Suba do gando vacún en Silleda nunha xornada de menor afluencia

Os prezos dos becerros de recría experimentan unha lixeira suba en Silleda, ao igual que o vacún maior. Sen cambios no porcino e nos ovos. Cotizacións da Central Agropecuaria de Galicia/ Abanca do 3 de abril

Suba do gando vacún en Silleda nunha xornada de menor afluencia

As cotizacións deste martes da Central Agropecuaria de Galicia/ Abanca caracterizáronse pola leve suba nos prezos dos becerros de recría e do vacún maior. Como é habitual na poxa posterior a Semana Santa, rexistrouse un descenso na asistencia de animais, sendo as cifras de concorrencia (795 exemplares) semellantes ás de anos anteriores na mesma subasta (822 reses en 2017 ou 789 en 2016). Polo demais, mantense sen cambios o porco cebado, ao igual que os ovos e os leitóns.

Así, nos becerros de recría, os de raza Frisoa subiron en case todas as categorías. Na menos de 20 días a cotización quedou nos 134 euros por xato, 3 máis que o pasado martes. Na categoría de 21 a 50 días, a máis numerosa e representativa, os prezos mantivéronse nunha media de 145 euros por xato. E nos tenreiros de máis de 51 días o prezo medio subiu ata os 175 euros, fronte aos 165 do pasado martes.

Nos becerros de Cruzamento industrial a tendencia xeral dos prezos foi tamén a unha pequena alza, pero con excepcións. Asi, na categoría de menos de 20 días as cotizacións medias nos machos baixaron ata os 314 euros, 15 menos que a pasada poxa. Pero na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos subiu ata unha media de 365 euros, fronte aos 349 euros do pasado martes. Nas femias tamén se notou a suba: unha cotización media de 256 euros por animal, 41 máis que o pasado martes. Pola contra, nos xatos de máis de 51 días os prezos nos machos baixaron ata unha media de 417 euros por animal, fronte aos 489 euros de media da última poxa. Nas femias, sen embargo, subiron os prezos ata unha media de 333 euros, dous máis que o pasado martes.

SILLEDA_abril_18_1_VACUN

Suba no vacún maior

Polo que respecta ao vacún maior, a tendencia foi a unha suba de prezos na categoría segunda e na de desvelle. Deste xeito, quedaron en 1.063 euros de media en categoría primeira, 737 en segunda -a máis numerosa- e 490 na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.083, 727 e 474 euros, respectivamente.

Sen cambios no porcino e nos ovos

Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse manter as cotizacións da pasada semana. Así a XL quedou nos 1,74 euros a ducia; a L pagouse a 1,67 euros e a M e a S cotizaron a 1,55 e 1,22 euros a ducia, respectivamente.

As galiñas de desvelle mantéñense nun intervalo de entre 0,10 e 0,17 euros o quilo.
Na Lonxa de Madrid  o coello tamén segue sen cambios nos 1,70 euros o kilo.

En canto ao porco cebado, a mesa de cotizacións acordou manter as da pasada semana. Así, o prezo para as categorías Selecta e Normal queda en 1,210 e 1,185 euros por quilo, respectivamente; a Canle II sitúase en 1,539 euros por quilo. Para o desvelle tamén manter as cotizacións nun intervalo de prezos de entre 0,68 e 0,74 euros o quilo.

En Alemaña, país de referencia para os prezos do porcino en Europa, o porco cebado mantívose sen cambios nos 1,450 euros o quilo. No resto da Unión Europea a tendencia foi á estabilidade ou á baixada de prezos.

En canto aos leitóns, acordouse manter as cotizacións da pasada semana, quedando nos 58 euros os procedentes de varias explotacións e nos 63 euros os procedentes dunha única explotación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información