As cotizacións deste martes da Central Agropecuaria de Galicia Abanca caracterizáronse pola tendencia á suba nos prezos dos becerros de recría, así como unha leve baixada no vacún maior. Nas mesas de prezos acordouse baixar os prezos dos ovos e manter estables as cotizacións do porco cebado e a dos leitóns. O coello baixa esta semana na Lonxa de Madrid ata os 1,60 euros o quilo.
En concreto, nos tenreiros de recría de raza Frisoa os prezos este martes subiron en todas as categorías. Así, na de menos de 20 días, a cotización media remontou ata os 150 euros, fronte aos 144 da pasada semana. Na de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa, a media tamén subiu ata os 180 euros por xato, vinteún máis que o pasado martes. E na categoría dos tenreiros de máis de 51 días, os prezos tamén subiron claramente ata unha media de 210 euros, trinta e cinco máis que a semana anterior.
En canto aos becerros de Cruzamento industrial, as oscilacións nos prezos tamén foron en xeral á alza por segunda semana consecutiva. Pero houbo excepcións na categoría de menos de 20 días, onde as cotizacións medias baixaron nos machos ata os 305 euros, fronte aos 319 da pasada semana. Na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos subiu levemente, quedando nos 344 euros de media, catro máis que o pasado martes. Nas femias o prezo medio tamén remontou máis claramente: 243 euros, fronte aos 226 da anterior poxa. E nos xatos de máis de 51 días o prezo medio tamén remontou ata os 458 euros, fronte aos 417 euros de media da pasada semana.
No vacún maior a tendencia xeral foi a unha leve baixa dos prezos. Deste xeito, quedaron en 1.072 euros de media en categoría primeira, 722 en segunda -a máis numerosa- e 437 na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.071, 734 e 468 euros, respectivamente.
As cotizacións quedaron da seguinte maneira:
Baixada dos ovos e no coello
Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse baixar as cotizacións en todas as categorías: a XL caeu un 0,01% ata os 1,40 euros a ducia; a L retrocedeu un 0,02% ata os 1,31 euros; o mesmo que a S, que quedou en 1,31 euros a ducia, e a M baixou un 0,03% ata os 1,00 euros.
Nos coellos, na Lonxa de Madrid, onde se marcan os prezos para Galicia, acordouse baixar os prezos un 0,1%, quedando nos 1,60 euros o quilo.
Sen cambios no porco cebado e dos leitóns
En canto ao porco cebado, a mesa de prezos acordou esta semana manter sen cambios as cotizacións. Así, nas categorías Selecta e Normal as cotizacións quedaron nos 1,415 e 1,390 euros por quilo, respectivamente; a Canle II nos 1,805 euros por quilo e o desvelle mantívose tamén sen cambios nun intervalo de prezos de entre 0,92 e 0,98 euros o quilo.
En Alemaña, o referente europeo para os prezos do porcino, as cotizacións subiron esta semana un o,03% ata os 1,760 euros o quilo. No resto de países da Unión Europea as cotizacións subiron lixeiramente ou mantivéronse estables.
En canto aos leitóns, acordouse manter as cotizacións nos 62 euros para os procedentes de varias explotacións e os 67 euros para os procedentes dunha única explotación.
Os prezos do porcino quedaron da seguinte maneira: