A xornada deste martes da Central Agropecuaria de Galicia/ Abanca caracterizouse pola suba dos becerros de recría de cruce e a baixada dos de raza Frisona. O porco cebado segue á baixa, mentres que en Madrid o coello sobe ata os 2,05 euros o quilo.
Así, nos tenreiros de recría de raza Frisoa os prezos este martes baixaron en todas as categorías. En concreto, na categoría de menos de 20 días, a cotización media caeu ata os 100 euros, fronte aos 122 da poxa do pasado martes. E na de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa, a media baixou lixeiramente ata os 121 euros por xato, tres menos menos que a anterior sesión. Na categoría dos tenreiros de máis de 51 días, o prezo medio baixou ata unha media de 135 euros, quince menos que a semana pasada.
Pola contra, nos becerros de Cruzamento industrial a tendencia dos prezos foi claramente á suba. A excepción foi a categoría de menos de 20 días, na que as cotizacións medias baixaron nos machos ata os 291 euros, fronte aos 294 da pasada poxa. Pola contra, na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos subiu claramente os 327 euros de media, fronte aos 313 do pasado martes. Nas femias os prezos tamén subiron ata os 185 euros de media, fronte aos 169 do pasado martes. O mesmo sucedeu nos xatos de máis de 51 días, nos que o prezo medio dos machos ascendeu ata os 456 euros, fronte aos 358 euros de media da última poxa. Unha suba que tamén se trasladou ás femias: 296 euros de media fronte aos 233 da pasada semana.
No vacún maior a tendencia xeral foi a unha lixeira suba, agás na categoría de desvelle. Deste xeito, quedaron en 1.071 euros de media en categoría primeira, 705 en segunda -a máis numerosa- e 435 na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.066, 697 e 459 euros, respectivamente.
As cotizacións en gando vacún quedaron da seguinte maneira:
Suba dos ovos e do coello
Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse aplicar unha semana máis unha suba en todas as categorías. A XL subiu 0,020 euros ata os 1,59 euros a ducia; a L revalorizouse 0,04 euros ata os 1,50 euros a ducia; para a M a suba acordada foi de 0,05 euros ata os 1,38 euros, e a S subiu 0,03 euros, situándose nos 1,07 euros a ducia.
E na Lonxa de Madrid o coello subiu 0,10 euros ata os 2,05 euros o quilo.
Baixada no porco cebado e sen cambios nos bacoriños
En canto ao porco cebado, a mesa de prezos acordou unha semana máis aplicar unha baixada, esta vez de 0,06 euros o quilo ás categorías Selecta e Normal, que quedaron nos 1,230 e 1,205 euros por quilo, respectivamente. A Canle II tamén baixou 0,078 euros, ata quedar nos 1,565 euros por quilo. E no desvelle, as cotizacións quedan sen cambios nun intervalo de prezos de entre 0,75 e 0,81 euros o quilo.
En Alemaña, país de referencia para os prezos do porcino en Europa o porco cebado baixou esta semana 0,03 euros, ata quedar en 1,500 euros o quilo.
En canto aos leitóns, acordouse manter as da semana pasada nos 37 euros para os procedentes de varias explotacións e os 42 euros para os procedentes dunha única explotación.