Son os biofertilizantes unha oportunidade para as cooperativas?

A necesidade de xestionar os residuos gandeiros e agrícolas ou a rendibilidade e calidade dos produtos obtidos son algunhas das cuestións que se abordaron no webinar organizado por Cooperativas Agroalimentarias e que reuniu a representantes de 4 entidades que apostaron por transformar subproductos

Son os biofertilizantes unha oportunidade para as cooperativas?

Planta de Biogastur en Navia.

Converter un residuo ou subproducto gandeiro ou agrícola nun recurso, ben sexa para os propios socios da cooperativa, como de cara a outros produtores. Así se presentan os biofertilizantes. Aínda que, son tamén ferramentas na loita contra o cambio climático nunha aposta pola economía circular ou unha oportunidade sustentable de mercado. Esas foron algunhas das conclusións do seminario web Biofertilizantes na nova Economía Circular que Cooperativas Agro-alimentarias de España organizou, dentro das actividades do proxecto europeo Rubizmo e para celebrar o Día Internacional das cooperativas.

De man dos representantes de 4 entidades (Complus, Central Leiteira Asturiana, Champinter, Coexphal), que apostaron pola valorización dos recursos dos seus socios no ámbito agrogandeiro, abordáronse tamén algunhas das cuestións que se expoñen tanto a cooperativas como a gandeiros á hora de comezar a apostar polos biofertilizantes. A rendibilidade e viabilidade económica é unha das dificultades que sobrevoan, polo menos nos seus inicios, a estes proxectos sustentables.

As liñas marcadas desde Europa en busca dunha produción máis sustentable levan ás cooperativas a apostar polos biofertilizantes

Con todo, as liñas marcadas desde Europa cara a producións cada vez máis respectuosas co medio ambiente fan que sexan unha vía para canalizar e aproveitar os residuos agrogandeiros, tal e como coincidiron en sinalar desde as distintas cooperativas inmersas desde hai anos nestes proxectos.

Oportunidade ou obrigación?

Á marxe do investimento económico que estas plantas de tratamento supoñen, un dos freos que se atopan nas cooperativas para a súa implantación vén dado pola escasa concienciación dos socios sobre a necesidade de apostar pola transformación de residuos ou subproductos. “Aínda non logramos unha concienciación ao 100% con estas iniciativas, pero os nosos socios vanse dando conta, cada vez máis, de que é necesario achegar valor engadido ao noso produto máis aló da calidade, que levamos anos conseguindo”, explica Francisco Sanmartín, xerente de Central Lechera Asturiana, que apostou coa planta Biogastur pola xestión dos xurros, cunha capacidade de 1.200 toneladas ao día e que xera tanto metano para producir electricidade como dixestato, que se emprega como fertilizante, así como cama para o gando e mesmo se valora o seu poder calorífico para empregalo en industrias. Aínda que nestes momentos a actividade na planta atópase paralizada, agardan activala en breve e teñen en previsión ampliar a súa capacidade, que na actualidade é de 4,5 megavatios e empezar a producir biometano.

“Vemos a xestión dos xurros non só como unha vía de negocio, senón como un servizo aos nosos socios”, Francisco Sanmartín, Central Lechera Asturiana

“Non estamos centrados en ver a xestión dos xurros só como unha vía de negocio, senón coma un servizo aos nosos socios”, detalla Sanmartín. Con todo, chegar a convencer aos socios para apostar por esta transformación dos xurros non foi unha tarefa sinxela, tal e como lembra o xerente de Central Lechera Asturiana. “Cando en 2009 empezamos con Biogastur foi moi rompedor convencer aos socios que era necesario dar este paso, xa que supuña deixar de percibir un beneficio que lles estaba achegando o uso directo dos xurros para a fertilización dos seus campos e pasar a pagar unha taxa pola súa xestión”, comenta Sanmartín.

Nunha liña similar traballan en Complus, unha cooperativa estremeña con 9 socios, entre os que se inclúen cooperativas agrogandeiras e unha almazara, e que xestiona os residuos para transformalos en compost. “A nosa preocupación é dar solución a subproductos dos nosos socios e á súa vez valorizarlos e sacar rendemento”, detalla Sebastián Trinidad, xerente da planta.

Entre os residuos que xestionan está o esterco procedente de dúas gandarías de ovino xunto con subproductos dunha almazara. De feito, a planta converteuse nunha solución para a xestión destes residuos. “Nestes cebadeiros de cordeiro, o esterco ten demanda en determinados momentos do ano, pero despois deben buscarlle unha solución xa que tiñan que sacalos da granxa”, detalla.

“Os socios viron moi clara a necesidade de apostar pola transformación dos residuos a pesar do investimento de máis de 3 millóns de euros”: Sebastián Trinidad, xerente Complus

Obteñen o compost tras someter os diferentes materiais orgánicos a un proceso biolóxico de dixestión aerobia, no que controlan a temperatura e a humidade. Como resultado obteñen un compost, tanto en po como en pellets, que axuda a mellorar a estrutura do chan e aumenta a súa capacidade de reter líquidos, un dos desafíos da agricultura fronte ao cambio climático e as etapas de secas cada vez máis extremas.

“No noso caso, os socios viron moi clara a necesidade de apostar por esta transformación dos residuos e subproductos, xa que é preciso vender moito compost para rendibilizar o investimento de máis de 3 millóns de euros que supuxo a planta”, detalla Trinidad. Ademais, a planta sitúase nunha parcela lindeira a un dos socios, a almazara, para así conseguir un aforro nos custos de transporte dos subproductos e lograr un proceso máis sustentable ao reducir tamén as emisións de carbono que implica o traslado dos restos.

Economía circular

Os biofertilizantes poden ser un elo máis para pechar o círculo dunha economía circular, onde os residuos se transformen en recursos. Así o entenden dende a Cooperativa Champinter, que leva 40 anos inmersa no cultivo de champiñón en Albacete. O substrato que empregan para o crecemento dos champiñóns, unha vez esgotado para esta produción, termina sendo aproveitado por outras gandarías e explotacións agrícolas para a fertilización das terras.

“Conseguimos xerar beneficios a partir deste substrato esgotado polo que antes o cultivador debía pagar para a súa retirada”: Juan Carlos Anguix, técnico de compost de Champinter

Elaborado a base da compostaxe de palla de cereal, esterco de galinaza e xeso de canteira, o substrato empregado para o cultivo do champiñón supón unha achega para o solo agrícola, aínda cando xa non consegue sacar adiante a produción micolóxica. “Conseguimos xerar beneficios a partir deste substrato esgotado polo que antes o cultivador debía pagar para a súa retirada”, explica Juan Carlos Anguix, técnico de compost de Champinter.

A horta é outro dos sectores que está a mirar, cada vez máis ao aproveitamento de biofertilizantes. Así o puña de manifesto o entomólogo do Departamento de Técnicas de Produción da Asociación de Organizacións de Produtores de Froitas e Hortalizas de Almería (Coexphal), Jan Van Der Blom, que destacou o esforzo por optimizar a rega e a fertilización que están a realizar dende hai anos en invernadoiros de Almería.

Prácticas como o triturado de restos de materia vexetal de cultivos coma o tomate son unha ferramenta para mellorar a estrutura do solo, desgastada por anos de cultivo intensivo e, sobre todo para aquelas producións en ecolóxico, que hoxe en día supoñen xa o 15% dos invernadoiros desta rexión, unhas 4.000 hectáreas, nas que se deben empregar fertilizantes orgánicos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información