“A suba do prezo do leite bloquéana os supermercados”

As industrias lácteas e cooperativas son unánimes no diagnóstico da situación do sector: é preciso subir o prezo do leite polo aumento dos custos de produción no campo, pero as cadeas de supermercados impiden esa mellora

“A suba do prezo do leite bloquéana os supermercados”

A subida dos custos de alimentación nos últimos meses, unida á da electricidade, gasóleo e outras materias primas, descadra as contas das ganderías de leite.

Os números das granxas de leite están contra as cordas pola suba dos pensos e doutros gastos como electricidade, gasóleo ou abonos. Cos custos de produción disparados, o único alivio que se presenta no horizonte é unha posible suba do prezo do leite, como a aplicada por Naturleite e Pascual. O problema é que a maioría das industrias lácteas e cooperativas con transformación industrial decláranse incapaces de trasladar unha posible suba no campo ós supermercados. “O prezo do leite bloquéano os supermercados”, argumentan.

Falamos coas principais industrias que operan en Galicia e resumimos a continuación as súas valoracións.

LACTALIS

“O prezo de venda ó público fíxao a distribución. A partir daí, confórmase o reparto de valor cara o resto da cadea”

Consultada sobre unha posible suba de prezos do leite no campo, Lactalis lembra que “o prezo de venda ó público fíxao a distribución, non o fabricante. A partir daí confórmase o reparto de valor cara o resto da cadea, é dicir, de arriba cara abaixo, e nos últimos anos, lonxe de crearse valor, destruíuse”, conclúen.

O Grupo Lactalis, que en Galicia conta con dúas plantas en Lugo (Puleva) e Vilalba, subliña que está “preocupado” pola cadea de valor do leite no seu conxunto e por avanzar nun sector lácteo dimensionado e eficiente que xere valor engadido en tódolos puntos da cadea, desde as granxas ata as industrias.

Por ese motivo, a compañía avoga por unha estratexia de dignificación e revalorización da actividade primaria do sector, unha cuestión que entende que se tería que traballar a nivel estatal desde as Administracións públicas, na liña do Acordo Lácteo asinado no 2015 no Ministerio de Agricultura.

Na empresa lembran, por último, que teñen contratos estables coas súas granxas a 12 meses, “que se asinaron cubrindo custos de produción”. A compañía asinou a maioría dos seus contratos no inverno, se ben ten que renovar os contratos de arredor de 170 granxas en setembro.

GRUPO LENCE

“Imos estar quedos por agora. Cos prezos que hai no lineal non podemos subir”

Cristina Dopico é a responsable de compras en campo do Grupo Lence, que aglutina a marcas como Leyma ou Río de Galicia. Son a maior empresa láctea de capital galego que opera na comunidade e recollen o leite a 435 ganderías das provincias de Lugo e A Coruña, na meirande parte explotacións familiares de pequeno tamaño. O pasado ano nas tres plantas que mantén operativas o Grupo Lence procesaron un total de 222 millóns de litros de leite, case todo destinado a leite líquido e arredor dun terzo envasado como marca branca para a distribución.

Como a maioría de industrias lácteas que recollen en Galicia, a maior parte dos contratos do Grupo Lence foron renovados o pasado 1 de abril, con baixadas nese caso de medio céntimo nalgúns deles, pero aínda queda outra pequena parte de asinar en agosto, aos que se lles manterá o prezo, indica a responsable de compras da compañía lucense.

A culpa non a teñen as ganderías e entendemos perfectamente a súa situación, porque subiu todo, pero non podemos crear unha ilusión que logo non podamos cumprir

As ofertas que están a chegar ás granxas que entregan a Río manteñen o prezo base en 29,5 céntimos. Cristina Dopico xustifica a decisión: “Nós imos estar quedos polo de agora. Non queremos andar xogando cos prezos e non podemos crear unha ilusión nos gandeiros que logo non podamos cumprir. Cos prezos actuais que hai no lineal non podemos subir porque non se sostén”, asegura.

“Se Mercadona sobe, as demais tamén subirán”

“Nós temos que pagar o que podemos asumir, gustaríanos pagar máis, pero tal como está o prezo na distribución é imposible”, afirma a responsable de campo de Leite Río, que ten esperanzas en que a posible suba de prezos de Mercadona arrastre tamén ao resto de cadeas de supermercados.

“Mercadona é a que está marcando o prezo na distribución a día de hoxe. Se sobe Mercadona as demais tamén subirán e iso permitiranos a nós trasladar ese incremento aos gandeiros”, defende. “Hai que facer fincapé na distribución, non poden poñer o leite como reclamo porque iso arrastra despois á industria e aos gandeiros”, engade.

Hai que facer fincapé na distribución, non poden poñer o leite como reclamo porque iso arrastra despois á industria e aos gandeiros

Cristina Dopico é sensible á situación pola que están a pasar moitas explotacións debido á suba dos custos de produción pero matiza que “os contratos están para cumprilos e non para andar xogando con eles”.

E pon como exemplo o acontecido o ano pasado, cando o coronavirus forzou a outras empresas, como Inleit, a revisar á baixa os prezos, mentras Río decidiu mantelos a pesar da situación. “O ano pasado foi terrorífico, pero os contratos non se moveron, cumprímolos, senón é enganar aos gandeiros”, opina.

Para tratar de non depender tanto dos prezos que fixa a distribución, o Grupo Lence está ampliando a gama que elabora con produtos de maior valor engadido e maior marxe. Está a piques de sacar ao mercado dous batidos, un de cereais para o almorzo e outro de proteínas para deportistas. “Con esa intención se fai, para poder pagar máis aos gandeiros, pero sacar estes novos produtos nos que tes máis marxe leva tempo”, conclúe.

CLUN

“Non temos capacidade para repercutir nos supermercados unha suba do leite no campo”

O presidente de Clun, José Ángel Blanco, combina a visión das granxas dos socios coa perspectiva que lle dá tamén a parte industrial da cooperativa. “O problema que temos de aumento de custos nas granxas é importante, pero no prezo do leite carecemos de marxe de actuación”, lamenta.

“Clun non é capaz de repercutir nas cadeas de supermercados un aumento de prezo. Pero dada a situación das granxas, no consello de administración tomamos a decisión de darlle un empuxonciño ó prezo do leite en agosto no campo. Farémolo a costa das contas da nosa parte industrial”, advirte José Ángel, que por agora non precisa en que grao serán capaces de aumentar o prezo, aínda que, dadas as estreiteces de marxe que manexa a parte industrial da cooperativa, espérase que sexa un apoio simbólico ás granxas.

“Na cooperativa quedaremos a pre, axustando o máximo para non perder cartos. Máis non podemos facer, xa baixamos as marxes dos pensos hai 2-3 meses e chegamos ó límite do posible para axudar ós socios”, conclúe o presidente de Clun.


Actualización (15 horas): Clun vén de precisar en nota de prensa que a suba decidida no leite aplicarase con carácter retroactivo desde o 1 de xullo. A cooperativa incide en que “a suba do prezo final resulta clave para rebaixar as presións que soporta o sector produtor”, polo que pide xestos por parte dos supermercados.

AIRA

“O compromiso cos socios é trasladar o 100% do prezo que se consiga polo leite”

Na cooperativa Aira, outra das principais cooperativas transformadoras de Galicia, xa se rexistrou no mes de marzo unha lixeira suba dos prezos que se lle pagan ós produtores. Daquela, a suba foi de 2 euros por tonelada e non foi a única, xa que ó longo do 2021, houbo un incremento de 3,5 euros por tonelada no prezo do leite.

Unha parte do leite das ganderías socias de Aira transfórmase na planta de Melide, Galacteum, mentres que outra parte subminístranllo a distintas industrias lácteas. Así, agardan poder lograr unha renegociación dos prezos do leite coas industrias ás que lles venden ó leite cara ó final do verán. “O noso compromiso cos socios é trasladar o 100% do prezo que se consiga polo leite ós gandeiros”, detalla o director xeral de Aira, Daniel Ferreiro.

Malia estes aumentos do prezo do leite, e pese ó importante esforzo feito dende a cooperativa para conter os prezos dos produtos e servizos, especialmente nos pensos e mesturas, dende Aira recoñecen que as subas do leite están a ser aínda insuficientes para que os gandeiros afronten o aumento dos custos de produción.

LEITE NOSO (Deleite)

“O futuro está en buscar rendibilidade, non en pelexar coa marca branca da distribución”

Desde Leite Noso, a sociedade gandeira que envasa a marca Deleite, subliñan que teñen asinados no campo contratos estables a tres anos “con bos prezos”. A sociedade só envasa con marca propia, “que se vende no lineal a un prezo equiparable ós doutras primeiras marcas de calidade”, e non traballa con marcas brancas.

“O futuro -valoran- está en buscar rendibilidade para o leite, non en pelexar coas marcas brancas da distribución”. Leite Noso sinala que traballa nestes momentos en novas liñas de produto coas que busca valorizar o leite das súas granxas proveedoras.

CAPSA

Capsa ten prevista unha reunión con Ulega a próxima semana

Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa), a matriz asturiana de Larsa, ten a sempre difícil tarefa de explicar no campo o porqué da diferenza de prezos entre Asturias e Galicia. Se ó outro lado do Eo os gandeiros cobran de media 35,4 céntimos, principalmente polos bos prezos que perciben as granxas socias de Clas (Capsa), en Galicia a media sitúase en 32,7 céntimos, liña na que se moven tamén os prezos de Larsa (Capsa).

Consultada Capsa por Campo Galego sobre a posibilidade dunha suba dos prezos do leite no campo, a compañía asturiana renunciou a facer valoracións. Para a próxima semana, está prevista unha reunión da organización de produtores Ulega, ligada a Unións Agrarias, con Capsa.

Ulega está mantendo contactos con tódalas industrias e cadeas de distribución para sondear as posibilidade de revalorizar o leite no campo.

RENY PICOT

Reny Picot trasládalle ás granxas que “a curto prazo” a súa situación de mercado é complicada

A industria asturiana Reny Picot, que centra a súa actividade nos produtos lácteos industriais (manteiga, leite en po) viviu un bo último ano, coa progresiva suba de prezos experimentada no mercado polas súas principais liñas de produto. Nas últimas semanas, sen embargo, os prezos de manteiga e leite en po iniciaron unha liña descendente, o que leva á compañía a empeorar as súas perspectivas para os próximos meses.

A empresa estalle a trasladar as súas granxas proveedoras que non será posible unha revalorización do leite no campo “a curto prazo”, pois pensa que para a próxima semana xa comezará a “sobrar nata en España”, ó estar os stocks altos en Francia.

Reny Picot non ten que renovar contratos en Galicia ata fin de ano, polo que non se agarda ningún movemento pola súa banda antes diso. Desde o sector recoñecen que efectivamente os prezos dos produtos lácteos industriais iniciaron un lixeiro descenso, pero precisan tamén que a manteiga está a un prezo un 18% superior ó de hai un ano, en tanto o leite en po desnatado está un 19% máis caro.

ENTREPINARES

“Nós nunca fomos unha empresa que se quedase atrás, intentaremos estar aí”

Xunto con Naturleite, Entrepinares é un dos principais proveedores lácteos de Mercadona, neste caso de queixos. A compañía, que duplicou a súa produción desde que se instalou en Vilalba, procesará 180 millóns de litros este ano.

En Entrepinares están á espera dos posibles movementos de Mercadona para aplicar tamén eles unha suba no campo. “Nós nunca fomos unha empresa que se quedase atrás. Se Mercadona move algo de ficha con nós, nós tamén o faremos cos gandeiros”, anuncia Víctor Villarino, responsable de compras de leite da fábrica de Vilalba. “De momento non hai nada decidido, pero tentaremos estar aí, como estivemos sempre, pero non poido dicir aínda nin como, nin cando nin canto”, matiza.

O noso prezo base neste momento é de 32,76 céntimos, pero o prezo medio final con calidades sobe até 36 céntimos

A empresa, con sede en Valladolid, renovou os contratos a todos os seus gandeiros o día 1 de abril. “Melloramos algo o prezo nese momento”, indica Víctor, que non descarta unha modificación dos contratos á alza se a situación o permite, aínda que evita comparacións con Naturleite. “Nós valoramos as calidades porque pagamos moito a proteína e a graxa. O noso prezo base é de 32,76 céntimos, pero o prezo medio final con calidades sobe até 36 céntimos”, detalla.

Acordo da distribución

O responsable de compras de Entrepinares tamén considera que a clave dunha posible revalorización dos prezos aos produtores pasa por unha suba do brick no lineal dos supermercados e aí, di, o peso de Mercadona é moi importante, xa non só polo seu volume de vendas, senón polo efecto arrastre do resto de cadeas de supermercados e grandes superficies.

Mercadona traballa o 31% do leite líquido de España

“Mercadona traballa neste momento o 31% do leite líquido de España. Se ela ten o leite a 59 céntimos, as demais tamén, pero se ela o ten a 62 céntimos o resto tamén o terán a ese prezo”, razoa.

Por iso, reprocha que haxa cadeas, como a galega Gadis, que neste momento manteñan a súa marca Campo Nuestro a 56 céntimos. “Se todos se moven, os gandeiros estarán moito mellor e non irán á quebra. A decisión é das cadeas de distribución e non pasaría nada por subir 3 céntimos o prezo do leite no lineal ao consumidor”, asegura.

“Demos un paso adiante e ogallá todo o mundo o siga. O prezo que percibe o gandeiro non é viable”

* Campo Galego

Reportaxe elaborado por Gonzalo Brocos, Camilo Friol e Laura Martínez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información