Son todas as razas de vacas igual de eficientes e contaminan o mesmo?

O profesor italiano Giovanni Bittante, experto en pegada de carbono, analizou durante 8 anos o comportamento das vacas Procross en comparación coas holstein puras en materia de aproveitamento de enerxía da ración e emisión de gases de efecto invernadoiro. Estas son as súas conclusións

O profesor Giovanni Bittante

O profesor Giovanni Bittante

O Cumio do Clima celebrado este mes en Madrid serviu para concienciar á poboación española do grave problema que supón xa a día de hoxe o cambio climático e as súas devastadoras consecuencias no futuro se non se poñen en marcha as medidas necesarias para frear o quecemento global.

A gandeiría, inxusta e interesadamente colocada no punto de mira como causante de emisións de gases de efecto invernadoiro, sufrirá tamén as consecuencias do cambio climático. O profesor Giovanni Bittante, da universidade italiana de Padua, é un experto internacional con multitude de artigos e estudos publicados sobre a capacidade queixeira do leite e sobre a pegada de carbono da gandeiría.

Nun encontro internacional celebrado este verán en Holanda, ao que asistiron gandeiros galegos e do resto de España, avanzou algunhas medidas que o sector produtor de leite pode acometer en base á selección de razas para mellorar a súa adaptación aos cambios ambientais e ás condicións de produción que se aveciñan.

“Sabemos que o quecemento global é unha realidade, con vagas de calor e episodios severos que afectan á produción de leite e debemos buscar os animais que mellor se adapten”

“Sabemos que o quecemento global é unha realidade, con vagas de calor e episodios severos que afectan á produción de leite. Sabemos que a temperatura do planeta vai subir e que ese incremento de temperatura non o podemos parar, só podemos frealo ou ralentizalo, por iso debemos falar de mitigación ou alivio do quecemento global, adoptando as medidas para logralo, e escoller aos animais que mellor se adapten ao cambio climático para poder seguir producindo nesas condicións”, argumenta.

Neste sentido, dixo, “temos que facer os sistemas de producir alimentos máis resistentes ao calor”. “A FAO publica cada ano informes sobre seguridade alimentaria e o deste ano estivo centrado na resilencia e a resistencia ao cambio climático. A resilencia é a capacidade de adaptarse aos cambios, neste caso é a capacidade dos animais de seguir producindo malia ao incremento da temperaturar”, explicou.

Redución das terras de cultivo dispoñibles

“A evolución dos sistemas leiteiros obrigarannos a producir con menos enerxía involucrada, con menos dispoñibilidade de auga e con máis severos e numerosos episodios de calor, polo que precisamos granxas e animais máis resistentes e resilentes para facer fronte a maiores fluctuacións dos prezos mundiais nun mercado global”, insistiu.

“Vai haber unha redución das terras para producir carne e leite, porque hai competencia entre o terreo adicado a producir alimento e o dedicado a producir biomasa para enerxía”

No futuro, dixo, vaise producir unha redución da terra agraria dispoñible como consecuencia, por un lado, da subida do nivel do mar, anegando zonas de cultivo actuais, e por outra, pola competencia da demanda de biomasa. “Vai haber unha redución das terras para producir carne e leite, porque hai competencia entre o terreo adicado a producir alimento e o dedicado a producir biomasa como consecuencia da necesidade de reducir os combustibles fósiles. Cada vez máis vai haber o dilema entre producir alimentos ou producir enerxía, e iso provoca competencia pola terra”, afirmou.

Por iso, prognosticou un incremento futuro do prezo mundial dos insumos como consecuencia da maior competencia pola auga e pola terra, o que xerará menos produción de forraxes e que o prezo dos cereais se incremente, daí a importancia de seleccionar animais máis eficientes.

Contaminan o mesmo todas as vacas?

A Universidade de Padua é unha das máis antigas de Italia, ten 8 séculos e unha historia investigadora importante en ramas como a Medicina e a Veterinaria. Giovanni Bittante e o seu equipo comezaron a comparar fai 8 anos o comportamento en materia de aproveitamento de alimento e a pegada de carbono e o impacto ecolóxico dos cruces de vacas frisonas con razas como a montbeliard ou a roja sueca (animais trihibridos coñecidos como Procross) fronte ás 100% holstein.

Durante 8 anos o departamento da Universidade de Padua que dirixe Giovanni Bittante estivo analizando o comportamento das distintas razas na emisión de metano

“Unha vaca emite entre 200 e 300 gramos de metano ao día. Pero non todas contaminan o mesmo e inflúen distintos factores como a alimentación, o manexo ou a xenética e quixemos comparar a pegada de carbono entre as vacas cruzadas e as holstein. Hai un tipo de variabilidade na emisión de metano que é xenética, hai diferenzas entre animais da mesma raza, varía entre as distintas razas e tamén se a raza é pura ou existen cruzamentos, polo efecto do vigor híbrido ou heterosis”, asegura Giovanni.

O estudo, titulado Genesi Project: Evaluación da pegada ecolóxica das granxas leiteiras baixo un programa de cruzamentos, chegou á conclusión de que as vacas procross son máis eficientes no aproveitamento da enerxía e emiten menor cantidade de metano por litro de leite producido durante toda a súa vida.

“Se queremos baixar o nivel de emisións da nosa granxa podemos seleccionar vacas que producen menos metano, vacas con maior rendemento medioambiental, é dicir, menos emisión de metano por quilo de materia seca consumida”, defendeu.

“Para producir un quilo de graxa e proteína unha vaca frisona precisa inxerir 9 quilos de materia seca, mentres que para producir esa mesma cantidade de graxa e proteína unha vaca cruzada precisa medio quilo menos de inxesta de materia seca”, explicou Giovanni.

Cambiar a alimentación do gando

Gandeiros e técnicos españois presentes na súa conferencia en Holanda

Gandeiros e técnicos españois presentes no encontro internacional celebrado en Holanda

As procross son máis eficientes na produción, dixo, porque aínda que producen algo menos volume de leite, a cantidade total de sólidos é a mesma e lógrano con menor inxesta de materia seca e, polo tanto, con menor produción de metano.

“Até agora na produción de leite centrámonos en aumentar a fermentación no rumen para lograr maior enerxía e, polo tanto, maior produción. Temos que reverter esa filosofía”, defendeu o profesor italiano, que se mostrou partidario de variar as racións actuais, reducindo alimentos altos en almidón ou os aditivos, que cambian as fermentacións rumiais.

“Para baixar o nivel de emisións da nosa granxa podemos seleccionar vacas con maior rendemento medioambiental, é dicir, menos emisión de metano por quilo de materia seca consumida, e niso as procross son máis eficientes”

A cantidade de graxa corporal nas vacas cruzadas é máis alta, polo tanto, dixo, “hai máis enerxía no corpo das procross, e tamén hai máis proteína, polo que os requerimentos de mantemento son máis baixos comparado coas holstein”. “A eficiencia metabólica e a partición da enerxía é distinta polo que necesitan menos inxesta para manterse porque ao ter máis graxa corporal a súa condición corporal é mellor e aguántanse mellor durante a lactación porque o seu balance enerxético negativo é menor”, explicou.

Outras vantaxes destes animais, detallou, son a súa mellor resistencia ao estrés por calor, a súa maior lonxevidade e a súa mellor fertilidade. “Máis fertilidade e máis lonxevidade provoca unha menor taxa de reposición e polo tanto menores necesidades de recría nas explotacións, o que se traduce, ademais de en maiores ingresos por produción de tenreiros de carne e menos perdas por vacas de desvelle, en menor emisión de metano por litro de leite producido na granxa”, concluíu.

Son as vacas as culpables do cambio climático?

gases efecto invernadoiro gal

“As vacas e os granxeiros son vistos por parte da sociedade e dos poderes públicos como culpables do cambio climático”, asegura Giovanni Bittante, que engade que “os animais son vistos como causantes da contaminación pero son tamén víctimas da contaminación”, di, porque van sufrir con máis frecuencia episodios de seca e temperaturas elevadas, maior estrés por calor e escaseza de auga e alimento.

“Os consumidores requiren máis producción ética e están desexando pagar un pouco máis por un mellor trato (benestar animal) e un mellor coidado do medio ambiente (menores emisións e contaminación)”

“O sistema de alta producción produce actualmente moitos residuos e esas granxas non son sustentables, necesitamos explotacións que non xeren tantos residuos e tamén transformar eses residuos para que contaminen menos, converténdoos en materia prima nunha economía circular”, defendeu.

“Os consumidores requiren máis producción ética e están desexando pagar un pouco máis por un mellor trato (benestar animal) e un mellor coidado do medio ambiente (menores emisións e contaminación). O sistema leiteiro vai cara a sistemas de precisión (robots, tecnificación) que permitan un maior aproveitamento dos recursos dispoñibles nun medio ambiente cambiante e necesitamos tamén animais máis eficientes e granxas máis sustentables que poidan aguantar eses cambios”, defendeu.

O metano desaparece da atmósfera aos 12 anos, o CO2 tarda 200

O dióxido de carbono é o principal causante do quecemento global, aínda que a presión sobre o sector gandeiro pola emisión de metano das vacas vai en aumento. “O gas carbónico represena o 73% dos gases de efecto invernadoiro actuais e o metano o 9% e non todo iso vén da gandeiría”, asegurou o profesor italiano. “O que emitimos cos nosos coches é gas carbónico, que dura moitísimo tempo na atmósfera, polo que o gas carbónico acumulado actualmente ven diso e non das vacas”, engadiu.

O metano que emiten as vacas ten 28 veces máis impacto directo sobre o quecemento global que o dióxido de carbono que emiten os coches pero dura 16 veces menos tempo na atmósfera

A duración do gas carbónico (CO2) é de 200 anos mentres que o metano (CH4) ten 12 anos de vida. “É certo que o metano ten un impacto sobre o quecemento global moito máis importante que o gas carbónico, até 28 veces maior, pero tamén o óxido de nitrógeno ten 265 veces máis impacto que o gas carbónico e o gas das bombonas de butano ou refrixeradores son até 4.000 veces máis dañinos para o planeta que o dióxido de carbono, pero, pola contra, o metano só dura 12 anos, polo que non é un problema a longo prazo, porque o metano que emiten hoxe as nosas vacas desaparece en só 12 anos, non coma o gas carbónico dos coches, que dura 200”, argumentou o profesor italiano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información