Suba na recría de cruces industriais en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou este martes unha suba dos becerros de recría de cruces industriais e unha baixada dos prezos do vacún maior. Mantéñense os prezos no porcino e os dos ovos e sobe o coello

Suba na recría de cruces industriais en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes unha suba nos becerros de recría de razas industriais mentres nos frisóns houbo unha lixeira baixada dos prezos. Ó igual que a semana pasada, volveu rexistrase unha baixada no vacún maior. Sen cambios no porcino e nos ovos e sobe o coello.

En concreto, no referido ós becerros de recría de raza Frisoa rexistrouse unha baixada dos prezos en tódalas categorías. Así, os tenreiros de menos de 20 días cotizáronse a 69 euros, case 2 euros menos. Nos becerros de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa e representativa, a baixada foi de 3 euros e pasaron a 91 euros. Mentres, os animais de máis de 50 días experimentaron a redución máis destacada, ó baixar o prezo en 20 euros e situarse en 117 euros.

Na recría de razas de cruces industriais a tendencia foi á alza, pero con excepcións. Deste xeito, nos animais de menos de 20 días o prezo medio dos machos subiu en 48 euros e cotizáronse a 261 euros. Os becerros de entre 20 e 50 días -a categoría máis numerosa e representativa- rexistraron unha suba de 7 euros e sitúanse nun prezo de 347 euros os machos, e de 249 euros as femias, 14 euros máis que o pasado martes. A única excepción veu nos animais de máis de 50 días, que reduciron o seu valor en 32 euros os machos, situándose en 484 euros, mentres que as femias baixaron ata os 358 euros, 48 menos que a pasada semana.

Nos becerros carniceiros de cruces industriais o prezo medio foi de 763 euros para os machos, 76 por debaixo do acadado hai unha semana; e 645 euros para as femias, 79 menos que o martes pasado. Nos machos frisóns o prezo medio foi de 570 euros,19 máis que o acadado na pasada feira.

O gando de vacún maior experimentou unha caída xeral das cotizacións. As vacas de primeira tiveron un prezo medio de 1.093 euros, 21 euros menos que a feira pasada. As vacas de segunda -a categoría máis numerosa- marcaron a excepción cun incremento do prezo medio de 29 euros ata acadar os 736 euros. Mentres, os animais de desvelle cotizáronse a 440 euros, logo dunha baixada de 13 euros.

Central-Agropecuaria-Galicia-Vacun-04.02.2020

Sen cambios no porcino e suba no coello

En canto ó porcino, nas mesas de cotizacións acordouse manter os prezos en tódalas categorías. Así, o porco cebado selecto e o normal mantéñense en 1,445 e 1,420 euros o quilo respectivamente. Pola súa banda, a categoría de Canle II cotízase a 1,844 euros o quilo. Os animais de desvelle seguen nun intervalo de 0,78 e 0,84 euros.

No caso dos leitóns tampouco houbo variacións, e o bacoriño de 20 quilos procedente dunha única granxa mantense en 74 euros e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 69 euros. O prezo por quilo é de 3,7 e 3,45 euros respectivamente.

Os ovos mantéñense esta semana sen cambios e os da categoría XL cotízanse a 1,39 euros a ducia, os da L a 1,23 euros, os da M a 1,12 euros e os da S a 0,90 euros. O prezo das galiñas de desvelle continúa sen variacións, situándose entre os 0,06 e os 0,14 euros por quilo.

Mentres, na Lonxa de Madrid, esta semana o prezo do coello incrementouse en 0,05 euros e pasa a cotizarse a 1,70 euros o quilo.

Central-Agropecuaria-Galicia-Porcino-04.02.2020

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información