Na sesión da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA deste martes os prezos dos becerros de recría experimentaron unha lixeira suba, sobre todo os de cruce, mentres que baixaron os becerros carniceiros e o vacún maior. Nas mesas de prezos mantense o prezo do porco cebado e dos leitóns e os ovos cotizan á alza.
En gando vacún, nos becerros de raza Frisoa a tendencia foi á estabilidade. Así, na categoría de menos de 20 días quedan en 85 euros por xato, un máis que o pasado martes. Na categoría de 21 a 50 días, a máis numerosa e representativa, os prezos soben tamén un euro ata os 115 euros. A excepción foron os tenreiros de máis de 51 días, onde os prezos caeron de media 22 euros, ata situarse nos 112 euros.
En canto ós tenreiros de Cruce Industrial, a tendencia xeral foi a unha suba de prezos, aínda que con algunhas excepcións. Así, na categoría de menos de 20 días os prezos subiron nos machos ata os 320 euros, 54 máis que o pasado martes. As femias pasaron de 150 a unha media de 189 euros por animal. Na categoría con maior asistencia, a de 21 a 50 días, tamén houbo suba de prezos ata quedar nunha media de 359 euros, 16 máis ca na anterior. Nas femias non houbo cambios, 212 euros de media por animal. E ao igual que nos becerros de raza Frisoa, na categoría de máis idade, a de máis de 51 días, caeu o prezo nos machos ata os 382 euros, fronte ós 418 do mercado pasado. Nas femias tamén houbo suba: pasando dos 307 euros de media do pasado martes aos 271 da poxa de hoxe.
En canto aos becerros carniceiros de cruzamento industrial, rexistraron esta semana unha baixada das cotizacións. Así, a media nos machos foi de 807 euros por animal fronte ós 852 euros da lonxa pasada. As femias tamén baixaron dos 810 da semana pasada aos 753 deste martes.
No que respecta ó vacún maior, caeron tamén os prezos en boa parte das categorías, aínda que houbo excepción na de primeira. Así, as vacas desta categoría alcanzaron unha media de 1.091 euros,5 mais ca no mercado pasado. Pola contra, na categoría segunda -a máis numerosa- caeu o prezo medio ata os 720 euros, 3 menos que o pasado martes. Por último, na de desvelle o prezo foi de 430 euros, 22 menos ca na anterior lonxa.
Sen cambios no porco cebado e suba dos ovos
En canto ó porco cebado, a mesa de cotizacións acordou manter sen cambios os prezos. Así, nas categorías Selecto e Normal o quilo sitúase en 1,130 euros e 1,105 respectivamente. A Canle II queda en 1,435 euros e a categoría de desvelle permanece nun intervalo de entre 0,52 e 0,58 euros o quilo.
As cotizacións europeas baixan en países como Alemaña, que é ademais o referente para os prezos do porcino en Europa, onde o prezo medio cae nos 1,360 euros por quilo. No resto de países europeos a tendencia foi tamén á baixa de prezos.
No referido ó leitón, acordouse manter as cotizacións sen cambios quedando unha semana máis nos 32 euros para os procedentes de varias explotacións e nos 37 euros para os dunha única granxa.
No que respecta ós ovos, as categorías XL e L mantéñense nos 1,68 e 1,24 euros a ducia, respectivamente. A L e a S soben 0,02 euros ata os 1,02 euros e 0,83 euros a ducia.
En canto ao coello, a súa cotización sobe 0,10 euros na Lonxa de Madrid e queda cun prezo de 2,25 euros o kilo. .