A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistra este martes unha xornada de récords, tanto nos prezos medios de dúas categorías (becerros de recría e vacún maior), así como cun boi cun prezo histórico. Na recría ademais houbo subas nos prezos, en especial nos becerros de cruces industriais. No vacún maior a tendencia tamén foi á alza. Nos tenreiros de cebo, houbo unha baixada xeral dos prezos medios.
Nas mesas de cotizacións do porcino, esta semana estabilizáronse os prezos tanto no porco cebado coma nos leitóns. Tampouco o mercado do ovo rexistrou variacións.
Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado con respecto da semana pasada. Cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.
Un dos prezos de récord da xornada rexistrouse no valor medio dos becerros de recría. En concreto, o valor medio da sesión foi de 316,87 euros, polo que se superaron os 310,30 euros da semana pasada e que supoñían o maior valor acadado dende o 2015.
En canto ós prezos da recría frisoa, os animais máis novos descontaron 2 euros con respecto da semana pasada e quedan cun prezo medio de 105 euros. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, a sección máis numerosa, o prezo medio situouse nos 155 euros, logo dunha suba de 14 euros. O valor de referencia dos becerros de máis de 50 días foi de 200 euros, 1 euro menos que a semana pasada.
Nos tenreiros de recría de cruzamentos industriais, os animais de menos de 20 días experimentaron unha suba de 41 euros e quedan cun prezo medio de 353 euros. As femias desta sección tiveron un aumento de 43 euros e cotízanse a 265 euros. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, o prezo medio foi de 423 euros, cun incremento de 60 euros. Nas tenreiras produciuse un aumento de 11 euros e acadan os 308 euros. Os animais de máis de 50 días experimentaron unha suba de 17 euros e o prezo medio sitúase nos 651 euros. Nas femias o valor medio é de 438 euros, logo dunha baixada de 9 euros, polo que foron a excepción desta sección.
Nesta xornada, a tendencia foi á baixa nos prezos de referencia para os becerros carniceiros. Os tenreiros frisóns tiveron un prezo medio de 811 euros, é dicir 43 euros menos. Unha das excepcións foron os machos de cruces industriais, que son tamén a sección máis numerosa. Neste caso tiveron un valor medio de 1.038 euros, o que supón unha suba de 20 euros con respecto da feira anterior. As femias descontaron 50 euros do valor medio da semana pasada, e este martes cotizáronse a 897 euros. Os becerros de Rubia Galega tamén incrementaron o seu valor, neste caso en 56 euros e acadan os 1.116 euros de media. As tenreiras desta raza descontaron 53 euros e quedan nos 1.045 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Ternera Gallega Suprema o valor medio quedou en 1.075 euros, o que os sitúa en 4 euros máis que o valor da semana pasada.
O vacún maior tamén experimentou subas. Os animais da categoría extra teñen un valor medio de 2.366 euros, tras un incremento de 82 euros. Mentres, as vacas de primeira sitúanse nos 1.134 euros, logo dun aumento de 9 euros. Nos exemplares de segunda, o prezo medio reduciuse en 5 euros e queda nos 783 euros. Os animais de desfeito teñen un valor de referencia de 472 euros, tras unha suba de 54 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia, o prezo medio foi de 3.645 euros, o que supón tamén un incremento do valor medio de referencia en 1.800 euros, con respecto da semana pasada.
Ademais, o vacún maior foi outra das seccións nas que se acadaron máximos no valor medio das transaccións, ó situarse nos 1.915,24 euros, pasando a ser o maior ata o momento ao superar os 1.769,21 euros do pasado 28 de marzo.
Sen cambios no porcino
As mesas de cotizacións do porcino mantivéronse esta semana sen cambios tanto no porco cebado coma nos leitóns. O porco selecto e o normal teñen un valor de 2,055 e 2,03 euros o quilo. Os porcos de Canal II están a 2,636 euros. Os animais de descarte cotízanse entre 1,37 e 1,43 euros o quilo.
Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 107 euros (cun prezo de 5,35 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 102 euros e cun prezo por quilo de 5,1 euros.
O mercado do ovo continúa esta semana sen cambios. Deste xeito, os ovos da XL están a 2,98 euros a ducia, os da L a 2,77 euros, os ovos da M a 2,41 euros e os da S páganse a 2,16 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas tamén se manteñen sen variacións e cotízanse entre os 0,33 e os 0,41 euros o quilo.
O prezo do coello está nos 2,4 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).