O vacún maior e os becerros de cruzamento industrial, tanto animais cebados como de recría, seguen tirando cara arriba das cotizacións do mercado semanal de Silleda. A poxa celebrada este martes situou as vacas de categoría extra en 2.270 euros, unha suba de 40 euros que tamén se trasladou á categoría primeira, os machos de recría cruzados de dous meses moi cerca xa dos 1.000 euros e os becerros carniceiros perto dos 1.600 euros.
No que respecta aos becerros de recría, recuperaron prezos logo do descenso nas cotizacións da semana pasada, na que houbo unha asistencia de animais maior da habitual. Na sesión deste martes, sen embargo, cunha afluencia normal de 724 xatos e xatas, houbo subas de 45 euros nos machos pintos de 15 días, de 20 euros nos de 21 a 50 días e de 10 euros no caso dos de máis de 50 días.
Os becrerros de cruzamentos industriais melloraron as cotizacións nalgunhas categorías, sobre todo no caso dos machos de 21 a 50 días, que subiron 35 euros, e nos de máis de 50 días, que se revalorizaron 150 euros ate case acadar os 1.000 euros de media.

Na categoría de becerros carniceiros, os de cruzamentos industriais subiron 65 euros, até acadar os machos os 1.578 euros, mentres que os de raza frisoa, con moi pouca asistencia, retrocederon por baixo dos 1.300 euros. A rubia galega subiu tamén con forza (140 euros de media), até os 1.782 euros no caso dos machos, mentres que a Suprema retrocedeu 10 euros até quedar nos 1.528 euros.

O vacún maior segue rachando marcas, co prezo semanal medio das vacas de categoría extra situado en 2.270 euros, 40 máis que a semana pasada. No caso da categoría primeira, subiu 70 euros.

Nas Mesas de Prezos do resto de especies gandeiras, o porcino cebado sufriu unha nova baixada esta semana, semellante á da semana anterior, que afectou a todas as categorías, mentres que os bacoriños mantiveron prezos. Os ovos manteñen a cotización, logo da suba da semana anterior nas categorías XL e L e a cotización do coello Lonchun sobe 10 céntimos.

Pódense consultar as cotizacións completas da sesión deste martes 26 de agosto no seguinte enlace.
Galego









Control OJD