Subas en boa parte das seccións na primeira feira do ano en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia celebrou este martes a primeira poxa de gando do 2021. Houbo subas en case tódalas seccións de recría, becerros carniceiros e vacún maior, con mínimas excepcións. Rexistráronse tamén incrementos no prezo dos leitóns

Subas en boa parte das seccións na primeira feira do ano en Silleda

Gando no recinto feiral de Silleda. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, en Silleda (Pontevedra), acolleu este martes a primeira poxa de gando deste 2021. Retomouse así a actividade despois de 15 días sen mercado de vacún, debido ós cambios e cancelacións derivadas das celebracións de Nadal. Nesta xornada, na que se contabilizaron uns 789 animais, houbo unha tendencia á alza dos prezos, con subas en boa parte das categorías tanto da recría, como dos becerros carniceiros ou no vacún maior. Nas mesas do porcino, incrementouse o prezo dos leitóns, mentres que o porco cebado mantense sen cambios, ó igual que os ovos e o coello.

En canto ós prezos dos becerros de recría de raza Frisoa, os animais de menos de 20 días marcaron a excepción na sección, cunha baixada de 17 euros, ata os 51 euros de media. No caso dos tenreiros de entre 20 e 50 días, produciuse unha suba de 7 euros e acadan os 78 euros. Tamén os animais de máis de 50 días incrementaron o seu valor, neste caso en 15 euros, para situarse en 115 euros.

Na recría de cruces industriais, os tenreiros de menos de 20 días tiveron un prezo medio de 236 euros, tras sumar 36 euros con respecto da última feira. Nas femias desta sección rexistrouse unha baixada de 12 euros, ata os 125 euros. Os becerros de entre 20 e 50 días tiveron unha mínima suba dun euro e cotízanse a 274 euros. Nas femias desta categoría o incremento foi de 25 euros e acadan os 184 euros. Os becerros de máis de 50 días tamén cotizaron á baixa nesta sesión, cunha redución de 150 euros nos machos e de 52 euros para as femias, de xeito que quedan en 309 e 251 euros, respectivamente.

Nos becerros carniceiros a tendencia foi á alza en tódalas categorías. Os tenreiros de cruces industriais machos situáronse nun valor medio de 775 euros, tras unha suba de 19 euros. Nas femias, o incremento foi de 81 euros, polo que acadan os 746 euros. Nos exemplares de Rubia Galega, o prezo medio estivo nos 904 euros, 53 euros por encima do acadado na última feira, celebrada o pasado 21 de decembro. As femias desta sección sumaron 13 euros e tiveron un prezo de 734 euros. Nos becerros frisóns, os machos están en 430 euros, 51 euros máis que na última poxa. Contabilizáronse dúas becerras frisoas, cun prezo medio de 548 euros. O gando co selo Ternera Gallega Suprema cotizouse a 852 euros, o que supón unha suba de 50 euros.

A tendencia foi á alza tamén no vacún maior. As vacas da categoría extra pasaron a cotizarse a 1.720 euros, logo dun incremento de 58 euros. Nos animais de primeira o prezo subiu 13 euros, ata situarse en 1.081 euros. As vacas de segunda foron a excepción, cunha baixada de 19 euros, polo que quedan en 711 euros. Os exemplares de desfeito sumaron 42 euros e acadan os 454 euros. O único animal adxudicado co selo Vaca e Boi de Galicia, de Ternera Gallega,  fixou un valor de 901 euros.

Central-Agropecuaria-Galicia-Vacun-05_01_2021-2

Subas nos leitóns

No porcino, as mesas de prezos acordaron manter sen cambios o porco cebado e rexistráronse novas subas para os leitóns.

En concreto, os prezos para o porco cebado quedaron do seguinte xeito. Os animais selectos cotízanse a 1,125 euros o quilo, mentres que o normal está a 1,1 euros o quilo. Nos exemplares de Canal II, o prezo sitúase en 1,429 euros e os de desvelle están entre os 0,44 e os 0,5 euros euros o quilo.

Nos leitóns, a mesa decidiu unha suba de 2 euros, de modo que os animais procedentes dunha única gandería acadan os 51 euros, cun prezo de 2,55 euros por quilo. Os bacoriños chegados de distintas granxas sitúanse nun prezo de 2,3 euros o quilo e o animal de 20 quilos ten un valor de 46 euros.

Tampouco houbo cambios no mercado do ovo esta semana. Os ovos da clase XL cotízanse a 1,50 euros a ducia, os da L están a 1,10 euros, os da M sitúanse en 0,96 euros e os da clase S quedan nos 0,78 euros. As galiñas de desvelle semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, atópanse entre os 0,08 e os 0,15 euros por quilo.

O prezo do coello mantense esta semana en 1,80 euros o quilo na Lonxa de Madrid.

Central-Agropec-Porcino-05_01_2021-1

Prezos máis baixos que no 2020

Aínda que nesta primeira sesión se rexistrara un incremento xeral dos prezos con respecto dos marcados na derradeira poxa de gando vacún, celebrada o pasado 21 de decembro, apreciase unha caída das cotizacións con respecto das acadadas a comezos do pasado ano. Na primeira feira do 2020, os prezos tanto da recría, como dos becerros carniceiros, así como o vacún maior ou o porcino estaban en valores superiores ós actuais.

No caso da recría de raza frisoa, a diferenza máis destacaba marcábana os becerros de máis de 50 días, que se cotizaban a un prezo medio de 143 euros, fronte os 115 actuais. Nos becerros de cruces houbo unha redución do prezo de arredor dun 20% con respecto dos manexados a comezos de 2020. A día de hoxe os xatos de ata 50 días cotízanse 60 euros por debaixo do que se marcaba hai un ano, e no caso dos de máis idade chégase ós 80 euros.

Os becerros carniceiros tamén acusaron unha redución das cotizacións e pasaron de acadar valores medios de máis de 860 euros para os exemplares de cruces industriais a situarse nos 775 euros.

O vacún maior tamén está por debaixo dos prezos acadados a comezos do 2020, cotizándose entre un 3 e un 5% menos.

No porcino apreciase igualmente unha baixada dos prezos. O porco cebado selecto estaba en 1,525 euros a comezos do 2020, e o normal cotizábase a 1,5 euros o quilo. Os leitóns acadaran xa un prezo de 75 euros para os animais de 20 quilos procedentes dunha única granxa, mentres que os chegados de distintas ganderías se situaban a 70 euros.

No mercado do ovo, a excepción dos ovos XL, que se situaban por debaixo dos 1,5 euros ós que se paga hoxe a ducia, no resto de categorías os prezos estaban todos por encima dos actuais. Así, os da L estaban a 1,33 euros, fronte ós 1,10 euros que se paga a ducia, os da M acadaban 1,22 euros ( 0,96 euros) e os da S a 1 euros mentres que hoxe están a 0,78 euros.

O coello acababa de sufrir a comezos do 2020 unha redución de 0,15 euros, pero ata o momento situábase no mesmo prezo que na actualidade, 1,80 euros o quilo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información