A Central Agropecuaria de Galicia segue a vivir un momento doce, co vacún maior en valor récord e o resto de categorías mantendo os niveis do 2025 debido á forte demanda e a unha oferta que segue a ser limitada.
Así, a recría recuperou terreo na sesión deste martes en Silleda, despois de que o exceso de animais trala Semana Santa provocara un descenso nas cotizacións dalgunhas categorías a semana pasada. Así, os machos pintos de 15 a 20 días revalorizáronse de media 60 euros, os de 21 a 50 días 25 euros e os de máis de 50 días 10 euros.
No caso dos xatos de cruzamento industrial, os máis pequenos subiron máis de 100 euros, até recuperar o prezo medio dos 800 euros, mentres que os de 21 a 50 días mantiveron o seu valor e os de máis de 50 días incrementárono 40 euros até superar os 960 euros de cotización media por animal.
Pola contra, os xatos pasteiros baixaron, cos machos de cruzamento industrial perdendo 50 euros e as femias 185 euros. Tamén os xatos rubios caeron de media 100 euros (algo menos no caso das femias) un descenso que foi menos acusado para os animais marcados co selo de Ternera Gallega Suprema.
Na categoría de becerros carniceiros, a maior oferta de animais fixo que baixaran os prezos, cunha caída de 20 euros nos animais de raza frisoa, de case 200 euros nos machos de cruzamento industrial e de case 250 nos de raza rubia galega. No caso das femias, sen embargo, gañaron valor, tanto as cruzadas como as rubias.

No vacún maior, por terceira semana consecutiva Silleda rexistrou o maior prezo medio deste mercado nesta categoría, con 2.628,31€ (a semana pasada esta marca situárase nos 2.567,79€ e a anterior en 2.537,53€). A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou este martes o maior prezo pagado por unha vaca neste mercado: 8.227€, pagados por unha vaca mestiza nacida de 6 anos. De media, as vacas da categoría Extra, pagáronse a 2.679 euros, mentras as de categoría Primeira cotizaron a 1.151€.
Nas mesas de prezos do resto de especies gandeiras, non houbo variación algunha esta semana, con porcos, galiñas, ovos e coellos mantendo as cotizacións nas últimas dúas semanas.

Descarga as cotizacións completas desta sesión neste enlace.
Galego









Control OJD