Subas na recría e nos becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra subas nos becerros de recría e nos carniceiros. Tamén houbo incrementos dos prezos nalgunhas categorías do vacún maior. Baixa o porco cebado e soben os leitóns

Subas na recría e nos becerros carniceiros en Silleda

Animais no recinto feiral. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia–Abanca, experimentou este martes unha suba xeral nos prezos dos becerros de recría e nos carniceiros. A tendencia á alza apreciouse nos machos, mentres que nas femias os prezos reducíronse na maior parte das categorías. No vacún maior tamén houbo subas nas seccións con máis animais. Na mesa de negociación do porcino acordáronse novas baixadas para o porco cebado, mentres que os leitóns incrementan o seu valor. Tamén houbo subas puntuais nos ovos.

En concreto, os becerros de recría de raza Frisoa experimentaron subas en tódalas seccións. Os animais de menos de 20 días pasaron a cotizarse a 88 euros, logo dunha suba de 9 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa e representativa, o incremento foi de 8 euros, polo que quedan nun prezo medio de 107 euros. Nos animais de máis de 50 días houbo unha suba de 7 euros e acadan os 118 euros.

Nos cruces industriais, os becerros de menos de 20 días pasan a cotizarse a 190 euros, tras descontar 19 euros. Esta foi a única baixada nos machos de recría, porén nas femias a tendencia foi á baixa. Nesta sección descontaron 15 euros e quedan nun valor medio de 144 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, houbo un incremento de 16 euros, polo que acadan os 275 euros. No caso das femias, produciuse unha baixada de 10 euros e cotízanse a 160 euros. Nos animais de maior tamaño, os de máis de 50 días, o prezo medio foi de 381 euros para os machos, logo dunha suba de 5 euros, e as femias atópanse en 236 euros, tras unha rebaixa de 31 euros.

A mesma tendencia se amosou no caso dos becerros carniceiros. Nos animais frisóns o prezo situouse nos 397 euros, tras un incremento de 88 euros. Nos exemplares de cruces industriais, os machos cotizáronse a 786 euros, despois dunha suba de 18 euros. Porén, as femias descontaron 3 euros e quedan nos 707 euros. Nos animais de Rubia Galega, os machos acadaron os 894 euros, logo dunha suba de 62 euros, e as femias descontaron 21 euros, polo que pasan a 765 euros. Os exemplares co selo Ternera Gallega Suprema cotizáronse a 931 euros, 73 euros por encima do acadado na feira pasada.

No vacún maior, as categorías máis numerosas experimentaron lixeiros incrementos dos prezos. Así, as vacas de segunda sumaron 6 euros e quedan cun prezo medio de 708 euros. No caso das vacas de desvelle o incremento foi de 5 euros e acadan un valor de 432 euros. As vacas de primeira pasaron a cotizarse a 1.045 euros, logo dunha baixada de 37 euros. Nos exemplares da categoría extra o prezo reduciuse en 60 euros e quedan nos 1.926 euros.

Central-Agropecuaria-Galicia-Vacuno-10_11_2020

Baixada no porco cebado e subas dos leitóns

A mesa de negociacións do porco cebado volveu acordar esta semana unha baixada dos prezos do porco cebado, que afectan a boa parte das categorías. Mentres, os leitóns experimentaron unha suba despois de varios meses cos prezos estancados.

No porco cebado selecto e normal a redución foi de 0,030 euros, igual que a semana pasada, de tal xeito que quedan cun valor de 1,265 e 1,24 euros respectivamente. Nos porcos de Canal II descontáronse 0,039 euros e pasan a cotizarse a 1,610 euros. Pola súa banda, os animais de desvelle mantéñense sen cambios e atópanse entre os 0,47 e 0,53 euros.

Os leitóns rexistraron unha suba de 4 euros, polo que os animais procedentes dunha única gandería acadan os 39 euros, situándose a 1,95 euros por quilo. Nos exemplares procedentes de varias granxas, o prezo por quilo é de 1,7 euros e por animal acada os 34 euros.

No mercado do ovo esta semana houbo unha única variación dos prezos que afectou á categoría M, que pasan a cotizarse a 0,96 euros a ducia, logo dunha suba de 0,02 euros. Os prezos do resto continúan sen cambios, polo que os da clase XL cotízanse a 1,50 euros a ducia, os da L están a 1,10 euros e os da clase S quedan nos 0,78 euros. As galiñas de desvelle semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, atópanse entre os 0,08 e os 0,15 euros por quilo.

Na lonxa de Madrid, o coello mantense a 2,25 euros o quilo.

Central-Agropecuaria-Galicia-Porcino--10_11_2020-

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información