
A recría volveu ser a protagonista este martes en Silleda, con subas de máis de 100 euros nos becerros frisóns
Importante rebote nos prezos dos xatos de recría este martes na feira de Silleda despois do acordo alcanzado entre os tratantes críticos e a organización do mercado de gando. A ausencia dos compradores lastrou a poxa nas últimas semanas, con caída importante na afluencia de animais e nos prezos de venda.
O regreso dos compradores habituais animou o mercado, aumentando a competencia e facendo subir os prezos. Onde máis se notou foi no gando de recría, o máis prexudicado polo boicot das dos tratantes nas últimas semanas.
Así, o a cotización media nos xatos frisóns de 15 a 20 días pasou dos 218,60 euros da semana pasada aos 361,81 deste martes; os de 21 a 50 días de 291,75 a 421,18 euros e o grupo de máis de 50 días de 329,96 a 468,68 euros.
A vindeira semana non haberá poxa en Silleda ao celebrarse a Semana Verde
As subas foron menores nas demais categorías de becerros de recría. O cruce industrial, por exemplo, subiu uns 30 euros de media, nunha xornada na que se recuperaron os niveis habituais de asistencia de gando, cun total de 806 animais de recría presentados e 789 adxudicados.

No que respecta ao vacún maior, segue mantendo un ascenso constante desde finais do ano pasado, coas vacas de categoría extra pagándose de media a 2.506 euros na sesión desta semana, 32 euros máis que na sesión anterior (2.474 euros). A mesma tendencia dáse tamén nas categorías primeira e segunda.

En canto aos becerros carniceiros, os machos de raza frisoa acadaron hoxe os 1.188 euros de media, 127 euros máis que a semana pasada, mentres que os de cruce industrial e rubia galega pagáronse a 1.793 e 1.785 euros respectivamente, 179 e 101 euros máis que na sesión anterior.

Nas Mesas de Prezos do resto de especies gandeiras a tendencia foi oposta á do vacún, con descenso nas cotizacións en porcino dos bacoriños, nos ovos e no coello.

Descarga aquí o pdf coas cotizacións completas da Central Agropecuaria de Galicia deste martes 27 de maio de 2025.
Xornada de récords ás portas da Semana Verde
A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA acadou este martes cinco récords absolutos. Dous deles foron en transaccións, situándose a facturación total da sesión en 1.666.108€ (a marca anterior estaba en 1.637.592€ do pasado 11 de marzo) e acadando a facturación de becerros de recría os 530.790€ (ata hoxe a cifra máxima situábase nos 516.278€ tamén do pasado 11 de marzo).
Estas cifras reflectiron en boa medida os outros tres récords, acadados nos prezos medios de todas as categorías. Así, na de becerros de recría o prezo medio foi de 672,74€ (a marca anterior estaba nos 558,22€ da semana pasada), na de vacún maior foi de 2.380,65€ (ata hoxe o máis alto situábase nos 2.328,92€ da semana pasada) e en becerros carniceiros acadou os 1.652,31€ (a marca anterior estaba nos 1.588,78€ do pasado 6 de maio).
Topes por mor da Semana Verde
Por outra parte, a Central informa de que as poxas de vacún maior e becerros carniceiros dos días 17 e 24 de xuño levaranse a cabo con aplicación de topes, co obxectivo de non superar a cifra máxima establecida para garantir o benestar animal, xa que ao non levarse a cabo a poxa a semana que vén debido á celebración da feira da Semana Verde fai previsible unha alta concorrencia nas seguintes sesións.
Na categoría de becerros de recría esta aplicación de topes realizarase xa dende a poxa do 10 de xuño e ata que as instalacións do mercado conten con capacidade para acoller a un maior número destes animais.
Galego









Control OJD