Subas na recría de cruces industriais e nos becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou este martes subas na recría de cruces industriais e nos becerros carniceiros. No porcino e nos ovos continúa a tendencia á alza dos prezos

Subas na recría de cruces industriais e nos becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes subas xeralizadas en boa parte das seccións, tanto no gando vacún como nas mesas de prezos do porcino e os ovos. A excepción veu dada pola recría de raza Frisoa, onde predominou a baixada de prezos.

Así, nos becerros frisóns houbo unha tendencia á baixa nas cotizacións que xa se sentiu nos animais de menos de 20 días, cunha redución de 29 euros con respecto á semana pasada, polo que se situaron nos 83 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa, o prezo baixou 8 euros e situouse nos 112 euros. A única excepción veu nos animais de máis de 50 días, onde houbo un incremento de 8 euros ata os 151 euros.

Na recría de cruces industriais, os becerros de menos de 20 días incrementaron o seu valor en 68 euros ata acadar un prezo medio de 334 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días, o aumento foi de 2 euros para situarse nos 322 euros. Para os xatos de máis de 50 días o prezo medio foi de 439, logo dunha suba de 33 euros.

Tamén houbo subas nos becerros carniceiros de cruces industriais e os machos cotizáronse a 830 euros tras un aumento de 62 euros. Mentres, as femias experimentaron un baixada do prezo de 54 euros e sitúanse en 730 euros. Os becerros frisóns acadaron un prezo medio de 483 euros, fronte ós 191 que se pagaron hai xa 15 días, posto que na pasada semana non se adxudicou ningún becerro desta raza.

Pola súa banda, no vacún maior a tendencia tamén foi á alza, aínda que con excepcións. As vacas de primeira acadaron un prezo de 1.087 euros, 30 euros máis que na feira pasada. Tamén as vacas de segunda rexistraron un incremento do valor, neste caso de 14 euros, e teñen un prezo medio de 713 euros. As vacas de desvelle foron as únicas que rexistraron unha baixada do prezo, que foi de 26 euros, e pasan a situarse nos 462 euros.

 

Central-Agropecuaria-Galicia-10-03-2020-vacuno-

Subas no porcino e nos ovos

No porcino continúa a tendencia á alza e as mesas de cotizacións acordaron subas en case tódalas categorías. No porco cebado as subas foron de 0,020 euros nos animais selecto e normal que pasan a cotizarse a 1,575 e 1,550 euros o quilo respectivamente. A suba máis destacada produciuse nos animais de Canle II que acadan un prezo medio de 2,013 euros logo dun incremento de 0,026 euros. Os animais de desvelle foron os únicos que se mantiveron sen cambios e continúan nun intervalo de entre 0,9 e 0,96 euros por quilo.

Os leitóns encadean unha nova semana de subas, neste caso de 2 euros en tódalas categorías. Deste modo, pasan a cotizarse a 87 euros os animais procedentes dunha única granxa. Mentres, no caso dos porcos chegados de distintas ganderías o prezo sitúase nos 82 euros. O quilo está a 4,35 e 4,1 euros respectivamente.

Os ovos tamén incrementaron o seu valor esta semana logo dunha suba de 0,010 euros en tódalas categorías. Deste xeito, os prezos quedan da seguinte maneira: os ovos de maior tamaño, os da clase XL cotízanse a 1,52 euros a ducia, os da L a 1,36, os da M a 1,21 e os da categoría S a 0,99 euros a ducia. Pola súa banda, os prezos das galiñas de desvelle rexistraron unha baixada de 0,01 euros e pasan a situarse entre os 0,09 e os 0,17 euros por quilo.

Na Lonxa de Madrid o prezo do coello tamén rexistrou esta semana unha suba de 0,15 euros e pasa a comercializarse a 1,85 euros o quilo.

 

Central-Agropecuaria-Galicia-10-03-2020-porcino-

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información