Son sostibles ambientalmente as granxas de vacún de leite galegas?

Agaca presenta os resultados dun estudo sobre a pegada de carbono e de auga na produción láctea. Analizáronse case un cento de ganderías galegas, das que máis do 35% tiñan optimizada a súa eficiencia

Son sostibles ambientalmente as granxas de vacún de leite galegas?

Participantes da xornada durante o debate de peche da sesión.

Na procura dunha produción con menor impacto ambiental, as ganderías de vacún de leite estanse a implicar en ser máis sostibles en aspectos como a pegada de auga e de carbono. Estas foron dúas das principais cuestións sobre as que se centrou un estudo realizado pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca).

Os resultados doestudo, iniciado no 2018, foron presentados en Santiago de Compostela nunha xornada sobre sostibilidade, pegada hídrica e de carbono na produción láctea. No proxecto, que ten unha duración de 3 anos, estudáronse 96 ganderías dun tamaño variado que abrangue dende granxas con 13 a 520 animais e con sistemas de produción moi dispares. Trátase de ganderías da zona centro de Galicia, a comarca do Deza e a comarca do Xallas.

Produción do penso, emisións dos animais e cultivo de herba e millo, procesos críticos na pegada de carbono das granxas

No estudo analizáronse e cuantificáronse tanto os gases de efecto invernadoiro (pegada de carbono) como a pegada de auga, é dicir, o impacto derivado do consumo de auga. “A pegada de carbono e de auga son só dous indicadores que se consideraron, pero hai outros factores para avaliar o impacto ambiental que a produción gandeira de leite xera”, explica Mario Fernández, técnico do departamento de Enxeñaría Sustentable de Agaca.

A recompilación de datos amosa que a pegada de auga, o consumo de agua medio na gandería, se sitúa nos 120 metros cúbicos por metro cúbico de leite producido. Mentres, a pegada de carbono media das granxas analizadas é de entre 1.660 e 440 quilogramos de CO2 equivalente por metro cúbico de leite. “A produción de penso, o cultivo de herba e de millo, así como as emisións directas son os procesos críticos de impacto ambiental na granxa”, apunta Antonio Cortés, enxeñeiro de ciencias ambientais do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela, que participou no proxecto.

“Acadar a sostibilidade ambiental tamén adoita implicar un aforro económico”, Mario Fernández, Agaca

Dende Agaca, Fernández insistiu en que máis que facer unha comparativa entre granxas, “estes datos teñen que servir á propia gandería para reducir o impacto ambiental que ten para conseguir ser máis sostible, sen esquecer que esa sostibilidade ambiental tamén adoita implicar un aforro económico”.

Manter a produción e reducir o impacto ambiental

No marco deste proxecto, á par da recollida de datos, tamén levaron a cabo un asesoramento ás ganderías para tentar reducir a súa pegada de carbono. Así, este ano realizarán de novo unha recollida de datos nas ganderías participantes para, ademais, poder avaliar xa se algunhas das recomendacións e cambios que introduciron nas ganderías para conseguir reducir o seu impacto ambiental chegaron a dar resultados. “Con este proxecto procúrase que as granxas poidan manter a súa produción, pero consigan reducir os seus consumos e impacto”, especifica o enxeñeiro Antonio Cortés.

Fronte ós datos recollidos, no proxecto estipúlanse unhas simulacións de acordo a criterios de sostibilidade. A comparativa entre estas granxas ‘virtuais’ cos parámetros recollidos nas ganderías tamén dá conta da marxe de mellora. Pode chegarse a unha redución do impacto ambiental dun 11%, mentres que a pegada de auga pode ser un 22% menor e o gasto en gasóleo podería reducirse nun 34%.

36 das granxas analizadas xa acadaron a eficiencia e só 2 se atopan nun valor por debaixo da metade do fixado para ser sostibles

Actualmente, 36 das granxas que participaron no estudo xa acadaron a eficiencia e só 2 das ganderías se atopan nun valor por debaixo da metade do estipulado para ser sostibles ambientalmente. O estudo tamén amosa que ás granxas de maior tamaño lles pode resultar máis doado acadar esa sostibilidade en materia ambiental polo volume de litros de leite que producen, porén como apunta o investigador, cómpre ter en conta tamén outros factores á hora de avaliar os modelos de produción.

“Unha gandería pequena e familiar pode ser máis contaminante a nivel de pegada de carbono, pero pola contra ser eficaz noutros aspectos que agora non somos capaces de medir, aínda que poden ser moi importantes para o agro, como a fixación de poboación, a loita contra os incendios forestais ou a preservación da biodiversidade”, concreta Cortés.

“Hai que ter en conta outros aspectos que aínda non somos capaces de medir, como o papel das granxas na fixación de poboación, na loita contra incendios ou na conservación da biodiversidade”

As emisións por sectores

Nesta mesma liña, Juan Castro, investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam), insistiu en que a eficiencia ambiental debería enfocarse para cada un dos sistemas produtivos gandeiros. “Habería que buscar a estratexia máis eficiente para cada un deles posto que afrontan realidades diferentes”, concreta.

O investigador tamén incidiu no paradoxo de que, sendo o porcino o sector que máis emisións de amoniaco efectúa en España (44% en 2016), é tamén un dos que menor redución (9%) debe acadar no 2040 para cumprir o Programa nacional de control da contaminación atmosférica. O vacún de leite, pola súa banda, logo de ter en conta a aplicación de xurro como fertilizante, emite un 9,9%; segundo o Programa e debe reducir emisións nun 45%.

“O xurro mesmo chegou a considerarse un residuo cando é un subproduto dun gran valor para a economía circular das ganderías”, Juan Castro, investigador do Ciam

Castro recordou o valor do xurro dentro das ganderías, que “mesmo chegou a considerarse un residuo cando é un subproduto dun gran valor para a economía circular. O abono orgánico é máis beneficioso para o solo a longo prazo, pois nutre máis do que o fan os fertilizantes químicos”, concreta Castro.

O Pacto Verde e a Economía Circular

Na xornada tamén se abordou o chamado Pacto Verde, aprobado hai 6 meses en Europa, para lograr a chamada neutralidade climática, é dicir, que o balance de emisións de cara a 2050 sexa de cero. Gumersindo Feijóo, vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da USC, apuntou que “o Pacto Europeo Verde é unha grande oportunidade para o sector galego de produción primaria, tanto agrario coma pesqueiro, porque estamos ben colocados para poñer en valor os nosos alimentos no mercado, de acordo cos obxectivos internacionais de pegada de carbono e de pegada hídrica”.

“Galicia está preparada para poñer os seus alimentos no mercado de acordo cos obxectivos internacionais de pegada de carbono e hídrica”

Tamén no contexto das esixencias marcadas por Europa, abordouse a Economía Circular e a estratexia que a Xunta de Galicia aprobou a finais do ano pasado. Samuel Prieto, técnico da Xunta, detallou algúns dos ámbitos de incidencia nos que a administración autonómica conta con 60 medidas, que abranguen tamén a produción de alimentos.

A xornada rematou cunha mesa redonda na que participou o público, conformado en grande parte por profesionais do sector lácteo. Higinio Mougán, director xerente de Agaca, incidiu en que malia que o cambio climático non é producido polo agro, este vai “adaptar as prácticas produtivas e non ser un problema, senón unha parte clave da solución”.

“O agro vai adaptar as súas prácticas produtivas. Non será un problema, senón unha parte da solución” (Higinio Mougán, Agaca)

Mougán insistiu en que “ás cooperativas gustaríanos dar unha resposta de sector: dende a economía circular e aplicando as prácticas atenuantes de emisións de gases que pasarán a formar parte dos custos de produción a compensar. Debemos procurar un enfoque coherente que integre a diversidade de modelos produtivos de Galicia”.

Mougán tamén incidiu en que cumprir os obxectivos ambientais requiridos pola PAC, o Pacto Verde e diversos acordos a nivel nacional supón incrementos nos custos de produción. Entre as liñas de traballo a acometer, mencionou a enerxía renovable e a eficiencia enerxética, a protección dos sumidoiros forestais, a fertilización sustentable, o uso de recursos de proximidade, a protección da biodiversidade e a polinización.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información