A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“Son moi optimista respecto das novas xeracións de gandeiros”

Entrevista a Rubén González, responsable técnico en vacún de leite en De Heus para Galicia

“Son moi optimista respecto das novas xeracións de gandeiros”

Rubén González é responsable técnico en vacún de leite en De Heus desde fai oito anos para a rexión galega. Como bo coñecedor da realidade das gandarías, falamos con el de como ve o presente e o futuro do sector produtor en Galicia.

Como é o teu día a día en De Heus?
Levo 8 anos en De Heus e en todo este tempo o meu traballo desenvolveuse en contacto estreito con gandarías de leite, prestando asesoramento técnico como nutrólogo especializado. Conseguir un óptimo programa de alimentación e de manexo para cada un dos nosos clientes é o noso obxectivo diario.

Que cambiou nestes anos?
Desde hai uns meses estamos centrados en crear equipos especializados tanto en vacún leiteiro como vacún de carne, xa que esa é a liña de traballo que nos están demandando os nosos clientes. No que respecta ao posto que ocupo actualmente como responsable técnico de vacún de leite en Galicia, teño a oportunidade de colaborar co resto de compañeiros que traballan na rexión, algo moi enriquecedor tanto do punto de vista profesional como persoal.

Cales son os novos retos e innovacións que estades a introducir na vosa área?
Estamos a traballar en varios proxectos que teñen en común unha maior dixitalización e, sobre todo, que nos permiten achegar máis valor aos nosos clientes. Hai varios anos que traballamos con FeedExpert, que é o programa informático para racionamento de ruminantes desenvolvido por De Heus.

Pouco tempo despois, os servizos ampliáronse con RobotExpert, que é unha aplicación específica que une a información do racionamento cos datos que se exportan dos robots de muxido.

O ano pasado produciuse o lanzamento de Goalfeed, a nova gama de pensos específicos para robot de muxido que supuxo un gran impulso na nosa área, algo do que sentimos orgullosos. A todo isto súmase que o pasado outono a compañía inaugurou un laboratorio propio no que analizamos as forraxes dos nosos clientes cos parámetros que necesita FeedExpert, co fin de optimizar ao máximo a alimentación das vacas.

“En De Heus apostamos pola profesionalización e por achegar valor aos nosos gandeiros”

Que é o que crees que diferencia a De Heus como compañía?
Creo que unha das claves está na importancia que lle damos ao asesoramento personalizado, tendo sempre en conta a xestión global do manexo. Calquera dos meus compañeiros, cando asesoran sobre alimentación nun establo, saben que non poden deixar de lado o resto dos aspectos de manexo. Por iso, a comunicación cos demais profesionais (calidade de leite, podoloxía, ADSs, reprodución, técnicos de máquinas de muxido, etc) parécenos imprescindible. Por iso é polo que todas as ferramentas que estamos a desenvolver teñan como obxectivo contrastar e simplificar esta información co fin de sacar as conclusións que nos leven ao éxito.

Como levades á práctica ese enfoque en granxa?
Nun primeiro momento o máis importante é facer unha visita xeral ao establo, silos, todos os patios e grupos de animais, para facerse unha idea de como é o traballo diario. É necesario solicitar o maior número de datos posible, como resumos do traballo en reprodución, Ligal, control leiteiro, etc. Se se dispón dunha sala de muxido conectada a un programa informático é unha gran axuda. No caso dos robots de muxido, independentemente da marca, exportamos os seus datos a RobotExpert, o que nos axudará a atopar os puntos de mellora. A partir de aí, imos desenvolvido todo un plan que integre nutrición e manexo, tras identificar as necesidades específicas dos animais.

Como ves o futuro do vacún de leite?
Son moi optimista en canto ás novas xeracións de gandeiras e gandeiros que me atopo no meu día a día. Vexo moito agarimo por este sector e moitas ganas de seguir mellorando. Neste último punto é onde De Heus está a demostrar que aposta por investir tempo e medios, favorecendo esa maior profesionalización e incorporación de ferramentas que fagan o traballo máis doado e dalgún modo axuden a mellorar a calidade de vida dos nosos gandeiros. A sustentabilidade ambiental é moi importante, sen dúbida, pero para nós é igual de importante a sustentabilidade futura dos negocios gandeiros.

No caso concreto de Galicia, como crees que evolucionará o sector?
No caso de Galicia hai algúns factores coñecidos por todos, por exemplo, a falta de base territorial ou fragmentación das leiras que son un tema a solucionar no futuro. Pola contra, temos o que falta noutras comunidades de España, como é a nosa arraigada cultura da vaca de leite. Os gandeiros máis novos están a facer unha clara aposta por unha produción láctea cun elevado grao de benestar animal e cun produto que cumpre todos os estándares de calidade que esixe o mercado. Creo que hai moitas oportunidades e sobre todo novas xeracións moi ben preparadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *