Subas na recría de raza Frisoa en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou este martes subas nos becerros de recría frisóns e producíronse baixadas nos cruces industriais e no vacún maior. No porcino e nos ovos houbo incrementos dos prezos

Subas na recría de raza Frisoa en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes subas xeralizadas na recría de raza Frisoa, mentres que nos animais de cruces industriais e no vacún maior predominaron os prezos á baixa. Nas mesas do porcino acordáronse subas para tódalas categorías e tamén houbo incrementos no prezo dos ovos.

No caso dos becerros de recría de raza Frisoa producíronse subas en tódalas categorías. Os animais de menos de 20 días aumentaron o seu valor en 25 euros e acadaron os 112 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa, o prezo subiu 2 euros e situouse nos 120 euros. Nos animais de máis de 50 días o incremento foi de 7 euros ata os 143 euros.

Na recría de cruces industriais a única suba rexistrouse nos becerros de menos de 20 días cuxo prezo se incrementou en 25 euros ata acadar os 266 euros. Mentres, nos becerros de entre 20 e 50 días, a diferenza con respecto ó prezo da semana pasada tamén foi de 25 euros como na categoría anterior, pero neste caso á baixa, de modo que pasaron a cotizarse a 320 euros. Nos becerros de máis de 50 días o prezo caeu en 36 euros e sitúase nos 406 euros.

Nos becerros carniceiros de cruces industriais os machos rexistraron unha caída do prezo en 77 euros e pasan a cotizarse a 768 euros. Mentres, as femias experimentaron un incremento de 21 euros e sitúanse en 784 euros.

Esta semana os prezos do vacún maior experimentaron baixadas nas categorías máis significativas. As vacas de primeira cotízanse a 1.057 euros, 46 euros menos que na feira pasada. Tamén as vacas de segunda rexistraron unha baixada, neste caso máis moderada, de 2 euros, e teñen un prezo medio de 699 euros. As vacas de desvelle foron as únicas que lograron un incremento do prezo, que foi de 19 euros, e pasan a situarse nos 488 euros.

central-agropecuaria-galicia-vacuno-03_03_2020

Subas no porcino e nos ovos

En canto ó porcino, nas mesas de cotizacións acordáronse subas en tódalas categorías. No porco cebado as subas foron de 0,040 nos animais selecto e normal que pasan a cotizarse a 1,555 e 1,530 euros o quilo respectivamente. Os animais de desvelle tamén incrementaron o seu valor en 0,040 euros e sitúanse nun intervalo de entre 0,9 e 0,96 euros por quilo. A suba máis destacada produciuse nos animais de Canle II que acadan un prezo medio de 1,987 euros logo dun incremento de 0,052 euros.

Os leitóns experimentaron unha suba significativa de 4 euros en tódalas categorías. Deste modo, pasan a cotizarse a 85 euros os animais procedentes dunha única granxa. Mentres, no caso dos porcos chegados de distintas ganderías o prezo sitúase nos 80 euros. O quilo está a 4,25 e 4 euros respectivamente.

Os ovos tamén incrementaron o seu valor esta semana tras unha suba de 0,030 euros en tódalas seccións. Deste xeito, os prezos quedan da seguinte maneira. Os ovos de maior tamaño, os da clase XL cotízanse a 1,51 euros a ducia, os da L a 1,35 euros, os da M a 1,20 euros e os da categoría S a 0,98 euros a ducia. Pola súa banda, os prezos das galiñas de desvelle continúan entre os 0,10 e os 0,18 euro por quilo.

Na Lonxa de Madrid o prezo do coello mantense sen variacións e cotízase a 1,70 euros o quilo.

central-agropecuaria-galicia-pocino-03_03_2020

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información