Suba xeralizada de prezos nos contratos do leite, con primas para atraer granxas grandes

A captación de leite por parte de Reny Picot, subindo até os 49 céntimos, desencadeou un movemento en cadea doutras empresas: Inleit adiantou a sinatura mellorando 3 céntimos, Naturleite prometeu 2 e Larsa ofrece 1 máis, con diferenzas de até 6 céntimos entre as explotacións máis grandes e as ganderías máis pequenas

FINCA CABREIRA (Irixoa) mozos relevo xeracional man de obra empregados traballadores sala de ordeño1Os movementos en cadea das empresas que compran leite en Galicia para asegurarse o subministro de materia prima de cara aos vindeiros meses están a impulsar unha alza de prezos no campo que se está a plasmar nos contratos, con subas de entre 1 e 3 céntimos, dependendo da empresa, deixando os prezos finais para as granxas máis grandes no entorno dos 48-50 céntimos.

O escenario actual de renovación dos acordos cos gandeiros é de incremento do prezo base e das primas asociadas, sobre todo das de volume, coa intención de primar ás granxas de máis volume de produción, o que está a provocar diferenzas moi notables, de até 6 céntimos, entre explotacións veciñas en función do seu tamaño.

As empresas priman claramente as ganderías grandes, con diferenzas por volume que chegan mesmo aos 6 céntimos

Agás o acordo que pechou Reny Picot coa cooperativa Xallas, que se alonga por un ano, a duración dos contratos que se está a asinar polo de agora, como os de Inleit ou Larsa, é de catro meses, polo que tocaría renovar de novo en agosto, e agárdase que as empresas que faltan por saír, como Lactalis, Naturleite, Entrepinares, Río ou Celta, vaian na mesma liña.

Os movementos en cadena das empresas para asegurarse o abastecemento de materia prima están a impulsar a alza de prezos

A pugna aberta entre industrias, ben para asegurarse a continuidade das súas granxas subministradoras, ben para captar leite, están a rachar a tradicional neutralidade, xogando a favor da posición negociadora dos gandeiros, polo que desde os sindicatos agrarios e as organizaciones de productores estase a pedir aos titulares das explotacións que non se apresuren a asinar as propostas de contrato iniciais, dado que o período de negociación segue aberto e estenderase até máis aló de mediados de marzo.

Leite para a queixería de Navia

Unha vez cumprido co trámite legal pertinente da presentación de ofertas previas, que incluían na maioría dos casos a xa habitual ameaza de baixadas de prezo pero que decaen por si soas aos 15 días ante a falta de resposta dos gandeiros, Reny Picot abriu a veda da verdadeira negociación coa captación de 150.000 litros diarios de leite de socios da cooperativa Xallas, que levaban case tres décadas entregando a Leche Celta. O contrato é por un ano.

O contrato asinado por Reny Picot coa cooperativa Xallas ten unha duración de 12 meses

A guerra desencadenada por sorpresa por Larsa en decembro, cando decidiu tocar a ganderías dos seus competidores, provocou a reacción de ILAS, subindo prezos. Para manter ás granxas de máis volume, Reny Picot púxoas daquela a 48 céntimos, na liña dos prezos pagados tamén por Larsa ou Río.

Aínda que a cooperativa Xallas vende o leite en bloque, a sinatura de contratos é individual, con prezos diferentes en función da produción de cada granxa

Agora, mellora ese prezo no acordo coa cooperativa Xallas para as explotacións de máis de 100.000 litros mensuais, que chegarían a cobrar 49 céntimos, pero os máis pequenos non acadan ese prezo, unha desigualdade que está a provocar certo malestar e descontento interno, segundo aseguran fontes do sector, pois aínda que a venda é en bloque, Reny Picot vai asinando un a un con cada socio.

A apertura da planta de Outeiro de Rei segue empantanada

Aínda que a posta en marcha da planta de Outeiro de Rei, onde Reny Picot anunciou no momento da súa adquisición a posta en marcha dun proxecto industrial de fabricación de queixo, segue paralizada polo momento, Reny precisa máis leite para a súa factoría de Anleo (Navia), onde acaba de ampliar a súa liña de fabricación de queixo mozarela.

Inleit adiantou a sinatura a febreiro

Un par de días despois de que Reny Picot pechara o acordo con Xallas, Inleit decidiu saír anticipadamente, adiantando a sinatura do novo contrato para tratar de amarrar aos seus gandeiros cunha suba de 3 céntimos que se aplicaría xa ao leite do mes de marzo.

Reny Picot foi quen provocou desta volta o movemento en Galicia e o ascenso xeralizado de prezos

Deste xeito, o prezo base do leite que a empresa de capital español e americano recolle para a planta de Teixeiro quedaría en 46 céntimos, incluída a prima super AA de calidade hixiénico-sanitaria, que se descontaría en caso de incumprimento (medio céntimo en caso de estar por enriba de 30.000 xermes e 200.000 células e un céntimo se se superan niveis de 50.000 e 250.000).

A maiores, estableceríanse a prima por volume, que vai por tramos e chega a supoñer até 3 céntimos a maiores: de 100.000 a 150.000 litros ao mes 1 céntimo, de 150.000 a 200.000 1,5, de 200.000 a 250.000 2 céntimos, de 250.000 a 300.000 2,5 e máis de 3 céntimos para as granxas de máis de 300.000 litros.

Larsa mellora un céntimo e implanta a prima de benestar

Trala acción relámpago de Inleit, esta semana saíu tamén Larsa, que ofrece unha mellora total dun céntimo no seu contrato, que xa era un dos máis altos do mercado neste momento, sobre todo para o caso das granxas máis grandes.

A empresa galega pertencente á asturiana CAPSA mantén o prezo base en 42 céntimos e a prima de dobre A (até 1,5 céntimos) pero sobe a prima por volume de entregas, que até agora chegaba até 4,5 céntimos e pasa a 6, creándose dous novos tramos por arriba (5,5 céntimos para ganderías de entre 2,5 e 3 millóns de litros ao ano e 6 céntimos para as de máis de 3 millóns) e subindo medio céntimo ao resto de niveis por abaixo desas cantidades.

Unha explotación de máis de 3 millóns de litros ao ano que cumpra benestar e bacterioloxía chegaría a cobrar os 50 céntimos

Outra das novidades do novo contrato de Larsa é a introdución por primeira vez dunha prima de benestar animal, que vai en función dos puntos acadados na inspección realizada dentro do protocolo Welfair, a conta de  0,01 céntimo por punto. Dado que a empresa se atopa no primeiro ano de adopción do certificado de benestar animal, o mínimo para que unha granxa supere o exame son 45 puntos (equivalentes a 0,45 céntimos), aínda que a maioría chegaría ao medio céntimo. As ganderías que estean en pastoreo seguirían cobrando a maiores unha prima de 1,5 céntimos. 

Deste xeito, unha explotación de máis de 3 millóns de litros ao ano que cumpra coas esixencias hixiénico sanitarias (a super A de Larsa é esixente, de menos de 25.000 xermes e 190.000 células) e de benestar animal, chegaría a cobrar, coa suba global total por volume e benestar, os 50 céntimos.

Promesas de Naturleite e Celta

Co avispeiro revolto e os gandeiros inquedos, o resto de empresas están a facer anuncios e promesas ás súas explotacións para tranquilizalas. É o caso de Naturleite, que falou con elas para anunciarlles unha suba con carácter retroactivo dun céntimo desde xaneiro (incluído o leite dese mes) que se repagaría nunha prima única en abril.

Había descontento entre as granxas de Naturleite por estar cobrando un céntimo menos que as de Entrepinares, que tamén fabrica para Mercadona

O cobro dese diferencial dun céntimo por litro no primeiro trimestre, para igualar o prezo co que paga Entrepinares, que tamén fabrica para Mercadona e que subiu a 47 céntimos en decembro, estaría condicionado á renovación do contrato coa planta de Meira, o que por parte dalgúns gandeiros está a ser cualificado de “chantaxe” para que asinen o novo contrato.

A planta de Meira anuncia unha suba dun céntimo no leite xa entregado en xaneiro que se cobraría en abril

A industria pertencente á cooperativa andaluza COVAP, trasladoulle ás granxas que non hai outro xeito de facelo, xa que a AICA impediría facer cambios no contrato vixente, segundo están a explicarlles aos gandeiros os representantes da empresa. Naturleite está a prometer tamén a suba doutro céntimo máis en abril no novo contrato, que quedaría en 48 céntimos, pero as explotacións agardan velo plasmado no papel, despois de que se produciran promesas semellantes no anterior contrato que ao final non se chegaron a efectivizar.

Tamén Leche Celta, que tampouco presentou contrato algún ás súas granxas, está a chamar aos gandeiros para dicirlles que estean tranquilos porque desde a empresa son conscientes do revuelo existente trala marcha da cooperativa Xallas e presentarán unha proposta á altura das circunstancias.

Celta baixou de 42 a 41 céntimos o prezo base en outubro e recuperounos en decembro

A empresa pertencente á cooperativa portuguesa Lactogal precisa leite para a súa fábrica de Pontedeume, onde puxo en funcionamento o ano pasado unha nova liña de envasado de manteiga, e para a planta de Ávila, onde comezou a fabricar queixos brandos e fundidos, pero co leite en Portugal un par de céntimos máis barato que en España a tentación de traelo do país veciño é grande.

Leite Río, á espera de que saia Lactalis

O Grupo Lence sairá este venres (o último día para facelo) cunha oferta a un ano igual ao contrato actual unicamente coa intención de cumprir co trámite legal establecido no Paquete Lácteo: a presentación de ofertas con 2 meses de antelación á finalización do contrato vixente, que no caso de Leite Río e Leyma, acaba o 30 de abril, ao igual que ocorre con Pascual.

Os contratos de Río, Leyma e Pascual rematan o 30 de abril

Leite Río agardará a que saian o resto de empresas, entre elas Lactalis, para lanzar o seu contrato, pero avanzan que o farán “apostando pola continuidade e a estabilidade, que é o que os gandeiros queren” o que podería inducir a un período de vixencia máis aló dos 4 meses.

A estratexia de alongamento dos contratos xa foi a que seguiu o Grupo Lence na última renovación levada a cabo no verán, igual que fixo tamén a multinacional francesa. En canto a unha posible subida, recoñecen que “non vemos posible manter os prezos actuais (sen subilos), tal como está o escenario en Galicia nestes momentos”.

O prezo base do Grupo Lence é actualmente de 39,7 céntimos máis unha prima de fidelización

Lactalis, que presentou unha oferta á baixa fai un mes, cun descenso de dous céntimos no prezo base até setembro, quedando en 39 céntimos, quedou descolocada polo que pasou despois no mercado en Galicia, polo que tamén se espera que se vexa obrigada a corrixir á alza as súas previsións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información