A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Strip Till Concept Agri: unha máquina para labrar o millo nunha única pasada de tractor

De fabricación italiana e distribuída por Millares Torrón, incorpora arado e fresa para preparar a liña de sementeira. Son xa varias as ganderías e empresas de servizos que apostan por este sistema pioneiro en Galicia. Coñecemos as súas vantaxes

Equipo de sementeira, formado por abonadora frontal, strip till e sementadora

Equipo de sementeira, formado por unha tolva frontal utilizada como abonadora, strip till e sementadora

Co gasóleo disparado e a man de obra sempre escasa, poder botar o millo dunha soa pasada é unha alternativa que se volve moi interesante para a maioría das explotacións leiteiras. Por iso, son moitas as que se están a interesar polo strip till Concept Agri, unha nova máquina, de fabricación italiana, que aterrou con forza en Galicia nesta campaña de sementeira.

Ganderías como Fontixón SL e Varela Labrada SL, de Castro de Rei, ou O Campo, de Mesía, e empresas de servizos agrícolas como O Trigueiro e Ónega Ares xa dispoñen desta máquina, que incorpora unha rella que abre o rego, unha fresa que prepara o leito de sementeira e un rolete que deixa a terra en condicións ideais para o paso posterior da sementadora, que vai enganchada ao tractor tralo strip till.

Técnicos da empresa fabricante desprazáronse a Galicia para coñecer a realidade das condicións de traballo da máquina e o tipo de fincas nas que se adoita botar o millo para adaptar a máquina ao sistema de labranza das explotacións galegas.

Técnicos da empresa fabricante desprazáronse a Galicia para coñecer as condicións de traballo e adaptar a máquina ao tipo de fincas nas que se acostuma botar o millo

“O ano pasado trouxemos as primeiras máquinas e nesta campaña os novos modelos xa viñeron reformados con algún cambio no rotor e con tripuntales máis grandes, adaptados á realidade de aquí, onde temos fincas con bastante pedra”, explica Héctor Corbelle, do equipo de vendas de Millares Torrón, a empresa que ten a distribución para Galicia.

Moitas explotacións están reservando xa máquinas para tela para a próxima campaña

Unha ducia de explotacións de distintas zonas de Galicia labraron este ano xa o millo con esta máquina pero “para o ano que vén van ser moitas máis”, asegura Héctor. “Están preguntando moito. Moitas explotacións están chamando e reservando xa máquinas para o ano que vén. Vanse vender moitas para a próxima campaña”, asegura.

Anchos de 3 a 6 metros

GANDERIA FONTIXON SL strip till sementadora millo Millares Torron5O strip till Concept Agri fabrícase en tres tamaños diferentes, de 3, 4,5 e 6 metros de anchura de traballo. Son necesarios tractores a partir de 220 cabalos, xa que ademais de arrastrar o strip till e a sementadora “o ideal é que leven unha tolva frontal para o abono”, indica Héctor.

En función da sementadora coa que conte a explotación, permite labrar a 50, 60 ou 75 centímetros

Xusto a continuación do strip till acóplase unha sementadora convencional e a máquina vén adaptada á anchura de sementeira escollida polo gandeiro. “Podes escoller labrar a 50, 60 ou 75 centímetros, en función das preferencias de cada explotación e do tipo de sementadora coa que conte”, explica.

Protección contra a erosión

A nivel agronómico, o strip till Concept Agri aporta vantaxes importantes, que favorecen a implantación do cultivo e a conservación das propiedades do solo. O sistema de traballo desta máquina de preparación da terra para a sementeira do millo basease no laboreo en faixas, traballando só o rego onde se deposita a semente, evitando ter que arar a terra.

Ao non traballar a terra entre rego e rego, onde non vai semente, mantense a estrutura do solo

A rella que vai diante profundiza para que a raíz da planta sexa capaz de buscar a humidade e os nutrientes que se atopan en capas máis profundas e a fresa que leva detrás traballa uns 20 centímetros de terra, 10 a cada lado da planta, para favorecer a súa implantación e evitar a competencia da herba, mantendo sen traballar a terra nas zonas onde non vai ir o millo, entre rego e rego.

Aínda que a profundidade de sementeira é a mesma, a terra conserva mellor a humidade e a temperatura e o millo nace antes

Deste xeito, consérvase mellor a estrutura do solo, ofrecendo protección contra a erosión, un aspecto clave sobre todo naquelas fincas máis costentas, que corren sempre o risco de escorrentía por choivas trala sementeira, co conseguinte arrastre de nutrientes, da materia orgánica e da capa máis produtiva do solo, que queda hipotecado para sucesivos cultivos.

Evítase ter que usar arado de vertedeira e voltear toda a terra, coa conseguinte perda de carbono

Ao non voltear a terra, a liña de sementeira garda mellor a humidade, un aspecto importante en anos secos coma este, e a semente rompe antes. “A conservación da humidade é mellor ao quedar o rastrollo do cultivo precedente entre as hileras. Así redúcese a evaporación e nace antes o millo. Tamén hai unha mellor transferencia de nitróxeno, porque mantés a vida do solo”, explica Héctor.

As prácticas agrícolas de mínimo laboreo e sementeira directa están primadas a través da PAC

Este tipo de técnicas agrícolas de mínimo laboreo e sementeira directa entran dentro do concepto de agricultura baixa en carbono, unhas prácticas que a Unión Europea está a fomentar a través da PAC, con ecorreximes específicos destinados a recompensar aos agricultores que leven a cabo estes novos métodos nas súas terras.

Aforro económico e operativo

Equipo plegado para o seu desprazamento á finca

Equipo plegado para o seu desprazamento á finca

A maiores do aumento de ingresos da PAC, o strip till, que inclúe uns dentes tipo cultivador que van facendo profundidade, discos tipo fresa que traballan o leito onde vai a semente e logo un rodillo que compacta a terra para que pase a sementadora, permite facer nun so pase de tractor a preparación da terra e a sementeira, cun evidente aforro económico e operativo.

“Acábase moito antes de labrar o millo porque hai un maior rendemento da maquinaria e do operario que a conduce, polo que hai un primeiro aforro evidente de tempo e de gasóleo, ao non ter que facer varias pasadas co tractor, primeiro o arado de vertedeira, logo coa grada e despois coa sementadora”, describa Héctor.

A eficacia do sistema increméntase se a este tren de labranza se engade a abonadora, con tolva frontal no tractor. “Abónase xusto diante do strip till para que o incorpore á terra e normalmente tamén se aplica outro abono na sementadora en si para facer un abonado en liña ao lado da semente. Deste xeito o abonado é moito máis eficiente porque non o tiras onde non vas sementar nin abonas as herbas, só o botas onde vai a planta de millo”, destaca.

QUERES MÁIS INFORMACIÓN SOBRE O STRIP TILL CONCEPT AGRI?

Ponte en contacto con Millares Torrón SL:

Teléfono: 982 221 966

Email: correo@millarestorron.com

Juan Otero (Gandería Fontixón): “Adiántase moito, con esta máquina, nada máis ensilar, botas o purín e cun só pase xa tes labrado o millo”

Juan, xunto a María e Andrea, diante do equipo co que botaron o millo este ano

Juan, xunto a María e Andrea, diante do equipo co que botaron o millo este ano

O matrimonio formado por Juan Carlos Otero e Julia Naval, xunto ás súas fillas María e Andrea, constitúen a Gandería Fontixón SL, ubicada na parroquia de Ramil (Castro de Rei). Están a muxir neste momento 300 vacas e preparan unha ampliación para outras 100 máis.

Mercaron o strip till Concept Agri para a campaña de sementeira deste ano, na que botaron 110 hectáreas de millo para a explotación. “Este ano non tiñamos persoal para andar cos tractores, así que se non fora por esta máquina non o daríamos botado e teriamos que pagar por facelo. E ese aínda non é o problema, moitas veces é atopar quen cho faga cando ti queres”, argumenta Juan.

Se non tiveramos esta máquina este ano non dariamos botado nós o millo e teriamos que pagar por facelo

“Con esta máquina sementamos nós e aforramos máis da metade do tempo. Adiantas moito porque cunha soa pasada solucionas”, destaca. Unha vez botado o purín nas terras, traballaron cun único tractor, cunha tolva para abono diante e o strip till e a sementadora detrás.

Hectárea e media nunha hora

GANDERIA FONTIXON SL strip till sementadora millo Millares Torron2“Adiantas moito porque fas todo nunha tirada. Nós ensilamos e xa nos puxemos a botar o purín diante e a sementar detrás. Nin sequera nos paramos a botar o herbicida antes, aplicámolo agora en post-emerxencia temperá en canto o millo tivo dúas ou tres follas”, conta.  

O rendemento de traballo da máquina é de unha hectárea e media á hora aproximadamente, aínda que depende moito de como sexa a terra. En Ramil, por exemplo, hai concentración parcelaria, polo que as fincas son grandes. “Arar case leva o mesmo tempo que sementar con esta máquina, o desgaste é o mesmo que o que ten o arado e o custo da máquina é máis baixo que o dun arado bo e unha grada”, compara.  

Labran 6 regos á vez, cunha distancia entre liñas de 75 centímetros

Tanto o strip till de preparación do terreo como a sementadora que usaron este ano en Gandería Fontixón son de 5 metros de ancho e labran 6 liñas cada vez, sementando a unha distancia entre liñas de 75 centímetros. “Antes andabamos a 65 centímetros pero agora o que facemos é separar as liñas e xuntar un pouco máis os grans entre si no rego. Botamos 100.000 plantas por hectárea, as mesmas que botabamos antes”, explica.

“O millo naceu moi ben, case non hai fallos e está moi verde”

GANDERIA FONTIXON SL (Castro de Rei) millo labrado con sementadora e strip till de Millares Torron“Eu estou asombrado coa máquina. O resultado de verdade verase en outubro cando o recollamos, pero por agora estou moi contento. O millo naceu moi ben e case non hai fallos. Nesta zona ademais hai bastante pedra e nesas terras funciona mellor que co arado porque levanta menos pedra”, asegura. “Nós o que fixemos foi baixarlle un punto o dente que vai diante, para que fonde un pouco máis e despois que vaia simplemente a fresa en superficie para que non colla pedras”, conta.

Con esta máquina levantas menos pedras que co arado

Nos sitios onde hai pedra e o millo non naceu, di, “o problema quizais sexa máis da sementadora que vai detrás, que é bastante antiga, máis que do propio strip till. Queremos cambiar a sementadora por unha nova para o ano que vén, para que inxecte máis o gran no chan e que sexa unha máquina de agricultura de previsión que teña corte de liñas”, avanza.

Levan dous anos tamén botando o abono na liña de sementeira. “Supón moito aforro, porque non estás gastando abono onde non hai millo, e ao mesmo tempo a planta aprovéitao mellor. Pero ten que ser un abono moi especial, porque senón, a partir de 30 graos como fixo este ano, apelmaza”, advirte Juan.

No canto de botar o abono na sementadora, este ano optaron por aplicalo no strip till. “Vai moi ben, porque o bota onde van as cuchillas da fresadora e queda mesturado coa terra. Vese moi verde agora o millo ao saír”, destaca.

Unha boa solución para fincas costentas

Gandería Fontixón aproveita dous cortes de raigrás antes de sementar o millo, así que labran ciclos curtos, entre 260 e 200, polo que acelerar a sementeira suponlles gañar uns días moi valiosos para incrementar os rendementos por hectárea, chegando a medias de 40.000 kg.

Botaron todo o millo xunto, agás 8 hectáreas que labraron cedo tralo primeiro corte de herba  

“Este ano non puidemos botar o millo ata mediados de maio porque as chuvias non nos deixaron ensilar antes. Con este sistema gáñaslle unha semana ou dúas ao nacemento do millo e sécase moito menos a terra porque non a levantas, só vai o dente do riper diante abrindo e a fresa detrás. Da outra maneira se é unha terra moi seca e non chove, coma este ano, non dá nacido o millo”, di.

En terras con moita pendente, o risco de escorrentía é moi alto coa terra tan seca como estaba este ano

“Esta é unha zona moi seca e temos algunha finca costenta que se non fora con esta máquina non se podería labrar este ano, porque coa terra tan seca despois se che vén unha tormenta a auga arrástrache todo: a semente, o abono e a terra”, relata Juan.

“Eu o que vía é que estabamos levantando as fincas continuamente e iso non é bo para o solo. As políticas europeas, e as da Xunta tamén, van nesta liña de non mover tanto as terras”, razoa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *