A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes un aumento xeral dos prezos medios da recría de cruce e do vacún maior, con subas en tódalas categorías. De feito, o vacún maior mesmo acadou un novo récord histórico absoluto, por un boi de 5 anos de raza mestiza vendido por 10.469 euros. Ademais, nesta xornada superouse o prezo medio da categoría, logo de acadar os 1.604,44 euros.
Mentres, nos becerros carniceiros a tendencia foi á baixa, ó igual que na recría de raza frisoa. Aínda que en ambas se rexistraron excepcións.
Nas mesas de cotización do porcino, esta semana acordáronse novas subas tanto para o porco cebado como para os leitóns. No mercado do ovo a tendencia é tamén á alza, con incrementos en tódalas categorías. Na lonxa de Madrid o coello mantense sen cambios.
Facemos un repaso detallado polas diferentes seccións para coñecer a evolución dos prezos medios con respecto da feira anterior. Na comparativa, que serve de referencia ó sector, cómpre ter presente que existen diversos factores que inflúen nesta variación das cotizacións, como a calidade media que poidan ter os animais (canais, quilos, etc).
Na recría frisoa, nos animais máis novos apenas houbo variacións, xa que descontaron un euro no prezo medio con respecto da semana pasada. Así establécense nos 108 euros de media. Nos becerros de entre 20 e 50 días o valor de referencia foi de 124 euros, o que deixa unha suba de 4 euros con respecto da lonxa pasada. Nos tenreiros de máis de 50 días produciuse unha baixada do prezo medio de 13 euros e cotízanse a 129 euros.
Mentres, na recría de cruzamentos industriais produciuse unha suba xeral dos prezos medios en tódalas categorías. Os becerros máis novos cotízanse de media a 228 euros, logo dunha suba de 37 euros. Nas femias a tendencia foi semellante, cun incremento de 36 euros, cotízanse a 202 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días, o prezo medio é de 301 euros para os machos e de 218 euros nas femias, ó producirse un aumento de 15 e 23 euros respectivamente. Nos becerros de máis de 50 días o prezo medio foi de 485 euros, cunha suba de 100 euros. Nas femias o valor de medio está nos 292 euros, e suman 8 euros con respecto da semana anterior.
Nos becerros carniceiros a tendencia foi á baixa, aínda que con algunhas excepcións. Os animais frisóns tiveron un prezo medio de 783 euros, o que supón unha baixada de 53 euros con respecto da semana pasada. A única femia desta raza vendeuse por 522 euros. Nos becerros de cruces industriais o prezo medio foi de 872 euros, 75 euros por debaixo do prezo de referencia da última lonxa. As femias descontaron 37 euros e o prezo medio sitúase nos 755 euros. Os becerros de Rubia Galega acadaron un prezo medio de 1.019 euros, o que supón unha suba de 44 euros. Nas femias o valor medio está nos 843 euros, é dicir, 21 euros máis que a semana anterior. Os animais co selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema acadaron un prezo medio de 928 euros, o que amosa unha suba de 76 euros.
Ademais de rexistrar varios récords absolutos, o vacún maior tamén cotizou á alza en tódalas seccións. As vacas da categoría extra están nos 2.106 euros de media, logo dunha suba de 134 euros. Nas vacas de primeira o incremento foi de 29 e atópanse nos 1.192 euros. Nas vacas de segunda o prezo medio acada os 781 euros, cunha suba de 4 euros con respecto da última feira. Tamén as vacas de descarte tiveron unha suba, neste caso de 61 euros, e o valor medio é de 522 euros. Os animais co selo da IXP Vaca e Boi de Galicia tiveron un prezo medio de 4.236 euros, mentres que a semana pasada se atopaba nos 2.985 euros.
Subas no porcino
Esta semana as mesas de prezos do porcino acordaron de novo subas tanto no porco cebado como nos leitóns. Así, o porco selecto e o normal tiveron un incremento de 0,05 euros e pasan a cotizarse a 1,205 e 1,180 euros o quilo, respectivamente. A suba máis destacada, ó igual que nas últimas semanas, produciuse nos animais de Canal II, que tiveron un incremento de 0,65 euros e agora sitúanse nun prezo de 1,532 euros o quilo. Os animais de descarte tiveron unha suba de 0,03 euros e cotízanse entre os 0,4 e os 0,46 euros o quilo.
Nos leitóns, produciuse unha suba de 2 euros. Os exemplares chegados dunha única granxa están nos 51 euros (cun prezo de 2,55 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 46 euros e teñen un prezo por quilo de 2,3 euros.
No mercado do ovo houbo de novo subas por valor de 0,08 euros en tódalas categorías. Así os ovos da XL cotízanse a 1,88 euros a ducia, os ovos da L teñen un prezo de 1,59 euros, os da M están 1,41 euros e os da S atópanse a 1,19 a ducia. As galiñas de descarte tamén experimentaron unha suba de 0,01 euros e pasan a cotizarse entre os 0,23 e os 0,30 euros por quilo.
O coello mantense sen cambios e está a pagarse a 1,95 euros o quilo na Lonxa de Madrid.