A Central Agropecuaria de Galicia (Silleda) celebrou hoxe a súa primeira poxa de 2025 na que rexistrou uns prezos lixeiramente superiores en case todas as categorías, con respecto á última cita completa do 2024, celebrada o 17 de decembro.
En canto á asistencia, rexistráronse un total de 1.154 animais, dos cales 1.115 foron adxudicados.
Prezos do gando
A continuación, facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.
Nos becerros de recría da raza frisoa, os de 15 a 20 días cotizáronse a 170 euros, 15 euros máis que na do 17 de decembro; os de 21 a 50 días a 230 euros, cun incremento de 13 euros, do mesmo xeito que os de máis de 50 días que se pagaron de media a 276 euros (+13 euros). En canto aos de cruzamento industrial, os máis novos quedaron cun valor medio de 456 euros (-5 euros), pola contra, as femias vendéronse a 313 euros e subiron 24. Os de 21 a 50 días chegaron aos 564 euros (+50) e as femias a 396 euros (+71 euros). Os máis adultos alcanzaron un prezo medio de 695 euros (-50 euros) e as femias de 521 euros (-24).
Nos becerros carniceiros, os machos de cruzamento industrial aumentaron o seu valor medio en 5 euros e chegaron aos 1.331 euros con respecto á poxa pasada, mentres que nas femias o descenso foi de 43 euros e chegan aos 1.065 euros. Pola súa banda, os de Rubia Galega vendéronse a 1.424 euros de media os machos (+24 euros) e a 1.146 euros as femias (+10). Os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema incrementaron o seu valor 53 euros e fixan unha media de 1.364 euros por animal.
No vacún maior, só houbo baixada na categoría primeira (-15 euros) e os animais saíron por un valor medio de 1.131 euros. Na categoría extra a suba foi de 98 euros e alcanzaron un prezo de 2.227 euros; os de segunda subiron 41 euros e chegaron aos 828 euros de media e finalmente na categoría de desfeito non houbo vendas, do mesmo xeito que na poxa do 17 de decembro. Os animais vendidos baixo o selo de Vaca e Boi de Galicia presentan un ascenso de 219 euros e quedan cun prezo de saída de 1.845 euros.
Mesas de prezos
As mesas de cotizacións do porcino mantéñense igual que a semana pasada: o selecto a 1,595 euros/kg; o normal a 1,570; a canle II a 2,039 e o de desvieje a 0,65/0,71.
Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa soben ata os 73 euros (cun prezo de 3,65 euros o quilo) e os animais procedentes de varias gandarías cotízanse a 68 euros e cun prezo por quilo de 3,4 euros. En ambos os casos a suba foi de dous euros por unidade.
No mercado do ovo, os prezos mantéñense igual: os da XL en 3,13 euros; os da L en 2,59; os da M en 2,38 e os da S a 2,08.
O prezo do coello segue nos os 2,40 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun), tras a baixada na semana do 26 de decembro de 0,15 euros.