“Sorpréndenos que os gandeiros galegos sexan competitivos con fincas tan pequenas e espalladas”

Un grupo de estudantes holandeses de gandería visitou a pasada semana diversas explotacións lácteas de Galicia. Explícannos como son as súas ganderías familiares en Holanda e cal é a impresión que se levan do sector lácteo galego

“Sorpréndenos que os gandeiros galegos sexan competitivos con fincas tan pequenas e espalladas”

Os estudantes holandeses durante a súa visita á gandería Casa Codesal, en Friol

A pasada semana un grupo de 17 estudantes holandeses visitaron Galicia para coñecer como traballan as explotacións lácteas da comunidade. Os mozos son estudantes de cuarto curso de Gandería de Vacún de Leite da Universidade de Dronten e nun 90% son fillos de gandeiros que realizan esta carreira universitaria para tomar o relevo nas súas explotacións familiares.

Na súa primeira visita a Galicia coñeceron o Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa ou o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), e visitaron ganderías da comarca do Xallas; a planta de fabricación de pensos da cooperativa AIRA en Taboada e ganderías en pastoreo como Outeiro SC en Chantada; Casa Codesal, en Friol; Carteiro de Trasar, en Carballedo (Lugo); Arqueixal, en Palas de Rei; a gandería de Xosé Luis Fernández Segade, en Arzúa, ou Gandería Patalarga e Gandería Maire, na Pastoriza. Pero tamén coñeceron outras granxas en estabulación convencional como SAT San Antonio, en Palas de Rei, ou Irmáns Valiña Irimia S.C, na Pastoriza, entre outras.

Recollemos as valoracións dalgúns destes futuros gandeiros holandeses:

Leanne Bastiaansesn Aantjes: “Sorpréndennos os resultados económicos das ganderías galegas, a pesar de ter fincas pequenas e espalladas”

Leanne Aantjes é investigadora e profesora de Xestión de Pastos e Ciencia do Pastoreo en Aeres Hogeschool Dronten, o centro educativo no que se forman este grupo de estudantes.

Para ela tamén é a primeira vez que visita Galicia e que coñece granxas galegas e a súa primeira impresión é compartida co resto do grupo: “Sorpréndenos que as ganderías galegas sexan competitivas producindo leite tendo fincas tan pequenas e espalladas. Sen embargo, polo que vimos, os seus resultados económicos, a pesar desta limitación, son bastante bos”, asegura.

Ademais de profesora, Leanne tamén leva unha gandería na localidade de Groot Ammers. Contan con 95 vacas en muxido, das que 85 son Holstein Roxa e 15 Holtein Negra, e 80 xovencas e becerras de recría. Ademais, crían 15 touros para empregalos como sementais na propia granxa e tamén para venderllos a outras explotacións. Tamén conta con 120 ovellas para produción de carne.

A base territorial da súa granxa é de 77 hectáreas, das que 60 son pradeiras permanentes, 7 de pradeiras naturais, 8 de pastos arbustivos e 1,5 hectáreas para o cultivo de millo forraxeiro.

Ao igual que o 80% das vacas holandesas, as vacas de Leanne Aantjes saen a pacer, neste caso 200 días ao ano. A industria láctea prímaos polo pastoreo -un mínimo de 120 días ao ano ou 6 horas ao día- con 2 céntimos máis por litro de leite, dentro dunha estratexia de márketing de cara aos consumidores para asociar o leite e o queixo de Holanda a pastoreo e á sustentabilidade.

Por último, na granxa de Leanne as vacas producen unha media de 8.300 kilos de leite, cun 4,4% de graxa e un 3,60% de proteína, o promedio en produción e sólidos das ganderías de Holanda.

Piet Hoogeveen: “A maioría das granxas en Holanda son familiares, sen empregados, non como en Galicia”

Piet Hoogeveen é un estudante de Wieringerwert, no noroeste de Holanda. Este verán ten previsto graduarse e incorporarse á granxa familiar, na que contan con 140 vacas en muxido de raza Holstein, e 60 becerras e xovencas. A súa produción é algo superior á media holandesa: 10.400 litros por vaca e lactación de 305 días -34 litros diarios-, cun 4,3% de graxa e un 3,5% de proteína. A ración de concentrado nesta granxa, uns 300 gramos por litro de leite, tamén é máis alta que a media holandesa.

Contan cunha base territorial de 50 hectáreas, das que 38 son pradeiras permanentes e 12 hectáreas que cultivan para millo forraxeiro. Gustaríalle ampliar a súa base territorial pero o prezo da terra agrícola en Holanda é dos máis caros do mundo: uns 100.000 euros por hectárea.

Ao igual que boa parte das ganderías holandesas, os pais de Piet véndenlle o leite á cooperativa Campina, que llo paga a un prezo medio neste momento de 0,36 euros o litro. A este respecto, destaca que “unha diferencia importante con Galicia é que en Holanda o leite é pagado polos kilos de graxa e de proteína, non por litros”.

E ao igual que a gran maioría das granxas de vacún de leite do seu país, e en virtude do chamado Acordo dos Pastos que obriga en 2020 a que todas as granxas de vacún de Holanda fagan pastoreo, nesta gandería as vacas volveron este ano a pacer nos prados. “Os gandeiros temos que volver aprender a manexar o pastoreo. Os consumidores queren ver as vacas fóra, e neste momento en Holanda o 80% das vacas xa fan pastoreo”, explica Piet, que, ao igual que os seus compañeiros, no futuro gustaríalle poder incrementar as horas que as vacas saen ao prado.

Polo demais, a gandería dos pais de Piet Hoogeveen é unha granxa que conta con 2 robots de muxido de Lely, una tendencia, a da robotización, que está implantándose con forza naquel país.

Por último, un aspecto que lle chama a atención das ganderías que visitou en Galicia é que “mentres que a maioría das granxas en Holanda son familiares, na que traballan só os pais e un fillo, sen embargo en Galicia vense máis granxas de varios socios (SAT) e empregados, como unha empresa”.

De cara ao futuro, cando tome o relevo na granxa familiar, Piet ten previsto renovar as instalacións para a recría e as do almacén de forraxes, así como aumentar a base territorial tanto para cultivar millo forraxeiro como para pastoreo.

Robert Jan Engberts: “Esperaba que en Galicia houbera máis vacas en pastoreo”

Robert Jan Engberts é fillo dunha familia gandeira de Vriezenveen que conta cun rabaño de 85 vacas Holstein en muxido e 45 becerras e xovencas, nunha base territorial de 35,5 hectáreas, das que 32 son en propiedade e 3,5 alugadas, a un prezo medio que chega ata os 1.500 euros ao ano.

Ao igual que na maioría das granxas holandesas, a meirande parte dedícase ao cultivo de herba (28 hectáreas) a forraxe máis produtiva neste país húmido e de temperaturas suaves, mentres que o millo forraxeiro ocupa 5 hectáreas, debido a que a falta de luz e de calor xoga en contra deste cultivo.

Na granxa dos pais de Robert as vacas saen a pacer 180 días ao ano, ou o que é o mesmo, unha media de 7 horas ao día, e producen 9.600 litros de leite de promedio, cun 4,5% de graxa e cun 3,7% de proteína.

A este estudante gustaríalle cando se incorpore seguir aumentando a súa cabana gandeira ata as 100 ou 110 vacas en muxido, mellorar a xenética do rabaño ata acadar unha media de produción de 10.500 litros e, como non, aumentar a base territorial.

En canto á súa visita a Galicia, o que máis lle chamou a atención é que “os gandeiros galegos intentan ser moi eficientes e facer o manexo máis sinxelo”. “Tamén esperaba que en Galicia houbera máis granxas facendo pastoreo”, recoñece.

Robbin Teunissen: “Sorpréndeme que haxa gandeiros en Galicia con 50 vacas en muxido que sexan rendibles e que vivan ben”

Robbin Teunissen é da localidade holandesa de Halle, onde os seus pais contan cunha gandería de vacún de leite con 90 vacas en muxido -cunha media de 5 partos por vaca- e 40 becerras e xovencas. Dispoñen dunha base territorial de 35 hectáreas, todas en propiedade, das que 28 son pradeiras permanentes -nas que as vacas pacen unha media de 7 horas ao día- e 7 dedícanas ao cultivo de millo forraxeiro.

A súa media de produción está en 8.800 kilos de leite por lactación, cun 4,78% de graxa e un 3,72% de proteína. Este nivel de sólidos débese en parte a que 16 vacas do rabaño son Jersey, una raza da que Robbin se declara fan e que prevé seguir incrementando no futuro. “As Holstein cada vez son máis grandes en tamaño e producen demasiado leite, cando o mercado o que demanda son vacas que produzan máis sólidos. Ademais, os custos de produción das Jerseys son máis baixos, polo seu menor consumo de concentrado e de alimento en xeral, maior lonxevidade e menos problemas de podoloxía”, razoa.

A impresión que se leva Robbin Teunissen de Galicia é positiva: “Malia o problema de ordenación do territorio, vimos que hai granxeiros que son rendibles e están contentos con 50 vacas en muxido, algo que en Holanda sería moi difícil, xa que os granxeiros queren incrementar a cabana continuamente”.

Ernst Jan Dvim: Gandería de porcino en ecolóxico

Ernst tamén é fillo de gandeiros, pero neste caso de porcino. Os sus pais cambiaron hai 4 anos da produción en convencional a en ecolóxico, unha decisión que tomaron principalmente por razóns económicas.

Contan con 195 porcas nais e ceban uns 1.400 porcos ao ano, que venden directamente ás carnicerías, cun peso canal medio de 95 quilos. “O porcino en ecolóxico ten maiores custos pero tamén maior prezo de venda: neste momento págase o quilo a unha media de 2,5 euros, mentres que en convencional sole estar a 1,5 euros, aínda que neste momento subiu ata os 1,9 euros, debido á alta demanda de China, que viu afundirse a súa produción a causa da peste porcina africana”, explica este futuro gandeiro.

A alimentación dos animais é en base a cereais ecolóxicos e alfalfa, unha nutrición que mercan pero que a Ernst lle gustaría probar a cultivar no futuro.

Lennart Slager: Futuro gandeiro de caprino

Lennart Slager é de Staphorst, unha localidade holandesa na que os seus pais contan cunha gandería de caprino de leite, con 500 cabras en muxido da raza Dutch White Goat, estabuladas en réxime intensivo. Contan cunha base territorial de 40 hectáreas, nas que cultivan as forraxes para o rabaño: silo de millo e silo de herba. O resto da alimentación das cabras son cereais e polpa de remolacha, que teñen que mercar.

“Antes tiñamos vacas pero non tiñamos espazo suficiente para medrar e o caprino é unha gandería máis fácil e barata. Neste momento é un bo negocio:o prezo do leite está estable dende hai uns 2 anos en ao redor de 0,70 euros por litro”, explica. O leite véndenllo a HGM, unha industria láctea que elabora formulas infantís, principalmente para exportar a China.

De cara ao futuro, a Lennar gustaríalle empezar a alimentar as cabras no establo con herba fresca, “e se funciona ben, empezar a facer pastoreo”.

holanda visita galicia 3 holanda visita galicia 1

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información