Na parroquia de Santiago de Frade, no concello de Taboada, Marcos e José Manuel Feás decidiron dar continuidade á explotación familiar investindo nos últimos anos máis de 700.000 euros en innovacións tecnolóxicas e aumentando a capacidade produtiva da granxa para, deste xeito, diluir os custos fixos.
Contan con tres robots de muxido e un sistema autónomo de alimentación e, apoiados no parque de maquinaria da cooperativa Aira e na xestión da recría en conxunto con outras dúas ganderías da zona, buscan ter calidade de vida.
“O que queremos con todas estas innovacións é ter un horario de traballo razoable, como o que pode haber en calquera outro sector, poder marchar da granxa ás 8 da tarde e non ter que volver até o día seguinte pola mañá como en calquera outro traballo”, din.
Na explotación traballan tres persoas a xornada completa
Na explotación traballan a xornada completa tres persoas: un dos irmáns, Marcos, e unha parella contratada; mentras que José Manuel compatibiliza a súa profesión como enxeñeiro técnico agrícola nunha asesoría con labores de apoio na granxa familiar.
De tres muxiduras en sala á instalación de robots
Souto Frade SC é unha gandería familiar que pasou de muxir 30 vacas a ter hoxe 115. “Até hai dous anos estaba tamén a miña nai na explotación, pero agora está xubilada e continuamos na SC o meu irmán e máis eu. Inicialmente eu non estaba na granxa, senón que estaba o meu irmán e os meus pais, pero ao falecer o meu pai, hai 11 anos, o meu irmán veuse un pouco agobiado ao estar el só, e foi entón cando eu decidín incorporarme para apoialo”, explica José Manuel.
Pasaron de 30 vacas en produción no 2010 a 115 a día de hoxe
Foi entón, arredor do ano 2010, cando comezaron a medrar, facendo unha primeira ampliación do establo para albergar un total de 80 animais en produción. “Empezamos a facer tres muxiduras diarias en sala con esas 80 vacas e foi cando empezamos a mirar o de colocar robots, pero para un iamos moi pasados de número de animais e para dous moi curtos, por iso foi cando xa fixemos outra ampliación, hai 5 anos, deseñando o establo para 120 vacas en produción”, contan.
Ter un horario de traballo “razoable”
“Teño que recoñecer que inicialmente eu non era moi partidario dos robots, e non os recomendaba ás explotacións ás que asesoraba; parecíanme unha desculpa para escapar do traballo. Pero funme dando conta de que os robots podían ser útiles; non servían para deixar de traballar pero si para traballar doutro xeito, porque ao mellor require estar máis enriba do gando pero dun xeito máis flexible”, admite José Manuel.
Inicialmente eu era antirobot, parecíame unha desculpa para escapar do traballo
Marcos e José Manuel contan cun empregado e entre os tres levan a explotación, que moxe hoxe 115 vacas. Marcos é quen está máis no día a día da granxa e fai o traballo coa maquinaria, mentres que José Manuel realiza principalmente labores de xestión. “Eu considérome medio empregado”, di.
Maior volumen para diluír gastos fixos
José Manuel é enxeñeiro técnico agrícola. Traballou en Icos e en Agaca e neste momento compatibiliza o traballo na gandería familiar co de asesoramento e elaboración de proxectos para outras explotacións dentro de Agroxest, a oficina técnica que montou en Monterroso xunto a un compañeiro de carreira, Eloi Pérez.
José Manuel formouse como enxeñeiro técnico agrícola e é un entusiasta das innovacións tecnolóxicas
José Manuel é un entusiasta das innovacións tecnolóxicas pero admite: “cada vez cústame máis poñerme co ordenador, prefiro vir para aquí para xunto das vacas”. Parte do seu traballo como asesor consiste en analizar as circunstancias concretas de cada explotación e valorar cal é a dimensión axeitada en cada caso para acadar unha maior eficiencia produtiva, un criterio que tamén emprega na súa gandería.
No mes de xaneiro porán a funcionar o terceiro robot con recría propia e a compra de 30 animais
Por iso este ano acaban de acometer unha nova ampliación do establo para instalar un terceiro robot. “Vemos que os que somos temos capacidade para atendelo perfectamente e que gañar volumen é tamén unha maneira de diluír custos fixos, porque o sistema de alimentación valeríanos igual”, indican.
Alimentación automática
A finais do 2019 montaron un sistema de alimentación automatizado pioneiro naquel momento en Galicia. “Eu xa vira algúns fóra de Galicia, en Holanda e Alemaña, pero aquí non había aínda ningún. De feito, naquel momento déronnos unha axuda de innovación. Agora xa hai algún máis. como o que montou Finca Asunción ou tamén SAT A Campa”, explica José Manuel.
O custo ronda os 180.000 euros, fronte aos 150.000 euros que pode valer un carro autopropulsado, pero os gastos de mantemento e reparacións son menores, considera. “O único gasto é o consumo de luz, que poden ser 5 euros diarios, pero ao non levar motor de combustión penso que se aforra en pezas e avarías”, di.
Malia contar con múltiples mecanismos de protección, este ano unha tormenta entrou polo cable da sinal wiffi estropeando unha placa base e obrigando a ter parado o sistema mentras non era substituída a peza, pero solventaron grazas ao servizo que lles prestou momentaneamente, durante dous días, o carro da cooperativa Aira.
8 repartos de comida ao día
Souto Frade optou para automatizar a alimentación polo sistema que oferta a empresa Triolet, unha compañía que se adica á fabricación de carros mesturadores e que está considerada punteira tamén neste campo a nivel europeo, aínda que a súa tecnoloxía estaba nese momento pouco introducida en España.
“Había varios sistemas pero este era o que mellor se nos adaptaba e pensamos que acertamos”, din. Contaban cun hándicap á hora de instalar o sistema automatizado de alimentación e era o pouco espazo dispoñible para colocar a unidade de almacenamento de forraxe. “Noutros sitios cargan cada varios días, pero nós temos pouco sitio e temos que desensilar case todos os días. Cargamos cada día e medio ou dous días a unidade de almacenamento, pero se seguimos medrando un pouco máis teremos que cargar todos os días. É un traballo que non leva moito tempo e deste xeito ten a vantaxe de que a forraxe que reciben as vacas vai máis fresca. Desde que puxemos en marcha este sistema notamos que perdemos moita menos comida, antes estropeábase máis a ración, ás veces fermentaba no pesebre, e iso agora non pasa e iso tamén son cartos, porque é comida tirada”, razoan.
Desensilan diariamente e a unidade encárgase de facer 8 repartos de comida entre as 9 da mañá e a 1 da madrugada
Unha vez depositados os tacos de silo de millo e de herba, a propia máquina encárgase de mestúralo co resto de ingredientes da ración e de repartirlla ás vacas no pesebre ao longo do día e a noite, con 8 pasadas por xornada. “Polo día repartimos cada 2 horas e pola noite facemos un último reparto á 1 da madrugada e non volvemos repartir ata as 9 da mañá do día seguinte para poder ter o comedeiro baleiro a primeira hora e poder limpalo”, explican. “Vemos tamén que aínda que fixeramos máis comida non a comerían, quedaría tirada, porque a capacidade de inxesta das vacas é a que é”, aclara José Manuel.
Aforro enerxético
En paralelo á automatización da granxa, Souto Frade apostou por incorporar sistemas de produción de enerxía renovable. “Temos 20 Kw de placas solares para venda de enerxía desde hai 10 anos, porque puxémolas no momento no que estaba subvencionada a venda da enerxía, e outros 15 Kw para autoconsumo. E tamén instalamos un muíño de vento para autoconsumo”, explica José Manuel.
“Temos un consumo aproximado duns 6.000 Kw ao mes e coa produción propia que temos logramos rebaixar nun 30% a factura eléctrica da granxa”, conta. Tanto os robots de muxido como o sistema automático de alimentación provocan un consumo constante, co que sacan un maior partido tanto ás placas solares como ao muíño de vento.
A subida desde o mes de xuño foi tremenda, pasamos de pagar 900 euros ao mes a 1.800 e se non fora polas placas solares estaríamos en 2.500
Sen embargo, o cambio tarifario producido no mes de xuño e a escalada de prezos da enerxía a partir do verán fixo que a súa factura se disparara, duplicando o seu importe ao pasar duns 900€ mensuais antes do verán a 1.800 na actualidade. “Foi unha barbaridade o que subiu a luz e se non fora polas placas solares e o muíño de vento que temos estaríamos en 2.500 ou 3.000 euros ao mes de gasto”, quéixanse.
Obxectivo: estabilizar a explotación
Ao estar medrando, Souto Frade SC insemina a todas as vacas con frisón pero fai un uso limitado do seme sexado. “Empregamos algo só nas xovencas”, explican. Para poñer a andar o terceiro robot teñen previsto mercar un lote de 30 animais no mes de xaneiro e sumarlle unha ducia de xovencas de recría próximas ao parto. “A idea non é completalo de golpe, porque iso supón un desembolso económico importante”, admiten.
Ao librarnos de parte do traballo de recría temos capacidade para atender o gando dun terceiro robot e deste xeito diluir os custos fixos
En todas as melloras que foron acometendo nos últimos anos José Manuel calcula que investiron entre 700.000 e 800.000 euros. “É certo que para dedicarte hoxe a producir leite a este nivel necesitas moito investimento e está claro tamén que é un sector no que arriscas moito para lograr pouco máis ca un salario normal, pero polo demais é coma calquera outro negocio”, di José Manuel, que considera que “coma en calquera outra empresa se esperas a ter o diñeiro para poder investir ou medrar o ritmo vai ser moito máis lento, as melloras hai que financialas para chegar a elas antes”, opina.
Mellorar a ventilación
Souto Frade SC partía dunha nave antiga que precisou de sucesivas reformas e ampliacións para poder acoller as distintas innovacións tecnolóxicas incorporadas e aínda que o resultado final é unha instalación funcional, arrastra certas eivas estruturais difíciles de correxir.
“É unha nave moi vella na que fomos facendo obras, pero a metade inicial foi construída hai 26 anos. Como é bastante baixa témola aberta para facilitar a ventilación e ao retirar o establo antigo para facer a última ampliación para o terceiro robot pensamos que imos lograr mellorar un pouco a circulación de aire e reducir o estrés por calor que sofren os animais no verán”, indican.
A pouca altura da nave fai que a efectividade dos ventiladores sexa menor, polo que estudan complementalos cunha liña de aspersores
Dispoñen ademais de dous ventiladores grandes para mover o aire que se acumula no teito da nave. Téñenos programados para que arrinquen a partir de 24 graos. “Este tipo de ventiladores cubren unha gran superficie e xeran un movemento continuo do aire pero aquí ao ser un establo tan baixo o seu efecto nótase menos”, recoñecen. Por iso están pensando en complementalos con nebulizadores para pulverizar vapor de auga.
Colchoneta de auga con carbonato e serrín por enriba
Ao igual que acontece coa altura do establo, a dimensión dos cubículos é outro dos hándicaps que arrastran pola antigüidade das instalacións. “A min gústanme as camas baleiras e cando como técnico fago un proxecto dunha nave é o que recomendo aos meus clientes, e logo cada un que escolla o material que queira. Pero no noso caso aquí as instalacións non se adaptaban ben a iso. Estivemos usando area dous anos pero tivemos que cambiar. A area sae moi barata como material pero logo ten outros inconvintes nos que a xente moitas veces non repara ou dos que non bota contas, polo que ao final se sumas eses custos o que aforras por un lado gástalo por outro. Porque hai máis desgaste nas pezas do robot e na arrobadeira e hai que sacar a area acumulada da balsa de purín e da cisterna”, relata José Manuel.
Ao usar por debaixo a colchoneta reducimos dous terzos do gasto da mestura de recheo, pasamos de gastar 1.500 euros de carbonato ao mes a 500
Por iso, Souto Frade optou por unha solución mixta de colchoneta + carbonato para poder eliminar a area sen disparar o gasto das camas. Escolleron unha colchoneta de auga que evita que as vacas se rocen, algo habitual con outro tipo de colchonetas.
“Nestas colchonetas de auga as vacas están como flotando, non están en contacto co cemento, e por enriba delas recheamos cunha mestura de serrín con carbonato. Ao usar a colchoneta reduces moito o uso de material de recheo e deste xeito usamos aproximadamente un terzo do que usaríamos se o cubículo estivese baleiro, sen colchoneta”, calculan.
Aínda que non son o ideal, neste tipo de colchonetas de auga as vacas están como flotando e non se rozan tanto como nas outras
En canto ao mantemento, tamén aforran algo de traballo, porque é máis doado. “Dámoslles unha pasada estirando o material de recheo tanto pola mañá como pola noite”, explican. Con todo, e malia as vantaxes económicas e de man de obra, na nova ampliación optaron por facer cubículos máis grandes e camas sen colchoneta. “Ao instalar o terceiro robot poderemos facer dous lotes. Penso que para vacas grandes funcionan mellor os cubículos baleiros. Para primeirizas, por exemplo, pode valer este sistema de colchoneta con recheo, están cómodas, aínda que non sexa o ideal”, insiste.
Posibilidade de producir leite A2A2
Nesta gandería de Taboada móvense ao longo do ano entre os 36 e os 37 litros de media por vaca e día con promedios de 3,1 muxiduras diaras por animal. A materia graxa sitúase en 3,60% e a proteína en 3,45% e recóllelles o leite a cooperativa Aira.
A posta en funcionamento a partir de xaneiro do terceiro robot permitiralles poder facer un lote de produción diferenciado, ben por idade ou por outras características. “Teriamos doado, por exemplo, seleccionar aqueles animais da granxa que tivesen un perfil de leite A2A2 e mandar ese leite a un tanque distinto”, exemplifican.
Móvense ao longo do ano nunha produción media de entre 36 e 37 litros, cun 3,6% de graxa e un 3,45% de proteína
Aínda que non teñen xenotipada a súa cabana, José Manuel considera que un terzo das súas vacas poderían estar producindo leite con Beta Caseína A2, producida de xeito natural por vacas co xen A2A2, sen que estea a ser valorizada pola industria que lles recolle o leite.
“O do leite A2A2 foi algo que parecía que ía arrincar pero agora vexo que está algo parado. A propia cooperativa Aira fixo un estudo previo con 2 ou 3 granxas para ver que porcentaxe de animais darían ese perfil e viña saíndo que arredor dun 40% da cabana gandeira produciría leite A2A2. Desta maneira, ao instalar o terceiro robot, se finalmente iso sae adiante porque existe demanda, nós estariamos en condicións de poder ofertar esa materia prima diferenciada sen necesidade de cambiar de vacas”, argumenta.
Recría en conxunto con outras dúas explotacións veciñas para poder seguir medrando
Tres ganderías de Taboada –Souto Frade SC, Novoa SC e Luis Miguel Rojo Vázquez (a antiga Millán SC)– mercaron este ano unha explotación en desuso e habilitárona para facer a recría en conxunto, desconxestionando deste xeito as instalacións das tres ganderías, o que lles vai permitir a cada unha delas aumentar o número de animais en produción e reducir os custos da recría, cunha xestión máis eficiente ca realizada individualmente.
O modelo é semellante ao que implementaron xa outras ganderías galegas desde fai anos, como por exemplo SAT Xercas en Xermade ou Ganxabar en Mazaricos. O estudo técnico de funcionamento foi realizado polos servizos veterinarios da cooperativa Aira, establecéndose unha cota fixa mensual por compra da instalación, que foi mercada a partes iguais (un terzo cada un) polas tres explotacións socias, e un pago por animal e día de estancia, fixado en 2,10€/día, cos que facer fronte aos custos de alimentación e outros gastos variables.
Granxa Renota (Recría Novillas Taboada) comezou a funcionar no mes de xullo
Todos os servizos son externos, tanto os de alimentación como os veterinarios, prestados pola cooperativa Aira e para atender o gando dispoñen dun empregado, ao que pagan o seu salario entre as tres ganderías coa cota establecida de 2,10 euros diarios por becerra.
“Se hai que tomar unha decisión estratéxica importante nun momento dado tomarémola nós, as tres ganderías socias, pero nós non podemos estar pendentes do día a día do centro de recría se queremos centrarnos en atender as vacas en produción que temos nas nosas granxas”, xustifica José Manuel.
A nave foi mercada a partes iguais polas tres ganderías socias e para o funcionamento teñen unha cota establecida de 2,10 euros por animal e día
A intención das tres ganderías é poder facer o destete das becerras xa nas instalacións de recría, aínda que para arrincar a súa posta en marcha inicialmente optaron por facer a fase inicial de lactación en cada granxa e enviar logo os animais xa destetados á nave de recría en conxunto, con entre dous meses e medio e tres meses de vida.
“O ideal sería levar para alí as xatas xa de pequenas, porque sufrirían menos, pero preferimos empezar de forma máis escalonada”, explican. Os primeiros animais entraron no mes de xullo nas instalacións, que acollen neste momento unhas 40 xatas das tres granxas, e todos os meses levan media ducia de becerras unha vez destetadas.
Tres anos no Rancho Las Nieves
Neste momento Souto Frade aproveita o establo dun veciño que se xubilou, situado a 300 metros do deles, para ter as becerras pequenas, á espera de ter plenamente operativas as novas instalacións de recría en conxunto.
Anteriormente, durante 3 anos esta gandería fixo a recría no Rancho Las Nieves de Zaragoza pero pararon de mandalas polo alto custo. “Empezamos a mandalas cando montamos os robots porque non tiñamos sitio aquí, pero despois coincidiu que viñera aquela baixada tan grande no prezo do leite no 2015 e non daba o que ingresabas polo leite para pagar alí a recría das xovencas, e foi entón cando quedou libre o establo deste veciño e decidimos traer todo para aquí e facer nós a recría”, contan.
Visto con perspectiva quizais foi un erro deixar de mandalas a Zaragoza, porque nestes últimos anos freamos un pouco a evolución da explotación, alí adiantabas dous meses e medio en cada xovenca
“Isto é algo dinámico e hai que ir adaptándose ás circunstancias. Naquel momento non nos quedaba máis remedio, era mellor pechar a granxa que seguir así, polo que foi unha solución, pero visto con perspectiva de 4 ou 5 anos despois, aquela decisión foi un erro, porque en centros de recría deste tipo obtés mellores resultados. Facendo a recría nós aquí perdíamos dous meses e medio de produción de leite en cada xovenca con respecto a estar no Rancho. De vir parindo as xatas con 23 ou 24 meses pasamos a 27 meses”, recoñece José Manuel, que agarda poder mellorar eses niveis ao pasar a facer a recría en conxunto nas novas instalacións, “que son moito mellores que as que temos agora nós, un auténtico luxo para as xovencas”, di.
Necesidades de man de obra
A maiores da comodidade e amplitude da nova nave de recría, outra das claves estará en contar con persoal específico para atendela. “Ti podes saber toda a teoría sobre a recría, pero ao final se non dispós do tempo necesario sempre cometes algún erro e eses pequenos erros son os que te penalizan”, considera.
Se unha becerra pasa unha semana con pneumonía despois xa non medra como tiña que medrar, son esas cousas as que te penalizan na recría
“Moitas veces a diferenza entre unha vaca que chega aos 13.000 litros de produción e unha que anda nos 10.000 raspados son cuestións deste tipo, porque se unha xovenca non arrinca ben no primeiro parto logo nunca vai dar de si todo o que debería, ou se unha vaca enferma e tardas en detectalo perdiche boa parte da lactación”, indica José Manuel. “O manexo condiciona en boa medida a produción dos animais”, conclúe.
Pero para iso, di, hai que dispoñer de man de obra, que é algo do que carecen moitas explotacións. “Eu xa sei que separar as vacas que están en celo evita moitas veces accidentes do gando no establo, pero nós aquí non o facemos”, exemplifica.
90 hectáreas de superficie
A limitada man de obra e a necesidade de máis investimento en maquinaria que requeriría fai que Souto Frade subcontrate a maioría dos traballos agrícolas. Hoxe manexan unhas 90 hectáreas de superficie, das que traballan máis intensamente unhas 70, mentres que outras 20, de peor calidade, empréganas para recoller forraxe seco.
“Cultivamos millo en rotación con raigrás nunhas 35 hectáreas e outras 35 adicámolas a pradeira permanente de raigrás”, explica Marcos. “Maquinaria temos moi pouca, dependemos case todo de traballos contratados”, engade, aclarando que a súa gandería traballa habitualmente co parque de maquinaria da cooperativa Aira.
Do traballo agrario da granxa encárgase o parque de maquinaria da cooperativa Aira
“A nosa explotación, contando coa superficie propia en si, teriamos só para 80 animais, pero dámonos conta que na zona onde estamos cada vez hai máis xente que se xubila e pecha a explotación e as que quedamos temos posibilidade de facernos con esa terra para poder seguir medrando”, din.