Momento doce para as ganderías leiteiras. Cos prezos das materias primas e os custos de produción contidos, toca renovar os contratos coas industrias, en moitos casos con máis dunha opción onde escoller sobre a mesa, unha maior competencia que está a favorecer a suba de prezos no campo.
Logo das subas propostas en días pasados por Entrepinares, Inleit e Lactalis, esta semana están a asinar os seus contratos Larsa e o Grupo Lence, segunda e terceira empresa por volume de recollida en Galicia despois da multinacional francesa.
No caso do Grupo Lence o incremento é de 2,5 céntimos no prezo base, que pasa dos 41,5 céntimos do actual contrato a 44 céntimos até abril do ano que vén, máis un céntimo a maiores de fidelidade que cobran todas as granxas, polo que o prezo de Leite Río e Leyma parte de 45 céntimos e chega a superar os 52 no caso das explotacións de maior tamaño.
O leite escasea e as empresas tratan de asegurar o subministro para os vindeiros meses con prezos á alza
Con esta suba, Leite Río busca fidelizar ás súas granxas provedoras, evitando en primeiro lugar fugas a outras industrias, pero tamén buscando no posible captar algunha explotación, procedente fundamentalmente de Lactalis, Reny Picot ou Celta.
Leite Río xa subira medio céntimo en xaneiro e 1,8 en abril e é desta volta unha das empresas que está a facer unha proposta de contrato das máis agresivas. O prezo base de Río ponse así por enriba do de Lactalis, que o ten establecido en 42,5 céntimos, aínda que a multinacional francesa paga aparte o benestar animal (até 1,2 céntimos en función da puntuación obtida) e a empresa lucense non.
O Grupo Lence esixe benestar ás súas granxas pero non establece prima algunha pola certificación
O Grupo Lence, sen embargo, esixe ás súas granxas superar a auditoría Welfair de benestar animal, pero non o gratifica cunha prima variable en función da puntuación obtida, como tamén fai Larsa, senón que opta por incluir ese concepto dentro do prezo base do leite e non facer ningunha diferenciación entre explotacións.
Xiro cara as grandes explotacións
A empresa lucense seguirá aplicando ademais nos novos contratos unha gratificación en concepto de fidelización que é variable e chega a ser de 3 céntimos en litro, que se suma á prima por volume de entregas, onde Leite Río mantén os 6 grupos establecidos en abril na súa prima por cantidade, que arrinca en 20.000 litros e remata en 300.000 e vai de 1 a 4 céntimos, pero incrementando lixeiramente agora os pagos a algúns dos grupos intermedios, ao igual que tamén fixo Lactalis.
A estratexia de subministración de materia prima en campo do Grupo Lence mudou notablemente nos últimos anos, reducindo a máis da metade o número de granxas ao pasar de estar enfocada a empresa a recoller o leite fundamentalmente en granxas pequenas e medianas a facelo en explotacións de volume importante.
Con menos de 300 explotacións o Grupo Lence recolle uns 940.000 litros diarios de leite
De feito, algunhas das ganderías máis grandes de Galicia están a entregar a súa produción neste momento a Río, tanto na provincia de Lugo como na da Coruña. Desta maneira, con menos de 300 explotacións en carteira neste momento (menos da metade das que tiña no 2018), o Grupo Lence logra recoller uns 940.000 litros diarios de leite, unha quinta parte deles procedente dunha ducia de grandes granxas que producen máis de 400.000 litros ao mes.
Busca de maiores porcentaxes de graxa
Malia que o prezo da manteiga caeu con forza (-4,3%) a primeira semana de xullo na subasta de Fonterra, na UE cotiza a 7.390 euros e leva por enriba da barreira psicolóxica dos 7.000 euros desde agosto do ano pasado.
O Grupo Lence busca incrementar os niveis de sólidos no leite que recibe nas súas plantas de Lugo e Arteixo
Os ingresos pola venda de nata seguen a representar unha parte importante da facturación do Grupo Lence. Por iso, na parte dos sólidos, no novo contrato a empresa lucense volve incrementar o valor da graxa, como xa fixera o verán pasado, de maneira que entre o 3,70% e 3,80% pagará a 0,4 céntimos en vez de a 0,3 e a partir do 3,80% cada décima de incremento incentivarase con 0,5 céntimos. A empresa seguirá aplicando nos novos contratos unha penalización de 0,6 céntimos en cada décima por baixo de 3,50% e entre o 3,50% e o 3,70% non haberá prima nin tampouco penalización, como ata o de agora.
Leite Río está a apostar tamén por novos produtos con altos contidos en proteína, tanto de marca propia como para terceiros, obtidos mediante ultrafiltración, un proceso de concentración onde o contido base inicial en proteína do leite ten tamén importancia. Sen embargo, no novo contrato non se toca a bonificación da proteína, que se segue a pagar a 0,3 céntimos a décima por enriba de 3,20%.
O mercado está a consolidar nos liñais os leites con alto contido en proteína, unha nova gama que Leite Río xa fabrica
En canto á calidade hixiénico-sanitaria do leite, o Grupo Lence segue a pagar de xeito independente tanto as células como a bacterioloxía, con dous niveis en cada categoría establecidos por primeira vez no contrato que entrou en vigor o 1 de abril: un pago de medio céntimo en litro ás granxas que se manteñan por baixo de 190.000 células e outro de 0,1 para as que se sitúen entre 190.000 e 249.000 e, no caso da bacterioloxía, as que estean por baixo de 25.000 xermes reciben outro medio céntimo e cando se sitúan entre 25.000 e 29.000 o importe é de 0,1 céntimos.
Crecemento condicionado á dispoñibilidade de materia prima
O incremento no peso da marca branca nos lineais dos supermercados está a impulsar nos últimos anos o crecemento do Grupo Lence, que pretende duplicar a facturación actual nun prazo de 5 anos.
A capacidade industrial das súas tres plantas, sobre todo da do Ceao II, permitiría afrontar este crecemento, pero a dispoñibilidade de materia prima antóllase como o factor limitante. Río vén de perder, por exemplo, tres granxas na Mariña, que marchan para Royal A-Ware e opta por suspender esta ruta, a única que tiña na comarca, deixando de recoller a un grupo de pequenas granxas coas que enchía o tráiler. A compañía holandesa que mercou a planta de Danone de Salas para facer mozzarella ofrece contrato por 6 meses (até 31 de xaneiro) a un prezo base de 52,5 céntimos máis calidades.
Leite Río queda sen ruta de recollida na Mariña, despois de que tres das súas granxas marcharan para Royal A-Ware
Conscientes de que as posibilidades de captar novas explotacións neste momento son escasas, a estratexia actual do Grupo Lence pasa por fidelizar ás súas ganderías provedoras e incentivar o seu crecemento orgánico.
Pero a falta de superficie agraria dispoñible nas zonas onde se está a concentrar a produción leiteira en Galicia e as dificultades para atopar man de obra estanse a converter nos principais hándicaps para lograr este obxectivo.
A falta de materia prima dispoñible podería dar ao traste co obxectivo do Grupo Lence de duplicar a súa facturación actual no 2030
O momento actual, con prezos da carne en máximos históricos (o que fai rendible a eliminación de vacas de desvelle e non fomenta o seu aproveitamento leiteiro), sumado ao problema endémico non resolto de falta de relevo xeracional, xoga tamén en contra do incremento da produción, que se resentiu cunha caída do 2,2% en abril e do 3,4% en maio en Galicia.
Larsa incrementa un céntimo o prezo base e aumenta o pago polo leite de pastoreo
A empresa asturiana CAPSA, propiedade da cooperativa Central Lechera Asturiana e dona das plantas de Larsa en Outeiro de Rei e Vilagarcía, tamén está a facer chegar os novos contratos aos seus provedores de leite galegos, cunha suba dun céntimo no prezo base, que pasa de 42 a 43 céntimos e un aumento da prima por pastoreo, que se incrementa de 1,5 a 2 euros.
Larsa volve tocar a prima por volume, como xa fixera en abril, establecendo un tramo máis por enriba, para granxas con entregas de máis de 4 millóns de litros anuais, e subindo tamén algúns dos tramos intermedios.
A empresa asturiana, que recolle en Galicia neste momento algo máis de 1 millón de litros ao día en máis de 800 granxas, ten menos ganderías de volume, en comparación por exemplo co Grupo Lence, polo que o novo estrato para grandes explotacións, máis que para gratificar ás súas granxas, iría destinado a presionar á competencia encarecéndolles o prezo de compra do leite.
Larsa fixa un pago por volume para granxas de máis de 4 millóns de litros anuais
Outra das novidades do novo contrato de Larsa é a mellora na diferenciación do leite de pastoreo, que certifica a propia empresa en granxas que botan as vacas fóra un mínimo de 720 horas ao ano. A bonificación máxima actual pasa de 1,5 a 2 céntimos en litro, sempre que a gandería se manteña, en base ás analíticas do Ligal, no Rexistro Galego de Calidade Diferenciada (RECALDI), o que permite á empresa usar o logo Galega 100%. Para iso as células deben manterse por baixo de 400.000 e a granxa en cuestión non pode incumprir a norma de presenza de inhibidores no leite, que se penaliza coa expulsión do rexistro.
No que respecta á prima por benestar animal, Larsa segue mantendo o baremo progresivo establecido por primeira vez no mes de abril, a conta de 0,01 céntimo en litro por punto Welfair obtido na certificación, cun mínimo de 45 puntos (equivalentes a 0,45 céntimos en litro) e podendo chegar a 0,8 céntimos para granxas que obteñan máis de 80 puntos, aínda que o habitual na maioría de granxas é lograr entre 0,5 e 0,6 céntimos por este concepto.
Á espera de Leite Celta
Entre as principais lácteas que operan en Galicia, unha das que falta por sacar novo contrato é Leche Celta, que está visitando granxas estes días para tratar de recuperar volume de recollida de cara aos vindeiros meses.
O leite neste momento é un ben escaso. Sábeo ben a planta de Pontedeume, que sufriu en primavera un importante descenso de materia prima, que solventou en parte grazas ao acordo de subministro que mantén con Naturleite.
A fábrica de Meira propiedade da cooperativa andaluza Covap, que envasa leite de marca Hacendado para Mercadona, sufrira tamén en carne propia un episodio de desabastecemento no ano 2022 e desde entón ten cubertas as costas mercando máis leite do que envasa (uns 115 millóns de litros en 2024).
Naturleite estivo subministrando leite nos últimos meses á planta de Lactogal en Pontedeume
Así, o excedente das 130 granxas que recolle Naturleite, en función das necesidades de Lactiber, ou ben é enviado para a planta de León, tamén propiedade de COVAP, ou ben é vendido a outras industrias en Galicia, como nos últimos meses fixo con Celta, aínda que COVAP tamén ten un acordo estable con Inleit para subministrar leite á planta de Teixeiro.
Naturleite e Reny, mirando a novembro e aguantando a presión
Reny Picot, que se reforzou en abril a costa de Celta, está tamén a renovar estes días unha parte dos seus contratos, os que vencen o día 31 deste mes, aínda que a outra metade das súas explotacións teñen contrato até decembro.
A estratexia da empresa asturiana ILAS consiste en subir prezos, pero non de maneira estandarizada nin a través dunha proposta única, senón un pouco a demanda, chegando aos 51 céntimos nalgún caso.
ILAS está subindo o prezo ás granxas que finalizan contrato este mes con propostas á carta
Naturleite, pola súa parte, ten contrato en vigor até novembro, cun prezo base de 49 céntimos. No mes de abril pagou 3 céntimos de golpe de atrasos e fixou unha prima de medio céntimo en litro para as ganderías que lle merquen o penso que comercializa coa marca MatuRego.
A maiores, as granxas grandes están incluídas nun programa de pegada de carbono que se bonifica cun céntimo por litro de leite en concepto de bonus ambiental. No que respecta ás calidades, a planta de Meira paga a 0,3 céntimos a graxa desde 3,70% e a décima de proteína entre 3,10% e 3,20% tamén a 0,3 céntimos.
Galego









Control OJD