Pola contra, o valor medio das femias incrementouse en 53 euros ata os 350 euros.
Á marxe de acadarse un novo récord absoluto no prezo medio (1.054,92 euros) dos tenreiros carniceiros, tamén houbo un animal de récord, vendido por 1,799 euros. En canto ós prezos de referencia, nos frisóns o valor medio acadou os 728 euros, o que deixa unha suba de 281 euros con respecto á semana pasada. Os becerros de cruces industriais tiveron un prezo medio de 1.079 euros, é dicir 31 euros máis que na feira anterior. Nas tenreiras desta categoría, o valor medio caeu 108 euros e sitúase nos 872 euros. En canto ós becerros de Rubia Galega, os machos tiveron un prezo medio de 1.170 euros, o que amosa una suba de 100 euros. Nas femias, o valor medio está nos 1.032 euros, situado 73 euros por debaixo da pasada feira. Nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia, o valor medio foi de 1.130 euros, o que os sitúa en 63 euros máis.
No vacún maior hai unha clara tendencia á baixa, con reducións en case tódalas seccións. Nos animais da categoría extra, o prezo medio foi de 1.986 euros, o que amosa unha baixada de 129 euros. Nas vacas de primeira houbo unha redución de 14 euros no valor de referencia, que queda nos 1.150 euros. Nos exemplares de segunda, o prezo medio foi de 749 euros, é dicir 11 euros por debaixo. Os animais de desfeito foron a excepción, cunha suba de 32 euros ata acadar os 461 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia, o prezo medio foi de 1.674 euros, o que supón 1.135 euros por debaixo do valor de referencia da feira pasada.
Subas nos leitóns
Na mesa de cotizacións do porcino, o porco cebado mantense esta semana sen cambios e rexístrase unha suba do prezos dos leitóns. Así, o porco selecto e o normal teñen un valor de 1,665 e 1,64 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,130 euros e os animais de desvelle teñen un prezo de entre os 0,78 e os 0,84 euros o quilo.
Nos leitóns produciuse unha suba de 4 euros. Por este motivo, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 73 euros (cun prezo de 3,65 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 68 euros e cun prezo por quilo de 3,4 euros.
O mercado do ovo continúa estable esta semana. Os ovos da XL están a 2,8 euros a ducia, os da L a 2,59 euros, os ovos da M a 2,23 e os da S a 1,98 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas experimentaron unha suba de 0,01 euros e o prezo está agora entre os 0,32 e os 0,39 euros.
O prezo do coello está nos 2,6 euros o quilo, logo dunha baixada de 0,1 euros o pasado día 8 de decembro na Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).