A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA rexistrou hoxe unha asistencia de animais inferior á habitual debido, segundo os operadores que acoden á poxa, a que os gandeiros están centrados dende fai días en labores de ensilado para aproveitar o bo tempo que se manterá ata o xoves. Así, os gandeiros pospuxeron a tramitación dos documentos dos animais e o seu envío á Central para atender ás labores agrícolas. Esta menor oferta levou, unha semana máis, a unha suba dos prezos medios dos becerros de recría.
Así, as cotizacións dos becerros de raza Frisoa subiron en todas as categorías. Na menos de 20 días a cotización acadou os 142 euros por xato, 4 máis que o pasado martes. Na categoría de 21 a 50 días, a máis numerosa e representativa, os prezos subiron ata unha media de 171 euros por xato, 12 máis que o martes pasado. E os tenreiros de máis de 51 días, acadaron un prezo medio de 194 euros, fronte aos 161 da pasada semana.
Nos becerros de Cruzamento industrial a tendencia xeral dos prezos foi tamén a unha baixada, pero con excepcións. Asi, na categoría de menos de 20 días as cotizacións medias nos machos caeron ata os 287 euros, 23 menos que a pasada poxa. Pero na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos subiu ata unha media de 352 euros, fronte aos 33 euros do pasado martes. Nas femias tamén se notou a suba: unha cotización media de 249 euros por animal, 22 máis que o pasado martes. Pola contra, nos xatos de máis de 51 días os prezos nos machos caeron ata unha media de 420 euros por animal, fronte aos 473 do pasado martes. Nas femias os prezos tamén baixaron ata unha media de 313 euros, 19 menos que a pasada semana.
Baixada no vacún maior
Polo que respecta ao vacún maior, a tendencia foi a unha baixada de prezos, agás na categoría segunda, a máis numerosa, que se mantivo estable. Deste xeito, quedaron en 1.077 euros de media en categoría primeira, 718 en segunda -a máis numerosa- e 467 na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.100, 719 e 507 euros, respectivamente.
Sen cambios no porcino e nos ovos
Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos mantivéronse as cotizacións da pasada semana. Así a XL queda nos 1,50 euros a ducia; a L en 1,25 euros. Na M a ducia segue en 1,15 euros e na S cotizouse a 1,00 euros a ducia.
As galiñas de desvelle baixaron 0,01 euros, quedando nun intervalo de entre 0,08 e 0,15 euros o quilo.
Na Lonxa de Madrid o coello tamén baixou 0,10 euros, situándose nos 1,60 euros o kilo.
En canto ao porco cebado, a mesa de cotizacións acordou manter as da pasada semana. Así, o prezo para as categorías Selecta e Normal queda en 1,210 e 1,185 euros por quilo, respectivamente; a Canle II sitúase en 1,539 euros por quilo. Para o desvelle acordouse baixar 0,02 euros as cotizacións, quedando nun intervalo de prezos de entre 0,66 e 0,72 euros o quilo.
En Alemaña, país de referencia para os prezos do porcino en Europa, o porco cebado baixou esta semana 0,03 euros o quilo, quedando nos 1,420 euros o quilo. No resto da Unión Europea a tendencia tamén foi á baixada de prezos, debido ao efecto arrastre do mercado alemán.
En canto aos leitóns, acordouse baixar as cotizacións 2 euros por animal, quedando nos 56 euros os procedentes de varias explotacións e nos 61 euros os procedentes dunha única explotación.