A suba das materias primas dos pensos encarece a alimentación do gando

Unións Agrarias advirte de que este encarecemento de custos se suma a gasóleo, fertilizantes e ás perdas de forraxe derivadas da seca. Empraza ás industrias lácteas a ter en conta este escenario na renovación de contratos do leite en novembro

A suba das materias primas dos pensos encarece a alimentación do gando

A soia, unha leguminosa clave polo seu aporte de proteína, encareceuse un 15% no que vai de ano.

Unións Agrarias advirte do forte incremento dos prezos das materias primas empregadas na elaboración de pensos e concentrados para alimentación animal. Segundo os datos da Lonxa de Barcelona, entre xaneiro e finais de xullo a cebada nacional subiu un 11,27 %, ata os 237 euros por tonelada, mentres que a polpa de remolacha aumentou un 6,20 %, ata os 274 euros.

O millo de importación experimentou no mesmo periodo unha suba do 14,88 %, pasando de 215 a 247 euros por tonelada, e a solla de importación disparouse un 15,85 %, ata os 380 euros. A organización agraria salienta que estes produtos poden representar entre o 80 % e o 90 % da composición dos pensos destinados á alimentación animal.

A situación agrávase polo impacto da seca e da inestabilidade xeopolítica, factores que tamén están incrementando outros insumos das explotacións. O gasóleo agrícola e os fertilizantes acumulan, segundo Unións, subas interanuais do 15,7 % e do 45 %, respectivamente.

No sector leiteiro, a alimentación representa arredor do 60 % dos custos de produción. Ademais, a menor dispoñibilidade de forraxes e prados propios está obrigando a numerosas granxas a aumentar as compras de alimento, prolongando o efecto económico da seca durante os próximos meses. Unións Agrarias estima que o conxunto destes factores podería supoñer un incremento de custos de entre 4 e 5 céntimos por litro de leite producido. A organización advirte de que o impacto será especialmente acusado nas explotacións pequenas e medianas, que en Galicia perciben actualmente 6,5 céntimos por litro menos que as máis grandes.

Ante esta situación, a organización agraria faille un chamamento ás industrias lácteas para que teñan en conta esta situación no proceso de renovación dos contratos do leite coas granxas, que toca en novembro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información