Suba dos becerros carniceiros e baixada do vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia comeza a diferenciar nas súas táboas de prezos as cotizacións dos becerros pasteiros, debido a que nos últimos anos están a gañar protagonismo dentro da poxa semanal

A partir de agora as cotizacións da Central Agropecuaria de Galicia diferenciarán os prezos correspondentes a becerros pasteiros. Así, en lugar de estar incluídos na categoría de becerros de recría, terán o seu propio apartado e cotizacións baixo a denominación becerros pasteiros.

Nesta primeira semana, por cuestións técnicas, diferéncianse unicamente en canto a prezos unidade, e figuran nun apartado específico dentro da categoría de becerros carniceiros.

Nos últimos dous anos houbo un incremento considerable dos becerros pasteiros polo aumento de operadores interesados neles

Esta diferenciación vén propiciada pola dispoñibilidade dende esta semana dun terceiro pavillón para acoller os animais da Central, o cal albergará aos becerros carniceiros e pasteiros, permitindo separar a estes últimos dos becerros de recría e telos así mellor localizados.

Nos últimos dous anos houbo un incremento considerable deste tipo de animais polo aumento de operadores interesados neles. Así, facilitarase aos compradores facer unha mellor e máis cómoda valoración dos animais para a súa posterior poxa e ademais suporá que os prezos medios serán máis coherentes e equilibrados dentro da categoría de becerros de recría.

Silleda 10-2-2026 recria

A eliminación da sección de recría das cotizacións dos 64 animais pasteiros (de 90 a 180 días de idade) que acudiron esta semana a Silleda varía o xeito no que até agora se computaban os prezos dos animais de recría de máis de 50 días. O cambio notouse sobre as medias finais sobre todo na categoría de cruzamento industrial, á que pertencen a maioría dos becerros pasteiros. Descendeu loxicamente o prezo medio da categoría de xatos de máis de 50 días, pero no resto de categorías houbo pequenos altibaixos de máis menos 20 euros.

As táboas da sesión deste martes tamén reflicten unha caída na cotización dos becerros frisóns, que perderon máis de 60 euros de media nos grupos de 15 a 20 días e de 20 a 50 días e gañando 30 euros nos de máis de 50 días.

Silleda 10-2-2026 becerros carniceiros

No apartado de xatos carniceiros, a Central Agropecuaria de Galicia rexistrou este martes dous récords na categoría de becerros carniceiros como consecuencia de pasar os xatos pasteiros da categoría de recría ao pavillón dos animais carniceiros. En asistencia, chegouse a 355 animais (a anterior marca estaba nos 325 animais do pasado 16 de decembro), e en transaccións da categoría, con 537.621€ (a anterior estaba nos 518.504€ tamén do pasado 16 de decembro).

En canto aos prezos, os xatos carniceiros experimentaron unha suba tanto no caso dos de raza frisoa, onde acudiron só 4 animais e gañaron 175 euros de media, coma nos de cruzamento industrial, cunha revalorización de máis de 100 euros, pasando de 1.793 euros a 1.911. Pola súa banda, os animais de raza rubia galega baixaron 40 euros. 

No que respecta aos xatos pasteiros, estreáronse nas táboas de prezos pagándose a 437 euros no caso dos machos frisóns, a 1.152 os de cruzamento industrial e a 1.391 os de raza rubia galega. 

Silleda 10-2-2026 vacun maior

O vacún maior sufriu un lixeiro retroceso en todas as categorías de vacas, perdendo uns 50 euros tanto as de categoría Extra, como as de Primeira. Nas de Segunda a baixada foi de 100 euros. 

No que respecta ás mesas de prezos do resto de especies gandeiras, os bacoriños seguen recuperando terreo, subindo outros tres euros esta semana tanto nos de procedencia única como nos que veñen de varias granxas. O porco cebado continúa estable pero en niveis mínimos, mentres os ovos, tamén estables, seguen en niveis máximos. 

Silleda 10-2-2026 mesas de prezosPodes descargar as cotizacións deste martes neste enlace. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información