A Central Agropecuaria de Galicia celebrou este martes unha sesión na que os becerros pintos procedentes das explotacións leiteiras continuaron gañando valor, seguindo o camiño iniciado a semana pasada, e na que a sensación positiva se trasladou tamén ao resto de gando vacún, con suba importante dos becerros carniceiros e revalorización tamén das vacas de matadoiro.
A suba dos xatos pintos de recría notouse en todos os grupos de idade: entre 15 e 21 días, cunha suba de 20 euros de media; entre 21 e 50 días, gañando 70 euros; mentres que os de máis de 50 días revalorizáronse 40 euros. No cruzamento industrial, a suba foi menor e máis desigual, cun lixeiro descenso dos xatos máis pequenos e unha lixeira revalorización dos máis grandes.

Pasteiros
A menor oferta de becerros pasteiros a respecto da semana anterior (só acudiron 60 animais a esta sesión fronte aos 129 da anterior) fixo que os prezos se elevaran na sesión deste martes, cos xatos cruzados pagándose por enriba dos 1.000 euros e os de raza rubia galega nos 1.100 euros.

Becerros carniceiros
A xornada positiva en Silleda tamén se trasladou aos becerros de matadoiro, cunha suba importante nos animais de cruzamento industrial, que gañaron de media 180 euros. A rubia galega mantívose máis estable, cun ascenso de 30 euros, pagándose cerca dos 1.600 euros os machos e dos 1.500 as femias.

Vacún maior
Do mesmo xeito, e malia contar con maior asistencia de vacas que a semana anterior, o vacún maior tamén gañou terreo. As vacas de categoría Extra subiron 100 euros de media para volver cotizar por enriba dos 2.500 euros, mentres as de Primeira se pagaron a case 1.390 euros de media, 25 máis que a semana pasada.
No que respecta ás mesas de prezos do resto de especies gandeiras, o porcino cebado mantén a tendencia positiva das últimas semanas, cunha lixeira subida dun céntimo en quilo nesta sesión, logo de ter gañado 3 céntimos a semana pasada. O prezo dos bacoriños mantívose estable, ao igual que o dos ovos, os coellos e as galiñas de desvelle.
Descarga o pdf coas cotizacións completas desta semana neste enlace.
Galego









Control OJD