¿Son máis rendibles as vacas leiteiras máis grandes?

Nos últimos anos está a experimentarse un cambio na selección da altura das vacas Holstein: cada vez penalízase máis as vacas altas, por ser menos rendibles. Falamos con Mauricio de los Santos e Daniel Martínez Bello, dous expertos en selección xenética bovina

¿Son máis rendibles as vacas leiteiras máis grandes?

Concurso de gando frisón en GandAgro

¿As vacas altas, con mellor tipo e máis de concurso, son tamén as máis rendibles no establo? ¿Nos últimos anos seleccionáronse animais cunha altura demasiado elevada? Esa é a pregunta que se fan moitos gandeiros que crían animais de raza Holstein, e que tentaremos responder con dous expertos en selección xenética bovina: Mauricio de los Santos, responsable do departamento de xenética da sociedade pública Xenética Fontao, e Daniel Martínez Bello, doutor en veterinaria especializado en transferencia embrionaria e biotecnoloxías reprodutivas en gando bovino e fundador da empresa Embriovet & Embriomarket,

Mauricio de los Santos: “A tendencia é limitar a estatura das vacas para facelas máis eficientes en termos de produción”

Para Mauricio de los Santos a tendencia en canto a selección das vacas Holstein é clara: “As vacas moi altas están en retroceso, un trazo -a estatura, medida como a altura á grupa- con moi boa herdabilidade e que se copiaba do modelo americano”.

Neste sentido, lembra que “os estadounidenses a mediados do século XIX importaron de Europa vacas de raza Frisoa, que entón era unha vaca máis baixa e redonda, máis achaparrada, con menos produción de leite e máis calidades, e seleccionárona convirtíendola na Holstein, unha raza moi distinta da orixinal, con produción de leite moito maior, e unha morfoloxía alta, longa e descarnada”.

Desta forma, lembra que nos concursos morfolóxicos primábanse aos animais de maior estatura. “Co estímulo dos concursos, chegouse a seleccionar vacas demasiado altas, de 1,60 metros e máis, que destacaban moito en pista porque canto máis alta máis se puntuaba”, lembra Mauricio, que naquela época tamén realizaba traballos de calificador morfolóxico da raza frisoa.

“O que se busca é máis un animal cunha estatura media de ao redor de 1,40 ou 1,45 metros”

“Hoxe, sen embargo, isto cambiou e o que se busca é máis un animal correcto que grande, cunha estatura media de entre 1,40 e 1,45 metros”, explica. Onde si non se cambiou é no peso, que se mantén entre os 650 e os 750 quilos para unha vaca Holstein adulta. Desta forma, o que máis se valora neste momento para que unha vaca sexa produtiva e lonxeva é que teña bo peito, amplitude de costelas, un bo terzo anterior, un lombo forte para suxeitar a estrutura da vaca e unha estatura intermedia.

¿Por que empezou a cambiarse de criterio en canto á altura das vacas? Segundo o responsable de Xenética Fontao este cambio veu motivado, por unha banda, en que a medida que os trazos de saúde foron cobrando máis importancia, e sobre todo os de lonxevidade, comprobouse unha correlación negativa entre unha estatura excesiva e a duración da vaca no establo. “E é que a estrutura dos establos non favorece ás vacas demasiado altas posto que teñen máis golpes, presentan máis problemas nos cubículos, nas cornadizas…etc”, advirte.

Como conclusión, para Mauricio de los Santos a súa opinión é que “aqueles animais tan altos non eran nin os máis rendibles nin os máis lonxevos nas gandarías”.

“Ademais de haber unha correlación negativa entre estatura elevada e lonxevidade tamén hai unha relación negativa coa eficiencia alimentaria e enerxética, e de feito en Estados Unidos é un criterio que se ten en conta na selección e creo que tamén chegará como criterio de selección da raza á Unión Europea para reducir o impacto ambiental da gandaría”, subliña.

Daniel Martínez Bello: “Creo que as vacas de tamaño moi alto quizais non son as máis rendibles”

Daniel Martínez Bello, de Embriovet & Embriomarket, destaca que “até fai uns dez anos o espello no que se miraban os gandeiros españois eran Estados Unidos e Canadá, cun tamaño de vaca máis alto, pero sen embargo isto está a cambiar”.

“Creo que as vacas de tamaño moi alto quizais non son as máis rendibles. De feito, as tendencias de índices de selección xenética neste momento están a penalizar o sobretamaño, e sobre todo a altura excesiva. E é que as vacas grandes son menos eficientes, ao ter un gasto de mantemento vital maior, independentemente de que teñan boa produción e conformación”, explica.

“As vacas máis altas son menos eficientes enerxéticamente”

Neste sentido, o responsable de Embriovet & Embriomarket considera que “agora o que se busca máis na raza Holstein son vacas de tamaño medio, anchas e baixas e con moita capacidade de inxesta, de forma que poidan manter altos niveis de produción de leite”.

“É certo -matiza- que nos concursos segue prevalecendo o tamaño do animal, porque impacta máis visualmente. Nas explotacións orientadas cara a concursos si que se entende esa tendencia de seleccionar animais máis altos”.

Por último, Daniel Martínez Belo afirma que “no sector creo que se está producindo una certa apertura de mentalidade”. Así, chama a atención de que “mentres hai 10 anos era un tabú realizar cruces ou introducir no rabaño outras razas diferentes da Holstein, hoxe xa é unha realidade nun número importante de granxas”. A modo de exemplo, destaca que “na nosa empresa, Embriomarket, recibimos cada vez máis pedidos de embrións doutras razas en auxe como o Jersey ou a Montbeliarde”.

Comparación entre unha vaca Frisoa pura (British Friesian) e unha Holstein americana: 

frisona americana britanica

En Estados Unidos a altura elevada puntúase negativamente

Nun artigo publicado este ano na revista Holstein International baixo o título “Preventing Holsteins from Becoming too tall” (Previr que as vacas Holstein sexan demasiado altas) infórmase de que o criterio de selección foi cambiando en Estados Unidos para lograr vacas dun tamaño máis intermerdio.

“En Estados Unidos agregouse a estatura elevada cunha ponderación negativa nos índices de valoración dos touros (…) Unha vaca demasiado alta crea máis problemas de saúde e máis custos nos sistemas de xestión. Co tempo houbo cambios na forma en que vemos a estatura. O sistema de clasificación xa non puntúa ás vacas máis altas como adoitaba facelo. (…..) Se miramos cara atrás hai 20 anos, non tiña sentido pór un touro nunha folla de proba se a súa proba era inferior a +5 para a estatura (base canadense) xa que ninguén compraría o seme, pero agora a situación está a cambiar”, conclúe o artigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información