Suba dos prezos dos tenreiros de recría de Frisón en Silleda

Nas mesas de prezos acordouse manter as cotizacións dos ovos e as do porco cebado e subir a dos leitóns. Cotizacións da Central Agropecuaria de Galicia/ Abanca do 24 de xaneiro

Suba dos prezos dos tenreiros de recría de Frisón en Silleda

As cotizacións deste martes da Central Agropecuaria de Galicia /Abanca caracterizáronse pola suba nos prezos dos tenreiros de recría de Frisona, mentres que nos de Cruce houbo unha clara baixada. No vacún maior a tendencia foi irregular. Nas mesas de prezos acordouse manter as cotizacións do porco cebado, e subir de novo a dos leitóns, que encadean máis dun mes de subida. Os ovos mantéñense sen cambios e na Lonxa de Madrid a carne de coello segue nos 1,60 euros o quilo.

Nos tenreiros de recría de raza Frisoa os prezos subiron este martes en todas as categorías. Así, na de menos de 20 días, a cotización media subiu ata os 111 euros, nove máis que a pasada semana. Na de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa, a media situouse nos 125 euros por xato, 8 máis que o pasado martes. E na categoría dos tenreiros de máis de 51 días, os prezos conseguiron unha media de 152 euros, dous máis que a semana anterior.

Pola contra, nos becerros de Cruzamento industrial as oscilacións nos prezos esta semana foron en xeral á baixa. Así, na categoría de menos de 20 días, as cotizacións medias baixaron ata os 244 euros, fronte aos 267 da pasada semana. Con todo houbo excepción na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, na que o prezo medio dos machos subiu ata os 351 euros, fronte aos 347 da última poxa. Nas femias, pola contra, houbo baixada de prezos: 238 euros de media, fronte aos 248 do pasado martes. E nos xatos de máis de 51 días o prezo medio baixou claramente ata os 408 euros, fronte aos 480 euros de media da pasada semana. Nas femias, os prezos mantivéronse prácticamente iguais, nos 338 euros de media.

No vacún maior a tendencia xeral foi á alza, agás na categoría segunda. Deste xeito, quedaron en 1.101 euros de media en categoría primeira, 713 en segunda -a máis numerosa e a única que baixou- e 433 na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.081, 722 e 412 euros, respectivamente.

As cotizacións quedaron da seguinte maneira:

silleda_24_1_17_vacun

Ovos e coello sen cambios
Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse manter as cotizacións da pasada semana. Así, a XL quedou nos 1,35 euros a ducia; a L en 1,21 euros; 1,11 euros por ducia para a M . En canto á categoría S, mantense nos 0,9 euros.

Nos coellos, na Lonxa de Madrid, onde se marcan os prezos para Galicia, acordouse manter os prezos da pasada semana nos 1,60 euros o quilo.

Porco cebado sen cambios e subida nos leitóns

En canto ao porco cebado, a mesa de prezos acordou esta semana de novo manter as cotizacións do pasado martes. Así, nas categorías Selecta e Normal as cotizacións quedaron nos 1,215 e 1,190 euros por quilo, respectivamente; a Canle II mantense nos 1,545 euros por quilo. Na categoría de desvelle as cotizacións seguen cun intervalo de prezos de entre 0,79 e 0,85 euros o quilo.

En Alemaña, o referente europeo para os prezos do porcino, as cotizacións mantivéronse tamén nos 1,520 euros o quilo, ao igual que en Dinamarca, mentres que no resto de países da Unión Europea a tendencia foi de lixeiras subas ou sen cambios.

En canto aos leitóns, acordouse subir as cotizacións unha semana máis, desta vez un 2%, quedando nos 56 euros para os procedentes de varias explotacións e nos 61 euros para os procedentes dunha única explotación.

Os prezos do porcino quedaron da seguinte maneira:

silleda_24_1_17_PORCINO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información