Subas na recría e nos becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia experimenta incrementos dos prezos dos tenreiros para criar e nos carniceiros. Seguen as subas en boa parte do vacún maior. Mínimos cambios nas mesas do porcino

Subas na recría e nos becerros carniceiros en Silleda

Animais no recinto feiral de Silleda. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes novas subas en boa parte das categorías da recría, así como nos becerros carniceiros e nas seccións de maior valor do vacún maior. Esta é a última poxa que se celebrará no mes de agosto, logo de que a do vindeiro martes, día 31, fose suspendida por mor da celebración de Abanca Semana Verde de Galicia, que terá lugar do 3 ó 5 de setembro no recinto feiral. O mercado retomarase de xeito parcial o 7 de setembro, só con becerros de recría.

En canto ós prezos da recría, os animais frisóns experimentaron subas en boa parte das categorías. Os becerros de menos de 20 días cotizáronse a 70 euros, tras un incremento de 15 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, a sección con maior afluencia de gando, a suba foi de 19 euros e sitúanse nun prezo medio de 92 euros. Mentres, as femias desta sección sufriron unha drástica caída e cotízanse só a 38 euros, mentres que a semana pasada estaban nos 151 euros. Nos becerros de máis de 50 días o prezo mantívose nos 110 euros.

Na recría de cruces industriais, o gando máis novo logrou unha suba de 55 euros e atópase nos 231 euros. Nas femias desta sección o incremento foi de 29 euros e sitúanse nos 177 euros. Unha das excepcións deste tipo de gando foron os animais de entre 20 e 50 días. Tanto os machos como as femias experimentaron unha baixada de 6 euros, o que deixa uns prezos medios de 241 e 178 euros respectivamente. No caso dos becerros de máis de 50 días produciuse unha suba de 72 euros, co que acadan os 394 euros. Nas femias, produciuse unha baixada de 35 euros e o prezo medio é de 328 euros.

Nos becerros carniceiros a tendencia foi á alza. A única excepción produciuse nos becerros frisóns, que descontaron 46 euros e atópanse cun prezo de 530 euros. A única femia desta raza, pola contra, conseguiu fixar un prezo medio de 648 euros, o que supón unha suba de 56 euros con respecto da última sesión. Nos becerros de cruzamentos industriais, os machos están en 891 euros, logo dunha suba de 23 euros, mentres que as becerras sitúanse nos 780, cun incremento de 73 euros. Nos animais de Rubia Galega, os machos lograron sumar 40 euros e atópanse nos 905 euros. As femias rexistraron a suba máis destacada, ó incrementar o seu valor en 101 euros e acadar os 852 euros de prezo medio. Nos exemplares co selo Ternera Gallega Suprema logrouse un incremento de 75 euros e cotízanse a 939 euros.

O vacún maior tamén experimentou subas naquelas seccións de maior valor. Así, as vacas da categoría extra cotízanse a 2.040 euros, logo dunha suba de 133 euros. Nos exemplares de primeira o incremento foi de 28 euros e acadan os 1.170 euros. Pola contra, as vacas de segunda descontaron 13 euros e atópanse en 711 euros. Tamén os animais de descarte sufriron unha baixada, de 23 euros no seu caso, e sitúanse nos 460 euros. Os animais co selo Vaca e Boi de Galicia cotizáronse a un prezo medio de 1.321 euros, o que deixa unha baixada de 80 euros con respecto da semana pasada.

Central agropecuaria vacuno 24_08_2021

Cambios mínimos no porcino

Esta semana as mesas de cotizacións do porcino mantivéronse case sen cambios nas cotizacións tanto no porco cebado coma nos leitóns. A única excepción produciuse nos animais de desvelle para os que acordaron unha baixada de 0,02 euros, polo que están entre os 0,48 e os 0,54 euros. Na mentres, o porco selecto e o normal cotízanse a 1,275 e 1,250 euros o quilo, respectivamente. Os exemplares de Canal II sitúanse en 1,623 euros.

Nos leitóns os exemplares procedentes dunha única granxa están nos 34 euros (cun prezo de 1,7 euros o quilo) e os animais chegados de varias ganderías sitúanse nos 29 euros e cun prezo por quilo de 1,45 euros.

No mercado do ovo non houbo cambios este martes. Deste xeito, os ovos da XL cotízanse a 1,88 euros a ducia, os da L están a 1,41 euros, os da M atópanse a 1,28 euros e os da S páganse a 1,04 euros. As galiñas de descarte continúan entre os 0,15 e os 0,22 euros por quilo.

O prezo do coello mantense sen cambios e o quilo segue unha semana máis en 1,80 euros na Lonxa de Madrid.

Central Agropecuaria Porcino 24_08_2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información