Subas na recría e os becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra incrementos nos prezos medios dos tenreiros de recría e nos carniceiros. Tamén houbo subas en boa parte das seccións do vacún maior. Baixan os leitóns e mantense sen cambios o mercado do ovo

Subas na recría e os becerros carniceiros en Silleda

Animais no recinto feiral de Silleda este martes. // Foto. Central Agropecuaria de Galicia.

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca, celebrada en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes unha suba xeral dos prezos medios dos tenreiros de recría, tanto de raza frisoa como de cruces industriais, así como nos becerros carniceiros. Tamén houbo incrementos nalgunhas das seccións do vacún maior. Mentres, as mesas de cotizacións do porcino acordaron unha baixada para os leitóns e os porcos cebados mantéñense sen cambios. Tampouco houbo variacións no mercado do ovo.

Facemos un repaso polos prezos medios das diferentes seccións e categorías para coñecer a evolución do mercado. Cómpre ter presente que esta é unha comparativa entre os prezos deste martes e as cotizacións da semana pasada rexistradas nas distintas categorías para coñecer as tendencias dos prezos, pero existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Nos prezos da recría con respecto da semana anterior, aprécianse subas xerais, a excepción do gando de maior idade e peso, que tanto nos becerros frisóns como nos de cruce cotizaron á baixa. Os becerros frisóns máis novos, os de menos de 20 días cotizáronse de media a 126 euros, o que supón unha suba de 65 euros con respecto da semana anterior. Nos animais de entre 20 e 50 días o prezo medio situouse nos 141 euros, é dicir, 24 euros máis. No caso dos tenreiros de máis de 50 houbo unha baixada de 7 euros e o prezo medio queda nos 165 euros.

Nos becerros de recría de cruces industriais apreciouse a mesma tendencia. Os tenreiros de máis de 50 días descontaron 19 euros con respecto da semana anterior e situáronse nun prezo medio de 440 euros. Mentres, as femias tiveron un incremento de 41 euros e están nos 354 euros. Nos machos de entre 20 e 50 días, o prezo medio foi de 334 euros, logo dunha suba de 28 euros. As femias experimentaron un aumento de 15 euros e acadan os 257 euros. Nos animais máis novos, os de menos de 20 días, os becerros están nos 271 euros, o que amosa unha suba de 22 euros con respecto do prezo medio da semana pasada. Nas femias case non houbo cambios, xa que o prezo medio experimentou unha suba mínima de 2 euros ata os 205 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días, o prezo medio situouse nos 334 euros, o que supón un incremento de 28 euros. Nas femias a suba de 15 euros deixou un prezo medio de 257 euros.

Prezo de medio de récord nos becerros carniceiros

Esta feira os becerros carniceiros lograron hoxe o maior prezo medio acadado na historia deste mercado, ao ascender a 987,80 euros. Superáronse así os 964,01 euros do pasado 19 de abril que supoñían ata hoxe a media máis alta. O prezo medio de hoxe está motivado, ademais de pola calidade dos exemplares, pola alta demanda destes animais por parte da restauración debido á proximidade da ponte festiva do 17 de maio. Pese a ser festivo o vindeiro martes, a Central manterá a súa actividade habitual.

En canto ó prezo por razas dos becerros carniceiros, os tenreiros frisóns cotizáronse de media a 671 euros, o que deixa unha suba mínima de 4 euros con respecto do prezo medio da semana anterior. Os becerros de cruces industriais acadaron os 1.041 euros, cun aumento de 139 euros. Nas femias, o prezo medio foi de 917 euros, o que amosa un incremento de 74 euros. Nos machos de Rubia Galega, o prezo medio está nos 1.076 euros, ó experimentar un aumento de 49 euros. Nas femias, a cotización media sitúase nos 965 euros, 20 euros máis. Nos animais comercializados baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema o prezo medio foi de 1.101 euros, cunha suba de 56 euros.

No vacún maior non houbo unha tendencia clara, xa que se apreciaron subas e baixadas en función das seccións. Nas vacas da extra, o prezo medio foi de 1.951 euros, o que amosa unha redución de 43 euros con respecto da semana anterior. Nas vacas de primeira, o prezo medio estivo no 1.179 euros, o que supón unha subida de 16 euros. Tamén as vacas de segunda amosaron un incremento, neste caso de 40 euros, e pasan a cotizarse a 794 euros. Nas vacas de desfeito o prezo medio estivo nos 441 euros, cunha baixada de 59 euros. No gando comercializado baixo a IXP Vaca e Boi de Galicia o prezo medio foi de 2.260 euros, cunha suba de 310 euros con respecto da semana pasada.

Central Agropecuaria vacuno 10_05_2022

Novas baixadas dos prezos dos leitóns

Este martes a mesa de cotizacións do porcino acordou unha nova baixada dos prezos dos leitóns, mentres o porco cebado se mantén sen cambios. No porco selecto e no normal o prezo é de 1,565 e 1,540 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2 euros o quilo e os animais de descarte cotízanse entre os 0,7 e os 0,76 euros o quilo.

Os leitóns acusaron unha baixada de 5 euros. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 57 euros (cun prezo de 2,85 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 52 euros e teñen un prezo por quilo de 2,6 euros.

O mercado do ovo mantense esta semana sen cambios dos prezos en tódalas categorías. Deste xeito, os ovos da XL están a 2,15 euros a ducia, os da L páganse a 1,94 euros, os da M sitúanse en 1,74 euros e os da S teñen un valor de 1,51 euros a ducia. As galiñas de descarte están a cotizarse entre os 0,30 e os 0,37 euros por quilo.

Central Agropecuaria porcino 10_05_2022

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información