Subas na recría e no vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou este martes subas nos becerros de recría, nos carniceiros e no vacún maior. Tamén houbo incrementos no porcino e os ovos

Subas na recría e no vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes subas xeralizadas en boa parte das categorías que acoden ó mercado. Houbo subas nos nos becerros de recría, así como nos carniceiros e no vacún maior. Nas mesas de prezos tamén se acordou un incremento nos porcos cebados e nos leitóns, así coma nos ovos.

No caso dos becerros de recría de raza Frisoa os prezos mantivéronse moi parellos ós da feira anterior nos animais máis novos, os de menos de 20 días, que se cotizaron a 68 euros, case 0,70 euros menos que a semana pasada. Mentres, nos animais de entre 20 e 50 días, a categoría máis abundante e representativa, o prezo incrementouse en 18 euros para acadar os 108 euros. Nos becerros de máis de 50 días houbo unha baixada de 5 euros e pasaron a cotizarse a 123 euros.

Na recría de razas de cruce a tendencia tamén foi á alza aínda que, de novo, con algunhas excepcións que viñeron dadas polos animais de menos de 20 días, cuxo prezo se situou nos 230 euros, 11 euros por debaixo do rexistrado a semana pasada. Porén, nas femias desta categoría o prezo subiu 25 euros ata os 219 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días produciuse un incremento de 29 euros e o prezo situouse nos 344 euros. As femias desta sección rexistraron unha suba de 9 euros e pasaron a cotizarse a 240 euros. Nos animais de máis de 50 días producíronse as subas máis significativas. No caso dos machos o incremento foi de 70 euros para situarse nos 481 euros e nas femias o prezo subiu 52 euros ata os 365 euros.

Houbo tamén subas nos becerros carniceiros de cruces industriais. No caso dos machos o prezo medio foi de 801 euros, logo dun incremento de 34 euros, e as femias cotizáronse a 721 euros, tras unha suba de 73 euros. Nos animais de raza Frisoa só se contabilizaron 3 exemplares e o prezo medio foi de 423 euros, 120 euros menos que na feira pasada.

No vacún maior houbo subas nas categorías máis significativas. As vacas de primeira situáronse nos 1.100 euros, 31 euros máis que hai unha semana. Nas vacas de segunda o incremento foi de 15 euros, ata os 728 euros. A única excepción produciuse nas vacas de desvelle que se cotizaron a 448 euros, 16 menos que hai unha semana.

Central-Agropecuaria-de-Galicia--Vacun-18_02_2020-

Subas no porcino e nos ovos

En canto ó porcino, nas mesas de cotizacións acordáronse subas en tódalas categorías. No porco cebado as subas foron de 0,040 nos animais selecto e normal que pasan a cotizarse a 1,485 e 1,460 euros o quilo respectivamente. Pola súa banda, a categoría de Canle II cotízase a 1,896 euros o quilo logo do incremento máis significativo, 0,052 euros. Nos animais de desvelle a suba tamén foi de 0,040 euros e pasan a situarse nun intervalo de entre 0,84 e 0,9 euros o quilo.

Os leitóns tamén incrementaron o seu valor esta semana en 3 euros pasando así a cotizarse a 79 euros os animais procedentes dunha única granxa. Mentres, no caso dos porcos chegados de distintas ganderías o prezo sitúase nos 74 euros. O quilo está a 3,95 e 3,7 euros respectivamente.

Os ovos experimentaron subas que afectaron a tódalas categorías. No caso dos ovos de maior tamaño, XL e L o incremento foi de 0,040 euros e pasan a cotizarse a 1,46 e 1,30 euros a ducia, respectivamente. Mentres, os ovos da clase M e S incrementaron o seu valor en 0,030 euros ata 1,17 e 0,95 euros. O prezo das galiñas de desvelle tamén se incrementou, neste caso en 0,02 euros, situándose agora entre os 0,09 e os 0,17 euros por quilo.
Na Lonxa de Madrid esta semana o prezo do coello mantense sen variacións e cotízase a 1,70 euros o quilo.

Central-agropecuaria-Galicia-Porcino-18_02_2020-

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información