Tendencia desigual na sesión desta semana da Central Agropecuaria de Galicia en Silleda, con suba no vacún maior e novo récord do prezo pagado por unha vaca e descenso das cotizacións da recría e os becerros carniceiros.
Na recría continuou a tendencia á baixa mostrada na semana anterior, cunha caída nas cotizacións dos becerros frisóns tanto de menos de tres semanas, que perderon 40 euros de media, como de 21 a 50 días, que caeron 30 euros. Nos de cruzamento industrial, baixaron tanto os máis pequenos como os de máis de 50 días, manténdose o prezo do grupo intermedio, que mesmo gañaron 13 euros de media por animal.
Na categoría de animais pasteiros, produciuse un descenso importante no valor dos xatos de cruzamento industrial, cunha perda media de 90 euros, mentres que no caso das femias a baixada foi inferior, duns 50 euros. Na rubia galega, a caída foi semellante para os machos, de case 100 euros, pero cunha suba de prezo dos animais marcados dentro da IXP Ternera Gallega Suprema.
A sesión en negativo deste martes en Silleda trasladouse tamén aos becerros carniceiros, cun descenso medio de case 50 euros nos machos cruzados e de 40 euros nas femias. Nos animais de raza rubia galega, a perda de valor foi de 100 euros en ambos casos, sendo moito menos acusada (só 15 euros) no gando marcado co selo de Ternera Gallega Suprema.
No lado positivo do día volveu estar o vacún maior, que segue encadeando máximos. O valor das vacas de categoría Extra (a maioría das que se levan a Silleda na actualidade son clasificadas así) superou esta semana os 2.700 euros (concretamente a media situouse en 2.741€), logo de gañar 170 euros de media con respecto á semana pasada. A categoría Primeira mantivo prezos, cunha lixeira mellora.
Nas mesas de prezos do resto de especies gandeiras, destaca por segunda semana consecutiva a baixada nas cotizacións dos bacoriños, que perderon outros 3 euros por animal (a semana pasada foron 2), situándose en 65 euros no caso de leitóns de procedencia dunha única granxa e en 60 se veñen de varias. O porcino cebado mantivo o valor, ao igual que os coellos e os ovos, producíndose un descenso dun céntimo nas galiñas de desvelle.
Descarga o pdf coas cotizacións desta semana neste enlace.
Galego









Control OJD