
Coellos nunha explotación no concello lucense de Alfoz
Os produtores de coello afrontan unha grave crise derivada dun forte incremento dos seus custos. A Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros cualifica de “espectacular” o incremento dos gastos en alimentación e en electricidade. Os custos laborais tamén aumentaron, do mesmo xeito que os gastos veterinarios.
“Os cunicultores non son capaces de trasladar ese incremento de custos ao prezo do seu produto”, denunciaron desde UPA. Do mesmo xeito que pasa noutros sectores, o primeiro elo da cadea é o máis débil e o que menos capacidade ten para que o seu traballo sexa recoñecido, e remunerado. “A Lei da Cadea Alimentaria obriga a cubrir o custo de produción”, lembran desde esta organización agraria.
O penso para nais encareceuse en 55€/tonelada e o de cebo en 38€/tonelada e a electricidade subiu un 30% no último ano
UPA pon cifras ao incremento de custos, que supera os 55 euros por tonelada para o penso para nais ou de 38 euros/tonelada o penso para cebo. A electricidade, necesaria para climatizar as granxas, encareceuse un 30% respecto a 2020. Todo iso está a levar a un descenso da produción en 2020 de case un 3% respecto a 2019 entre as preto de 2.000 granxas dedicadas ao coello en España.
A pandemia tamén afectou ao sector cunícola
UPA denunciou que a crise derivada da pandemia levou a un incremento do consumo de carne nos fogares, pero un afundimento na restauración. O balance total é negativo. O consumo de carne de coello en España non chega nin a un quilogramo per cápita. Os gandeiros animan a consumir máis, tendo en conta que é unha das carnes máis saudables que existen e que é parte fundamental de moitas receitas da Dieta Mediterránea.
A pesar de ser unha das carnes máis saudables que existen, o consumo de coello non chega a un quilogramo per cápita ao ano
Os cunicultores piden ao Ministerio de Agricultura que revise os contratos e garanta o cumprimento da Lei da Cadea. Tamén reclaman campañas de promoción para que o coello ocupe o lugar que se merece na dieta dos españois.