A caída do prezo do leite en po e da manteiga que se ven rexistrando nos mercados internacionais dende o cuarto trimestre do ano pasado parece que empeza a frearse, segundo o confirman os últimos informes tanto do European Milk Market Observatory (Observatorio do Mercado Lácteo da Unión Europea) como a poxa da cooperativa neozelandesa Fonterra.
Así, no caso da Unión Europea os datos desta semana revelan un freo no descenso das cotizacións dos produtos lácteos, con respecto ás fortes caídas de xaneiro, como no caso do leite en po, e mesmo un lixeiro repunte no prezo da manteiga. Outra sinal positiva é que o prezo do leite spot en Italia mantense estable.
Estas son as tendencias que se observan dende o observatorio do sector lácteo, dependente da Comisión Europea, nas cotizacións desta semana:
-Manteiga: 497 €/100 kg, -2,5% nas últimas catro semanas
-Leite desnatado en po (SMP) 255€/100 kg, -2,7% ,,
-Leite enteiro en po (WMP): 359 €/100 kg, -3,1% ,,
-Queixo cheddar: 456€ /100 kg -1,5% ,,
-O leite spot en Italia permanece estable nos 0,523 €/kg
-Os costes de alimentación do gando baixaron un 0,5% e os de enerxía un 4,3% na segunda semana de febreiro comparados coa mesma semana de xaneiro.
En canto ao Global Dairy Trade, a subasta de lácteos organizada cada dúas semanas pola cooperativa neozelandesa Fonterra, pechou a súa última sesión da pasada semana cunha suba das cotizacións do 3,2% despois de varias semanas de baixadas. Destaca especialmente o repunte do prezo da manteiga (6,6%) e do leite en po enteiro (+3,8%).