Sorpresa polo ataque do xabarín a unha ovella no País Vasco

Un vídeo que se fixo viral en redes sociais captou o momento do suceso, confirmado pola queixería de Idiazábal que é propietaria do rabaño afectado

Esta semana convertiuse en viral un vídeo que captou o ataque dun xabarín a unha ovella nun prado. As imaxes, que comezaron a difundirse desde redes sociais do País Vasco este luns, corresponden ó rabaño dunha queixería de Idiazábal (Guipúzcoa), Aranburu, segundo se confirmou posteriormente.

O suceso é inusitado na zona, pois aínda que as granxas tiñan habituais problemas polos danos que provocan os xabaríns nos prados, nunca detectaran ataques do porco bravo ás ovellas. “É a primeira vez que nos pasa un ataque así. É frecuente ver ós corzos pastando ao lado das ovellas, pero un ataque do xabarín nunca o viramos”, contan desde a queixería Aranburu, onde tiveron coñecemento do suceso ó recibir ó vídeo e comprobar que se trataba do seu propio rabaño nunha finca da granxa.

“Tivo que ser onte pola mañá mesmo, non sabemos quen gravou o vídeo, pero é sen dúbida o noso rabaño” -explican-. “O caso é que tiñamos 62 animais de recría nesa parcela e á tarde, cando fixemos o reconto despois de ver o vídeo, faltaba un”, contan.

A finca na que se produciu o incidente estaba próxima ó pobo, polo que na granxa non agardaban ter alí ningún problema. Tras constatar a perda do animal, a gandería decidiu cambiar os animais de recría para outra finca que non ten bosque ao lado, como tiña o prado no que se produciu o incidente.

A queixería Aranburu conta en total con arredor de 1.500 ovellas, pero a maioría pasan o verán nos pastos da montaña. Cómpre lembrar que na provincia de Guipúzcoa, a presenza do lobo é testemuñal, se ben na parte occidental do País Vasco, nas zonas de Bizkaia e Álava limítrofes con Cantabria e Castela, sí se rexistran de xeito periódico danos do lobo á gandería.

Do suceso do xabarín coa ovella tamén se vén de facer eco a EITB, a televisión pública vasca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información