Son as plantas de biogás unha alternativa viable para o vacún de leite?

Coñecemos da man de técnicos, empresas especializadas e cos datos dalgunhas das plantas operativas en Galicia as posibilidades que presentan este tipo de instalacións para as ganderías galegas de leite

Son as plantas de biogás unha alternativa viable para o vacún de leite?

Vista dunha granxa de Cospeito (Lugo) que conta cunha planta de biogás para a xestión do xurro. // Foto cedida.

As ganderías con sistemas máis intensivos, como o porcino, foron das primeiras en incorporar plantas de biogás para a xestión dos xurros. Agora, tamén as granxas de vacún de leite están a fixarse neste tipo de instalacións, sobre todo ante as limitacións e o control dos xurros que se está a impoñer dende Europa. O reparto dos fondos europeos Next Generation reavivan o interese por avaliar estes sistemas, vistos a priori como un modelo de economía circular.

Sobre a mesa, hai propostas de macroplantas comarcais, como as que baralla a propia Administración galega, e tamén existe a posibilidade de instalacións de autoconsumo para unha única gandería ou para un grupo de granxas próximas. Porén, os atrancos ou o fracaso dalgunhas das plantas impulsadas tempo atrás, como a planta de Sarreaus (Ourense), na que se investiran 22 millóns de euros, fai que haxa certas desconfianzas sobre a rendibilidade e as oportunidades reais que ofrece o biogás.

Que vantaxes poden proporcionar?

As plantas de biogás preséntanse como unha alternativa sostible en materia ambiental para a xestión do xurro. En teoría reducen as emisións asociadas ós xurros e representan ademais unha opción para as granxas que carezan de suficientes terras nas que aplicar o xurro a modo de fertilizante.

“A emisión de metano que se levaría a cabo nas balsas de xurro trasládase ó interior da planta e pode aproveitarse”, explica Belén Fernández, investigadora do Programa Gestión Integral de Residuos Orgánicos (Giro) do Instituto de Investigación e Tecnoloxías Agroalimentarias (Irta) de Cataluña.

“A emisión de metano que se levaría a cabo nas balsas de xurro trasládase ó interior da planta e pode aproveitarse” (Belén Fernández, investigadora do IRTA)

O mesmo acontece co amonio presente nas excrecións. Aínda que parte do nitróxeno orgánico vai quedar na cama dos animais, se os xurros se tratan na planta, as emisións prodúcense no dixestor, de xeito controlado, no canto de emitirse directamente á atmosfera. “A vantaxe é que o nitróxeno amoniacal vai estar presente no dixestato, o material sólido resultante logo do proceso de tratamento, e pode empregarse como fertilizante, xa que este tipo de nitróxeno é o máis axeitado para o crecemento das plantas”, apunta Fernández.

Con todo, para lograr estes resultados a investigadora incide que é preciso levar a cabo unhas boas prácticas na xestión dos xurros, para que realmente esas emisións se produzan no interior da planta e non previamente. De igual xeito, tamén cómpre prestar atención ó tratamento que se fai do dixestato obtido, xa que un incorrecto almacenamento deste produto pode provocar novas emisións contaminantes.

Obtención de biogás
O tratamento do xurro permite obter biogás, unha fonte de enerxía renovable e que pode empregarse para abastecer as necesidades da propia gandería, no caso das plantas de autoconsumo. Hai granxas intensivas cunha importante demanda de enerxía térmica, polo que o biogás pode empregarse para abastecer as caldeiras. Outro modelo son as plantas con sistemas de coxeración, que a parte de calor tamén proporcionan electricidade para autoconsumo e para vender á rede eléctrica.

“Entre aqueles gandeiros mozos, cunha gandería moderna e unha visión empresarial da mesma, ven estas plantas como un xeito de implantar a economía circular, obter enerxía dunha forma máis limpa e mellorar a súa competitividade”, indica Javier Taibo, responsable da sección centrada nas plantas de biogás da empresa galega Norvento.

“Estas plantas vense como un xeito de implantar a economía circular, obter enerxía limpa e mellorar a competitividade da gandería” (Javier Taibo, responsable de área de Norvento)

Esta firma participou na posta en marcha de varias plantas, algunhas delas para o gando vacún de leite, como a instalada hai 5 anos nunha gandería de Cospeito (Lugo) con 150 cabezas. “Nesta granxa, a electricidade producida expórtase á rede, pero nestes momentos estamos recomendando outro tipo de aproveitamentos dentro da granxa no canto de vendela”, indica Taibo. A firma é tamén a responsable do proxecto da planta instalada no Centro de recría de Gayoso Castro, da Deputación de Lugo.

As macroplantas

Para o tratamento dos xurros do vacún de leite estanse a propoñer dous modelos de instalación: plantas de autoconsumo, instaladas na propia gandería ou para un grupo reducido de granxas que se atopen próximas, así como macroplantas comarcais que poidan atender as necesidades dun número máis amplo de ganderías. Neste modelo a maior escala atópanse iniciativas impulsadas por cooperativas noutras comunidades, como é a planta de Biogastur, en Navia (Asturias), de Central Lechera Asturiana (Clas), unha das pioneiras para o tratamento dos xurros de vacún.

O proxecto atopouse con diversos atrancos técnicos, xa que a area das camas, que boa parte das ganderías empregaban, terminaba mesturada co xurro e ocasionaba problemas na instalación. Tamén se viu lastrada por problemas na xestión e mesmo permaneceu parada. A finais do ano pasado anunciábase a súa reactivación nos próximos meses e tamén novos cambios para facela máis competitiva. Así, aínda que estas instalacións estiveron pensadas inicialmente para producir electricidade con biogás, barallan agora a purificación do biogás para obter biometano, con posibilidades de inxección na rede de gas natural.

Leite Río impulsa unha planta para tratar os residuos de industrias alimentarias e xurros dos gandeiros ós que lles recolle o leite

En Galicia, Leite Río está a impulsar tamén unha planta na que tratar tanto residuos da propia industria como excedentes de xurros dos gandeiros ós que lles recolle ó leite. O proxecto, deseñado pola empresa Norvento, incorpora tamén a un xestor de residuos, Agroamb. “Trataríase dunhas instalacións da industria láctea que lle prestarían un servizo ós gandeiros naqueles momentos nos que teñan excedentes de xurros”, detalla Taibo.

Na planta non só se tratarán os xurros das ganderías, senón que se incluiría unha mistura procedente de residuos da industria láctea e doutras industrias alimentarias da zona de Lugo proporcionados por Agroamb, que será tamén a empresa encargada de xestionar o dixestato sólido obtido da planta a modo de fertilizante, dada a súa experiencia na materia.

Desde a Administración, a Xunta está a valorar desde hai un par de anos este tipo de instalacións. Inicialmente anunciara a creación de 4 plantas de tratamentos de xurros nas principais zonas gandeiras (A Limia, Deza, Mazaricos e A Pastoriza), pero o último anuncio foi a solicitude de fondos Next Generation para un Centro para o Impulso da Economía Circular, que sería unha instalación de tratamento de distintos tipos de residuos, entre os que se inclúen os xurros, xunto con plásticos, residuos industriais orgánicos, lixo mariño e residuos téxtiles.

A Xunta baralla construír un gran centro de tratamento do xurro e outros residuos orgánicos, plásticos e téxtiles cos que obter biogás e fertilizantes

Como produtos finais, obteríase biogás e fertilizantes que terían como principal destinatario o sector primario galego. Mentres, dos residuos plásticos e téxtiles obteríase material reciclado que se incorporaría como materia prima a outros procesos industriais.

Cómpre lembrar que a administración autonómica tamén está a traballar nunha nova lei para a xestión integral das dexeccións gandeiras. “O obxectivo da norma é ordenar a produción, recollida, transporte e almacenamento, sempre partindo do feito de que os gandeiros van poder facer autoaplicación dos xurros”, indican dende Medio Rural.

O sistema de macroplantas de coxeneración, que se extendeu a partir do 2000 polas principais áreas de gandería intensiva de España, naufragou hai case unha década polo fin das primas á produción de electricidade con biogás (Real Decreto 1/2012). Daquela pecharan case tódalas instalacións que estaban en marcha e agora queda no aire ver a rendibilidade que poden ter estas instalacións de cara ó futuro.

A inxección de biometano na rede de gas natural é unha das opcións que se abren para as macroplantas

A principal opción que se baralla é a reformulación das plantas de biogás para que, no lugar de adicarse a producir electricidade, se orienten a inxectar biometano na rede de gas natural. “A clave das plantas está en ver para que se destina ese biogás e conseguir que a planta tamén sexa sustentable a nivel económico. Coa depuración do biogas para obter biometano ábrense máis alternativas, mesmo pode empregarse ese biometano para a maquinaria pesada agrícola, o que podería ser unha solución a curto prazo para as cooperativas”, detalla Belén Fernández.

Outra posibilidade sobre a mesa é a obtención de hidróxeno verde a partir do biogás, se ben en todas estas opcións hai que ter en conta que o custo do biometano é moi superior ó do gas natural, polo que se trata dunha enerxía que en principio semella depender de incentivos públicos.

Biogas_Mouriscade_lalin_standar

Planta de biogás de la Finca Mouriscade en Lalín.

A experiencia da planta de autoconsumo de Mouriscade

Unha das plantas de autoconsumo de biogás operativas actualmente en Galicia é a instalada na Finca Mouriscade, en Lalín (Pontevedra), dependente da Deputación de Pontevedra e desenvolvida polo centro tecnolóxico EnergyLab. Foi instalada no 2013 e tivo unha inversión de 360.000 euros. Esta é unha planta pensada para o tratamento biolóxico e produción de biogás a partir de residuos orgánicos. Tratan en torno a 1.000 metros cúbicos do xurro da gandería de vacún de leite da granxa da Finca ó ano, xunto cos restos das mostras do laboratorio, uns 200 quilos semanais de forraxes. A instalación está preparada para producir 30 Kilowatios por hora de enerxía eléctrica, que son utilizados para autoconsumo no centro, o que supón o 60% da enerxía nel consumida. Actualmente, a planta ten un custe de mantemento de 5.000 euros ó ano.

Na planta tratan ó ano uns 1.000 metros cúbicos de xurro e unhas 10 toneladas de forraxes

Esta planta conta cunha balsa de recepción onde o material de biomasa é almacenado, triturado, homoxeneizado e enviado ó dixestor a través dunha bomba. Alí, a materia orgánica é dixerida a través da fermentación anaerobia do mesmo, mantendo a materia orgánica a unha temperatura de 37 graos centígrados dentro do dixestor, durante un período de tempo próximo ós 25 días. Este sistema aliméntase co calor proporcionado pola microturbina, que queima o gas e produce enerxía eléctrica. Se é necesario, tamén contan cunha caldeira auxiliar que lle proporciona esta temperatura. “A través do axitador situado no interior do dixestor, é posible manter a biomasa homoxénea dentro do dixestor. Ademais dos sistemas anteriores, o dixestor conta con sistemas de control: lentes de mira, sondas de temperatura, nivel de biomasa, medidor de presión, toma de mostras, válvulas de seguridade e válvulas de drenaxe”, explican dende a Finca Mouriscade.

Finalmente, o biogás producido almacénase no gasómetro, que está situado na parte superior do dixestor e inclúe cintas de apoio e nivel para medir a cantidade de biogás almacenado. Dende alí pasa ó recinto de coxeración onde, despois de ser secado e comprimido, recupérase na microturbina xerando electricidade e gases de combustión. Nesta planta, a electricidade utilízase para autoconsumo da granxa e os gases de combustión úsanse para quentar a auga no circuíto de calefacción do dixestor a través dun intercambiador de calor, sendo finalmente expulsados polas chemineas.

A fracción líquida aplícana nas fincas da gandería e a sólida úsana como cama para o gando mesturada con casca de arroz

Unha vez realizada a dixestión anaerobia da biomasa, o produto resultante abandona o dixestor e alcanza, por gravidade, o chamado pozo de dixestatos. Dende aí o dixestato é bombeado e procésase nun separador sólido-líquido tipo prensa. Así, trala filtración obtense unha fase líquida, que aplican nas fincas que xestiona a gandería, e unha fracción sólida, que utilizan para cama do gando.

Esta fracción sólida é previamente deshidratada e esterilizada tras un proceso de fermentación. Nas camas mestúrana con casca de arroz, o que facilita a aireación da mestura e o seu secado. “Esta parte sólida tamén se pode utilizar como fertilizante, aínda que é preciso analizar o seu contido en materia seca, nitróxeno, fósforo e potasio para axustar as doses de fertilizantes segundo o cultivo a empregar, analizando as deficiencias do solo”, indican dende a Finca.

Condicionantes para a obtención de biogás

A produción de biogás está condicionada tanto pola calidade do xurro como pola presenza doutros residuos. “Pódese obter biogás estrictamente co xurro, pero o potencial de xeración é limitado. Por iso, canto máis variado sexa o aporte de materia orgánica máis biogás se vai producir”, explican dende Norvento.

Os datos da planta de biogás de Mouriscade dan boa conta disto. Así, empregando só o xurro de vacún en estado estacionario conseguen obter 476 metros cúbicos de biogás semanais. Mentres, se ó xurro de vacún lle engaden os residuos tanto da granxa como do laboratorio (restos de pensos, silos e materias primas) conséguese obter ata 670 metros cúbicos á semana.

Canto máis variado é o aporte de materia orgánica, máis biogás se produce. En Alemaña están optando por especies que intercalar cos cultivos de forraxes das ganderías e que logo empregan nas plantas

Nas plantas de coxeración orientadas a producir electricidade para a súa comercialización, os produtores adoitan mesturar residuos de industrias alimentarias para que lles sexa viable a instalación destes motores de coxeración. “Nestes casos, o residuo maioritario segue a ser o xurro e entre un 5 e un 10% do caudal de residuos pertence a outro tipo de materiais”, detalla a investigadora Belén Fernández.

En países do norte de Europa, onde se primou a produción de biogás fronte ó tratamento dos xurros, mesmo se chegou a producir cultivos forraxeiros en exclusiva para introducilos nestas plantas e conseguir incrementar a produción eléctrica. Porén, en países como Alemaña este esquema de plantas estanse a deixar de construír pola perda de superficie agraria que supón cultivar exclusivamente para producir electricidade. Ademais, están optando por implantar os coñecidos como ‘cultivos comerciais’, especies que non son para uso alimentario e que se intercalan cos cultivos principais, de tal xeito que serven para fixar nitróxeno e carbono no solo, á vez que se destinan ás plantas de biogás.

Area
Outro dos condicionantes que afectou xa ó funcionamento das plantas de biogás instaladas en España para o gando vacún é a area que se emprega para as camas das vacas. Neste senso, empresas coma Norvento optan por incorporar sistemas de desareación para separala do xurro previamente. “A area en suspensión no xurro pode xerar problemas nos equipos, por iso se propoñen sistemas como os empregados nas depuradoras, que permitan a decantación da mesma”, concreta Taibo.

A cara b

O investimento que requiren as plantas de autoconsumo para unha gandería é un dos seus maiores inconvenientes, a falta de ver se se habilitan apoios públicos para estes sistemas. O desembolso sitúase a partir dos 200.000 euros, segundo estiman dende Norvento. “Os deseños axústanse ás necesidades das granxas, facemos un traxe a medida para cada gandería, polo que tamén varían os prezos da instalación”, explican.

En relación ás macroplantas baralladas pola Xunta, preocupa o impacto ambiental do traslado dos xurros para o seu tratamento. Así, no canto de esparexerse directamente no campo e empregalos como fertilizante, levalos ás plantas para este tratamento previo incrementaría a pegada de carbono e os gastos, no que para algúns sería “marear o xurro”, no canto de ser un exemplo de economía circular. “En Galicia, o camiño é apoiar a vinculación da gandería de vacas coa terra, aumentando a base territorial, de xeito que os xurros se continúen xestionando sen que supoñan un problema ambiental”, valora a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba.

Os custos económicos e ambientais do traslado do xurros ás plantas e un dos principais inconvenientes 

Tamén se amosan contrarios a este tipo de macroplantas dende Unións Agrarias. “Desde a Xunta estase apostando por unha Sogama 2, co agravante de que os gandeiros terían que pagar por levar alí os xurros. É un modelo que carece de sentido”, advirte Jacobo Feijoo, secretario de Desenvolvemento Rural da organización agraria.

Comision xurros e regos A Limia_Xunta

Reunión da comisión creada na Limia para a xestión dos xurros e o sistema de rego desta comarca.

O biogás nos modelos intensivos de carne

En comunidades como Cataluña, as plantas de biogás son unha realidade implantada e vinculada a sectores intensivos de produción de carne como o porcino. En Galicia, a macroplanta de Coren en Sarreaus, na Limia (Ourense) operaba no modelo de coxeración de electricidade mediante biogás e foi tamén unha das que pechou a consecuencia do cambio de normativa estatal, coa supresión das primas no 2012. Tras anos paralizada, Coren levou a cabo un proceso de reconversión das instalacións para que poida volver a xestionar os xurros das ganderías da cooperativa. A compañía reivindica que se trata dunha planta pioneira en Europa, na que investiron 22 millóns de euros.

Logo do peche destas instalacións, a cooperativa ourensá habilitou unha nova planta de biometanización para a xeración de biogás, na que investiu uns 3,5 millóns de euros.

Na Limia, principal zona de produción porcina de Galicia, anunciouse nos últimos meses a construción doutra planta de biogás impulsada, neste caso, polo grupo Arrate Energy Corp, un proxecto que foi presentado na Deputación xa a finais de 2020. O potencial aproveitamento do biogás en Galicia fai que outras empresas como Reganosa tamén estean a procurar financiación dos fondos europeos Next Generation para a construción dunha nova planta de biogás, cuxa ubicación aínda non concretaron.

No marco das iniciativas para mellorar a xestión dos xurros na Limia, o pasado venres constituíuse na comarca unha comisión interdepartamental entre Xunta e Estado para mellorar a sustentabilidade do sector agrario desta comarca. O plan foi elaborado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural coa colaboración da Fundación Juana de Vega e o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia. O obxectivo desta comisión é concretar accións e proxectos que contribúan a mellorar a xestión dos subprodutos gandeiros e das augas, evitando e reducindo a afectación medioambiental das prácticas agrogandeiras actuais.

Una idea sobre “Son as plantas de biogás unha alternativa viable para o vacún de leite?

  1. Xoan Castro

    A planta de Biogastur “non funcionou desde o principio, nin funciona actualmente, despois de investir 18 millóns de euros, que servirían para arranxar as fosas de xurro Asturianas, as as de menor dimensións da Cornisa xa que teñen de media apenas para 3 meses de almacenamento (non se habilitaron axudas para amplialas). A planta de Castro de Rei, da Deputación tampouco funciona, e a de Mouriscade sólo ten sentido por que é un “laboratorio” non é unha granxa de vacas, por iso o xurro, así como os restos de mostras de forraxe que analizan “son residuos”, xa que non teñen finca con forraxes que abonar. Nas granxas galegas de vacún de leite, non sobra o xurro, só hai que preguntar se cando se sementou o millo, había xurro suficiente, ou houbo que utilizar abonos químicos, o que falta é capacidade de alamcenamento, cubrición e boa xestión das augas de limpeza ( afosa non é un vertedoiro, se nón un almacén de abono). No caso da Limia é outro problema distinto, xa que falamos de gandería intensiva (sen terra) onde se teñen concentradas as granxas e moitas cabezas, pero a solución non é tratar o xurro, se non utilizalo para abonar as terras abandonadas da contorna, convertindo o mato, que só produce “incendios”, en pasto para o gando en extensivo. . Todo isto require planificación e xestión coordianda por parte da administración, COREN e os gandeiros, e non as plantas de tratamento, que son inviables sen “primas” e subvencións, esos cartos públicos deberían servir para mellorar a xestión do xurro como abono, creando emprego “productivo” e inversión no territorio ourensano que podería ser un exemplo .Qué mellor forma habería de economía circular para Ourense? que mellor forma de evitar o enorme dano ambiental e gasto para a administración pública galega que son os lumes?

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información