A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou esta semana o seu maior volume de transaccións na categoría de vacún maior, ao facturar 752.854 euros; ata agora, a maior cifra estaba nos 746.038 euros do pasado 11 de marzo. Segundo indican, esta cantidade foi motivada esencialmente polo alto prezo medio dos animais, o cal foi o terceiro máis alto alcanzado no mercado por esta categoría, con 2.157 euros.
En canto á afluencia de gando, na sesión deste martes entraron un total de 1.530 animais, dos cales 1.435 foron adxudicados.
Prezos do gando
A continuación, facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que cómpre ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.
Nos becerros de recría da raza frisoa, os de 15 a 20 días cotizáronse a 169 euros, 44 euros menos que na da semana pasada; os de 21 a 50 días baixaron o seu valor 11 euros, até os 227 euros; finalmente, os de máis de 50 días pagáronse de media a 283 euros (-43 euros).
En canto aos de cruzamento industrial, os máis novos quedaron cun valor medio de 451 euros (-32 euros), e as femias vendéronse a 365 euros de media, cunha baixada de 36 euros. Os de 21 a 50 días chegaron aos 575 (-57) e as femias a 427 euros (-28). Os máis adultos alcanzaron un prezo medio de 898 euros (+1 euros) e as femias de 619 euros (-22).
Nos becerros carniceiros, os machos de cruzamento industrial presentan un descenso do seu valor medio de 86 euros e chegaron aos 1.413 euros con respecto á poxa pasada, mentres que os das femias subiron16 euros e chegaron aos 1.255 euros. Pola súa banda, os de Rubia Galega vendéronse a 1.571 euros de media os machos (-118 euros) e a 1.355 euros as femias (+31). Os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema presentan unha caída do seu valor medio de 77 euros e quedan nos 1.465 euros por animal.
No vacún maior os prezos medios rexistraron incrementos en todas as categorías e quedan da seguinte maneira: os da extra en 2.346 euros (+98 euros); os de primeira en 1.218 (+11); os de segunda en 806 (+54) e os de desfeito a 536 euros. Os prezos dos animais vendidos baixo o selo de Vaca e Boi de Galicia rexistraron unha suba de 235 euros, e quedaron cun prezo medio de saída de 2.435 euros.
Mesas de prezos
As mesas de cotizacións do porcino presentan unha subida de 0,02 nas seguintes categorías: o selecto, que alcanza os 1,735 euros/kg e a normal, quedándose nos 1,71. O de canle II sobe 0,026 e chega aos 2,221, mentres que os de desvelle quedan nos 0,7/0,76.
Nos leitóns hai suba de 2 euros e os exemplares chegados dunha única granxa chegan aos 93 euros (cun prezo de 4,65 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 88 euros e cun prezo por quilo de 4,4 euros.
No mercado do ovo, os prezos soben 0,1: os da XL chegan a 3,43 euros; os da L a 2,89; os da M, a 2,69, e os da S a 2,39.
O prezo do coello continúa en 2,50 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).