O 2026 está a ser polo de agora un ano de cautela para o sector forestal galego, que acusa os efectos colaterais da guerra en Irán, co incremento de custos de produción nas fábricas polo encarecemento da enerxía e o impacto da suba do gasóleo na saca e o transporte, o que está repercutindo en prezos á baixa para os propietarios forestais, sobre todo na madeira de peor calidade e peores condicións de aproveitamento, tanto no caso do piñeiro coma no eucalipto. “Está padecendo máis o nitens que o glóbulos e no piñeiro o puntal máis que a rolla”, aseguran fontes do sector.
A principios de ano semellaba que o mercado comezaba a animarse e esperábase un certo repunte de prezos na primavera para o eucalipto pola remontada da cotización da pasta de papel, pero esa esperanza converteuse nun espellismo, xa que os prezos no monte non só non subiron, senón que baixaron lixeiramente.
Trala perda de dous euros sufrida en 2025 e un comezo de 2026 plano, os prezos do eucalipto veñen de sufrir unha nova corrección á baixa este mes de maio, que afecta polo de agora unicamente ao eucalipto nitens, o máis cortado xa nos montes galegos.
A madeira de peor calidade e menos valor (eucalipto nitens e piñeiro para trituración e palés) é a que máis está a acusar o incremento de custos das fábricas
No piñeiro, ao igual que acontece no eucalipto, a madeira de maior calidade está a manter os prezos, en tanto as pezas de menor diámetro están a sufrir os efectos da suba de custos, con descensos de 2 euros en tonelada no puntal para trituración, destinado á industria do taboleiro, e de ata 3 euros na rolla máis delgada, a destinada á fabricación de palés.
Baixada no nítens e mantemento no glóbulus
As empresas forestais están a trasladar nas novas compras a baixada anunciada por Ence Navia aos seus provedores no mes de abril. A pasteira alega que os custes de produción aumentaron nas fábricas pola suba da enerxía, mentres no monte as empresas forestais acusan a suba do gasóleo nos traballos de corta, saca e transporte.
O prezo do eucalipto glóbulus nos parques de madeira de Ence mantense sen cambios desde principios de ano, mentres que e o nitens caeu un euro
Así, trala baixada dun euro, o nitens estase a pagar neste momento no norte de Galicia (A Mariña e Ferrolterra) a 29-30 euros a tonelada (prezo final a cobrar polo propietario, co 12% de IVE incluído e descontada xa a retención do 2% de IRPF) para madeira certificada en pé sen pelar (5-6 euros máis o pelado).
Indo cara o interior de Lugo e A Coruña (comarcas da Terra Chá, A Ulloa ou Arzúa), onde as cortas de nitens gañan protagonismo ano tras ano, o prezo é lixeiramente superior debido a que se trata de parcelas de maior tamaño e menores dificultades orográficas, o que facilita o rendemento das máquinas no monte.
Os custes de aproveitamento en comarcas como A Terra Chá sitúanse uns 4 euros por baixo dos da Mariña ou Ferrolterra
Co mercado do nitens estancado, o interese polo glóbulus aumenta, mais non se prevé unha suba explosiva nos vindeiros meses. Isto tradúcese en continuidade de prezos, maior selección nas compras e interese crecente por madeira madura, sá, certificada, en lotes grandes e de aproveitamento doado.
No caso das comarcas costeiras do norte de Galicia, o glóbulus estase a pagar a 34-35 euros sen pelar e a 39-40 sen casca. No sur da comunidade, a zona de influenza de Ence Pontevedra, os prezos están lixeiramente por baixo, con referencia nos 27-32 euros máis IVE para o glóbulos sen pelar, dependendo basicamente do tamaño do lote, que é o que condiciona en boa medida o prezo do eucalipto nesta zona. O diferencial de prezo a favor do glóbulos con respecto ao nitens é de 5-6 euros. O mesmo acontece no caso de ir pelado.
Mellor posición para lotes grandes e madeira certificada
O mercado forestal galego do eucalipto mantense estable e expectante neste comezo de ano, con mellor posición para o glóbulus fronte ao nitens cando presenta bo diámetro, sanidade correcta e unha corta tecnicamente sinxela.
O tamaño do lote, os accesos ao monte, a dificultade da saca e a distancia ao cargadeiro, seguen condicionando en boa medida o prezo final, estando as empresas forestais dispostas a pagar cada vez máis en función da cantidade de madeira a cortar e a facilidade do aproveitamento.
O tamaño do lote, os accesos ao monte e a facilidade de acopio condicionan cada vez máis o prezo final
“Chegar neste momento a prezos de 35 euros no glóbulus e 30 no nitens só é posible para volumes grandes, de máis de 500 toneladas (uns 20 tráilers) en montes accesibles nos que non haxa que abrir pistas. Cada vez prima máis a cantidade. A partir de volumes de 1.500-2.000 toneladas podes negociar doutro xeito”, aseguran desde unha asociación de propietarios forestais.
A industria valora cada vez máis a madeira trazable, certificada e procedente de montes ben xestionados
Pola súa banda, a industria segue priorizando a madeira de calidade, ben localizada e con trazabilidade clara. Ence, por exemplo, segue a primar nas entradas ás súas fábricas os lotes de glóbulus de maior diámetro pelado. A certificación forestal continúa sendo tamén un factor relevante no prezo, con primas de 1–3 €/tonelada para madeira de eucalipto de pasta con certificación FSC® ou PEFC™.
Competencia limitada no monte
Sobre o terreo, a competencia das empresas forestais no monte é limitada neste momento. “Desde que veu o bo tempo activáronse algo as compras, porque co mal tempo a xente non sae ensinar os montes, pero non hai moita présa por comprar, porque non hai moita demanda”, din as empresas de corta e saca.
A prudencia da demanda nas fábricas tradúcese en prudencia nas compras nos montes
Despois dun inverno chuvioso, no que se notou certa baixada da produción, a chegada dos meses da primavera e o verán sempre incrementa a oferta nos parques de madeira das plantas de celulosa.
“Coas máquinas actuais, a corta e saca no inverno non baixa tanto coma antes, pero algo sempre baixa. Todos tratamos de optimizar as operacións traballando no inverno en fincas de mellor saca”, asegura un rematante que opera na Mariña, onde, tralos incendios do outono pasado, para a saca da madeira de eucalipto queimada dos montes, a maioría das empresas forestais prefiren traballar con prezos a vulto, sen dar prezos por tonelada aos propietarios.
O porto de Burela, moi parado
Os cargadeiros situados nos portos de Ferrol e Burela son os principais puntos de acopio da madeira de eucalipto galega con destino á exportación. En Ferrol aprovisiónase Navigator e na Mariña Iberpapel e algunhas fábricas europeas.
Pero neste momento “móvese pouco para Hernani ou Bélxica”, aseguran fontes do sector. “Comparativamente, poñer en fábrica madeira de lonxe sae caro e cando o prezo de venda da pasta non permiten certo marxe, estas compras redúcense”, xustifican.
A rolla de piñeiro de calidade mantén prezos
Tampouco está habendo alegría neste momento no mercado das coníferas, con baixadas de 2 e 3 euros na madeira de peor calidade. Así, se no eucalipto está padecendo máis o nitens que o glóbulus, no piñeiro está sufindo tamén máis a baixada de prezos o puntal e a rolla delgada que as pezas de bo calibre e sen nós.
“No puntal vense detectando unha certa baixada, duns 2 euros en tonelada, desde o mes de febreiro debido ao aumento de custos e ao transporte”, recoñecen na zona sur de Galicia. O prezo por tonelada en pe con corteza nunha corta a feito na zona sur de Galicia sitúase entre 22 e 25 euros máis IVE (prezo final de 25-28 euros para o propietario forestal).
Finsa baixou dous euros o prezo do puntal para trituración con destino á industria do taboleiro
No caso da rolla, a de máis diámetro e mellor calidade para serra está aguantando e mantén o prezo do último semestre de 2025, mentres que a que vai para facer palés baixou tamén, neste caso entre 3 e 5 euros, sobre todo nas compras realizadas nos dous últimos meses.
Nas poxas de lotes madeira de piñeiro das comunidades de montes, onde normalmente se ofertan prezos pola rolla en conxunto, onde antes se pagaba unha media de 55 euros máis IVE pola rolla, agora as ofertas de compra descenderon e sitúanse nun arco amplo de prezos en función da calidade da madeira: os lotes con rolla delgada predominante baixaron até os 45-47 euros, mentres que a rolla boa mantense no entorno dos 60-65 euros.
Preocupación pola sobreoferta
De cara aos vindeiros meses, no sector preocupa o stock elevado de madeira de piñeiro, tanto de radiata afectado polas bandas cortado no interior de Lugo, como de pinaster ardido nos incendios do verán en Ourense.
Hai elevada estocaxe de madeira de piñeiro debido á corta de radiata en Lugo polas bandas e de pinaster en Ourense tralos lumes
“Non se nota de momento a grande estocaxe de madeira queimada e o que baixou até agora o piñeiro debeuse ao incremento de custos. Polo momento, o mercado está absorbéndo ben esa madeira queimada e estase cortando, pero aínda falta bastante por saír e non é descartable que inflúa nos prezos a baixa”, din.
A chegada de José Sáiz aporta competencia no norte
Se no sur de Galicia a demanda dos serradoiros portugueses serviu nos últimos anos para elevar os prezos, na zona norte de Lugo a aterraxe da empresa cántabra Maderas José Sáiz na Mariña, onde mercou as instalacións de Otero Transformación Maderera en Lourenzá (onde xa fabrica palés) e de Maderas Costiña en Alfoz (onde está a poñer a punto o aserradoiro), está a introducir competencia no mercado de piñeiro do norte galego, até entón liderado practicamente en exclusiva por Hijos de Ramón Rubal e Maderas Goiriz.
A aterraxe na Mariña da empresa cántabra que mercou as instalacións de Costiña en Alfoz e de OTM en Lourenzá está a incrementar a demanda de piñeiro
A mellora nos procesos industriais está a levar tamén a un mellor aproveitamento do piñeiro, xa que se antes tradicionalmente as pezas de menos de 20 cm de diámetro eran consideradas puntal e destinadas á industria do taboleiro, na actualidade estanse a aproveitar para serra diámetros de 18 centímetros e mesmo inferiores.
A mellora dos procesos industriais permite utilizar para serra pezas a partir de 16 centímetros de diámetro
“A partir de 16 centímetros para riba xa vai para serra, neste caso para cánter. Primeiro pasa por uns rodillos que lles fai a cara e logo fanse as táboas no cánter, que saca varios discos ao mesmo tempo. A rolla a partir de 25 centímetros de diámetro vai para carro e sérrase con cinta. Para o cánter non vale tampouco rolla gorda”, explica unha empresa do sector.
O diferencial de prezo entre unha rolla e a outra é duns 8 euros en tonelada, posto que canto máis delgada sexa a peza, máis desperdicio ten. Unha coa outra, o prezo medio ao que están a pagar a rolla as empresas madeireiras na provincia de Lugo é duns 50 euros a tonelada, mentras que o puntal sitúase no entorno dos 30 euros.
Galego









Control OJD