
Vaca que acadou o maior prezo da sesión, mercada en 10.393 euros
Por terceira vez este ano e por segunda semana consecutiva a Central Agropecuaria de Galicia rexistrou na sesión deste martes o maior prezo pagado por unha vaca neste mercado. Se ben o récord da categoría de Vacún Maior, e da Central, se sitúa nos 10.498 € acadados o 8 de outubro de 2024 por un boi de raza mestiza, en canto ás femias desta categoría o maior prezo estaba nos 8.405€ pagados a semana pasada.
Sen embargo, dende este martes o maior prezo dunha vaca pasa a ser de 10.393 €, pagados por unha vaca de raza Rubia Galega nacida en setembro de 2014 e propiedade da explotación de Emilio López, situada en Chantada, que foi adquirida polo operador Ganados Caquelo, de Ames.
As vacas de categoría Extra achéganse aos 3.000 euros de media
Este elevado prezo converte tamén a esta vaca no cuarto exemplar da categoría con maior cotización da historia en Silleda, tras tres bois, de 10.498 € (o récord da categoría de vacún maior e da Central), 10.469 € e 10.461 €.

Na recría, o comportamento da sesión foi desigual, pois mentres os xatos pintos baixaron de prezo unha media de entre 20 e 30 euros, en función da idade e o tipo de animal, os de cruzamento industrial mantiveron as cotizacións medias da semana pasada, mesmo cunha lixeira revalorización dos xatos e xatas máis pequenos, de 15 a 20 días.

No caso dos becerros pasteiros, tamén notaron unha tendencia alcista na categoría de animais cruzados e na rubia galega e unha baixada duns 50 euros con respecto á semana pasada nos xatos marcados co selo de Ternera Gallega Suprema.

Nos becerros carniceiros, a caída de prezo foi importante esta semana nos machos de cruzamento industrial, que baixaron de media máis de 150 euros por animal, pasando a cotizar por baixo dos 1.600 euros. A baixada tamén foi importante na rubia galega, máis atenuada nos animais amparados baixo a IXP Ternera Gallega Suprema.

O vacún maior volveu subir con forza, acadando as vacas de categoría Extra unha media por enriba dos 2.950 euros, logo de gañar 200 euros na sesión deste martes. As de Primeira subiron tamén 150 euros para achegarse aos 1.400 euros por animal de media.

Máis aló do gando vacún, no que respecta ás mesas de prezos do resto de especies na sesión deste martes viviuse unha nova baixada de 3 euros nos bacoriños, igual que a da semana anterior, mentres que o porcino cebado, as galiñas, os ovos e os coellos non sufriron cambios.
Descarga as cotizacións completas desta semana neste enlace.
Galego









Control OJD