A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca experimentou este martes unha suba dos prezos medios da recría de cruces e nos becerros carniceiros, aínda que tamén houbo excepcións nestas seccións. A tendencia foi á baixa no vacún maior. En canto ás mesas de prezos, o porcino mantense sen cambios e o mercado do ovo e do coello rexistraron subas.
Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado. Cómpre ter presente que esta é unha comparativa entre os prezos deste martes e as cotizacións da feira da semana pasada para coñecer as tendencias dos prezos, pero existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.
Na recría de raza frisoa, os tenreiros máis novos, os de menos de 20 días, foron das excepcións entre os pintos ó rexistrarse unha suba do prezo medio de 29 euros. Deste xeito, cotízanse de media a 114 euros. Mentres, nos tenreiros de entre 20 e 50 días, a sección con maior afluencia de gando do mercado; o prezo medio reduciuse minimamente nun euro con respecto da semana pasada e atópase nos 120 euros. Nos becerros de máis de 50 días amósase unha baixada de 5 euros e o prezo medio foi de 147 euros.
Nos becerros de recría de cruzamentos industriais a tendencia foi á alza nos machos e só nalgunhas seccións as femias acusaron descontos con referencia á semana pasada. Os tenreiros máis novos, os de menos 20 días, tiveron un prezo medio de 260 euros, o que deixa unha suba de 2 euros. As femias tiveron un prezo medio de 179 euros, é dicir 5 euros menos. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días o prezo medio situouse nos 319 euros, o que supón un incremento de 28 euros. Nesta ocasión, tamén as femias rexistraron unha suba, de 14 euros, e cotizáronse a un prezo medio de 222 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días houbo unha suba de 26 euros no prezo medio e sitúanse nos 442 euros. As femias tiveron unha redución de 38 euros e cotizaron de media a 305 euros.
En canto ós prezos dos becerros carniceiros, a tendencia foi á alza. Os tenreiros de cruzamentos industriais, a categoría con maior afluencia, rexistrou unha suba de 3 euros no prezo medio con respecto da semana pasada, de xeito que se sitúa nos 981 euros. As femias tamén experimentaron unha suba, de 63 euros, e acadan un valor medio de 912 euros. Nos animais de Rubia Galega, os machos están nos 1.212 euros, o que supón a suba máis destacada da xornada, ó incrementarse o seu valor medio en 223 euros con respecto da semana pasada. Pola súa banda, as femias descontaron 17 e quedan nos 964 euros. Os becerros pintos tiveron un prezo medio de 610 euros, é dicir, 65 euros menos que a semana anterior. Os animais comercializados baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema tiveron un valor medio de 1.070 euros, o que supón 160 euros máis que a media da última feira.
No vacún maior a tendencia foi á baixa, con algunhas excepcións. As vacas da extra experimentaron unha redución de 137 euros e o valor medio foi de 1.947 euros. Os animais de primeira tiveron unha mínima suba dun euro e o prezo medio queda nos 1.160 euros. As vacas de segunda rexistran unha baixada de 18 euros e o prezo medio é de 762 euros. Nos animais de desfeito o prezo medio foi de 446 euros, o que supón 24 euros menos no prezo medio. Para os exemplares comercializados baixo a IXP Vaca e Boi de Galicia, o prezo medio foi de 2.558 euros, o que amosa unha suba de 314 euros con respecto da semana anterior.
Subas no mercado do ovo
A mesa de cotizacións do porcino mantense sen cambios esta semana tanto para os porcos cebados coma para os leitóns. O porco selecto e o normal cotízanse a 1,750 e 1,725 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,24 euros e os animais de descarte sitúanse entre os 0,73 e os 0,79 euros o quilo.
Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 61 euros (cun prezo de 3,05 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 56 euros e cun prezo por quilo de 2,8 euros.
O mercado do ovo experimentou esta semana subas en tódalas categorías. Os ovos da XL cotízanse a 2,67 euros a ducia, logo dun incremento de 0,05 euros. Mentres, o resto de tamaños rexistraron unha suba de 0,1 euros, o que deixa ós ovos da L nos 2,42 euros, os da M a 2,03 euros e os da S a 1,80 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas cotízanse entre os 0,29 e os 0,36 euros por quilo.
A semana pasada, o mercado do coello (Loncun) experimentou tamén unha suba, neste caso de 0,05 euros e o quilo pasa a cotizarse a 2,60 euros.