Subas na recría e nos becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra un aumento dos prezos dos becerros de recría e carniceiros. Houbo tamén incrementos no vacún maior. O porcino mantense sen cambios e os ovos tamén están á alza

Subas na recría e nos becerros carniceiros en Silleda

Tenreiros na Central Agropecuaria, en Silleda. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, que se celebra cada martes en Silleda (Pontevedra), rexistrou esta semana subas na recría, así coma nos becerros carniceiros. Tamén algunhas das categorías de vacún maior experimentaron un incremento dos prezos. Pola súa banda, as mesas de cotización do porcino mantivéronse este martes sen cambios e houbo subas nos prezos fixados para o mercado do ovo.

En concreto na recría, as subas afectaron a case tódalas categorías. Nos animais de raza Frisoa, a única excepción produciuse nos tenreiros de menos de 20 días, que caeron en 13 euros e pasan a cotizarse a 66 euros. Porén, na sección de entre 20 e 50 días, a máis numerosa e representativa, produciuse un incremento do valor de 2 euros, situándose nos 94 euros. Nos becerros de máis de 50 días, a suba foi de 6 euros, polo que pasan a pagarse a 119 euros.

As subas foron máis significativas nos machos de cruces industriais. Nos exemplares con menos de 20 días o prezo subiu en 8 euros e cotízanse a 200 euros de media. Non correron a mesma sorte as femias desta sección, que baixaron ata os 105 euros, tras descontar 39 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días, o prezo medio para os machos foi de 242 euros, tras sumar 36 euros con respecto da feira pasada. Nas tenreiras, o incremento foi de 29 euros. Os becerros de máis de 50 días cotizáronse a 378 euros, 37 euros máis que hai unha semana. Nas femias houbo unha lixeira baixada dun euro, polo que se sitúan nos 274 euros de media.

Nos becerros carniceiros, os exemplares de cruces industriais tiveron unha suba de 41 euros ata os 821 euros de media para os machos. No caso das femias, produciuse unha baixada de 113 euros, ata quedar nos 704 euros. Nos animais de raza Frisoa, o prezo medio foi de 308 euros, fronte ós 448 euros da pasada feira. Os becerros de Rubia Galega tamén incrementaron o seu valor. Neste caso, acadaron os 982 euros de media para os machos, logo dunha suba de 135 euros. Os animais co selo Ternera Gallega Suprema acadaron un prezo medio de 863 euros, logo de situarse o pasado martes 79 euros por debaixo.

O vacún maior experimentou subas en varias das seccións. Nas vacas de categoría extra, o seu prezo incrementouse en 43 euros e pasan a cotizarse a 1.772 euros. Nos exemplares de segunda tamén houbo un aumento, neste caso de 20 euros para situarse en 729 euros de media. Mentres, as vacas de primeira sufriron unha redución de 21 euros, ata os 1.083 euros; e as de desvelle tamén acusaron unha baixada de 20 euros para quedar nos 449 euros. Nos animais co selo Vaca e Boi de Galicia o prezo medio situouse nos 929 euros, afastándose dos 1.052 euros que acadaran a pasada semana.

 

Central-Agropecuaria-de-Galicia-Vacun-22-09-2020-Sen cambios no porcino

As mesas de negociacións do porcino mantivéronse novamente esta semana sen cambios. Deste xeito, o porco cebado da categoría selecta está a 1,325 euros o quilo, mentres que o normal se atopa a 1,3 euros. Nos Canal II o prezo medio é de 1,688 euros por quilo e os exemplares de desvelle cotízanse entre os 0,47 e os 0,53 euros.

Nos leitóns, os animais procedentes dunha única gandería mantéñense nos 35 euros, situándose a 1,75 euros por quilo. Mentres, nos exemplares procedentes de varias, o prezo por quilo é de 1,5 euros e por animal acada os 30 euros, continuando sen cambios.

O mercado do ovo experimenta esta semana unha nova suba en tódalas categorías. Así, no caso dos exemplares do tamaño XL e L o incremento foi de 0,02 euros, polo que pasan a cotizarse respectivamente a 1,52 e 1,12 euros a ducia de ovos. Nos exemplares da clase M a suba foi de 0,01 euros e quedan a 0,94 euros a ducia. O mesmo incremento rexistraron os da S, que pasan 0,78 euros.

As galiñas de desvelle semipesadas, as situadas entre os 2,1 e 2,2 quilos, incrementan o seu valor en 0,01 euros e cotízanse entre os 0,05 e os 0,13 euros por quilo.

Na lonxa de Madrid, o coello continúa esta semana sen variacións e sitúase a 1,85 euros el quilo.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-Porcino-22_09_2020

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información