A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“Somos uns apaixonados da raza Holstein, pero as Fleckvieh conquistáronnos polas súas calidades”

Na gandería vasca Ametsleku o rabaño intégrano case a partes iguais vacas Holsteins e Fleckvieh. A incorporación destas últimas serviulles para incrementar a rendibilidade da granxa. Coñecemos máis detalles sobre a súa gandería e a súa experiencia con ambas as razas

“Somos uns apaixonados da raza Holstein, pero as Fleckvieh conquistáronnos polas súas calidades”

Sandra Aras, Ernesto Zulueta e o seu fillo Egoitz coa recría de Holsteins e Fleckvieh na súa gandería.

Hai case 2 anos chegaron á gandería Ametsleku (Karrantza, en Biscaia) o primeiro lote de vacas Fleckvieh que pasarían a formar parte dun rabaño integrado ata daquela en exclusiva por Holstein. As Fleckvieh chegaban para mellorar a rendibilidade da granxa e gañáronse a súa continuidade. Hoxe o rabaño intégrano xa case a partes iguais Holsteins e Fleckvieh e a intención de Sandra Aras e Ernesto Zulueta, o matrimonio de gandeiros á fronte de Ametsleku, é que se manteña nesa proporción, pola boa combinación que conseguiron.

“Somos uns apaixonados da raza Holstein, pero as Fleckvieh conquistáronnos polas súas calidades”, recoñece Sandra. O carácter extremadamente afable, o fácil manexo, a súa rusticidade e saúde, a elevada taxa de preñez ou a súa dobre aptitude, cunha importante achega tanto para a produción de leite como de carne que ofrecen as vacas Fleckvieh aseguráronlles o seu sitio na granxa. Aínda con estas bondades que están a descubrir da raza tampouco teñen previsto deixar de lado o rabaño de Holstein polo que traballaron desde que comezaron coa granxa hai 20 anos.

20 anos traballando con vacas Holstein campioas

Os seus primeiros animais, Honey e Lace, foron dúas xovencas Holstein que adquiriron no ano 2002, tras visitar catro anos antes Tauste Ganadería, unha granxa zaragozana de referencia no sector. Desde un principio decidiron contar con bos exemplares e fixeron unha clara aposta pola selección e mellora xenética ademais de por coñecer a fondo o seu rabaño. Proba diso é que hoxe os case 130 animais de raza frisoa que teñen na gandería están xenotipados, o que lles ofrece unha importe fonte de información para seguir conseguindo exemplares de gran valor.

Teñen todo o seu rabaño Holstein xenotipado e levan anos apostando por exemplares cuxas calidades foron recoñecidas en numerosos concursos

A súa aposta por animais con boas calidades e a súa paixón pola raza Holstein converteunos case desde os seus inicios na gandería en habituais dos certames de frisoas. “Un éxito é cando toda unha bancada se esquece de certas diferenzas e se emociona con dous mozos chalados que choran mentres bican á súa xovenca, Argi, que acaba de gañar o Concurso Nacional”, lembra Sandra unha das vitorias nos certames morfolóxicos.

Ganaderia Ametsleku-frisonas

Ametsleku foi tamén unha gandería habitual no certame da raza frisoa que se celebrou durante anos no marco da Semana Verde de Galicia. “Era un concurso do que gozamos moito polo propio ambiente da feira, o contacto con gandeiros galegos e con xente que se achegaba a coñecer máis sobre a raza aínda sen ter vinculación co sector”, apunta a gandeira.

A chegada das Fleckvieh á granxa

As primeiras Fleckvieh chegaron á granxa en xullo de 2020 como unha vía para incrementar as calidades e conseguir unha maior rendibilidade na gandería. “Decidimos introducir unha nova raza na gandería, xa que no noso caso as calidades supuxeron sempre un problema en canto ao prezo do leite. As Fleckvieh viñeron co obxectivo de mellorar esa carencia e para valorar diferentes razas”, explican.

As medias que manexan as Fleckvieh en calidades do leite contribuíron a subir a media da gandería. Así, as 60 Fleckvieh que teñen agora na granxa teñen unha produción media de 28 litros por vaca cunhas calidades de 4,2% de graxa, 3,5% de proteína e un reconto de células somáticas dunhas 90.000. Esta media conseguiu incrementar o valor do leite na granxa, xa que aínda que as 70 frisoas teñen unha produción máis alta en volume de leite, cunha media de 36 litros por día, as calidades sitúanse por baixo, cun 3,4% de graxa e 3,3% de proteína de media e un reconto celular dunhas 220.000 células somáticas. A chegada das Fleckvieh permitiulles lograr unha media de 4% de graxa e de 3,5 de proteína e conseguir así un incremento do prezo do leite, que venden á cooperativa Kaiku.

Conseguiron subir as calidades medias da granxa coa chegada das Fleckvieh, que acadan un 4,2% de graxa e un 3,5% de proteína. Aínda que as Holstein mantéñense con maior volume de litros

O primeiro lote de Fleckvieh que chegaron á granxa foron 32 animais, todas elas xovencas ou vacas moi próximas ao parto, con intención de graduar o nacemento dos tenreiros e facilitar o seu manexo na granxa nos primeiros meses tras a súa chegada. “Ernesto tivo a sorte de toparse con Antonio, de Ganados Barreira, que nos descubriu esta raza. Con Antonio desde Galicia e Alexander Manrique, de Genetic Austria, desde Austria conseguimos traer uns animais incribles. Sentímonos tremendamente arroupados desde o minuto un; antes de adquirir os animais, asesorándonos, atendendo todas as nosas dúbidas, respectando os nosos tempos e decisións”, apuntan.

_Ganadería Ametsleku Fleckvieh_Genetic Austria_Ernesto

Ernesto cunha das vacas Fleckvieh adquiridas mediante Ganados Barreira e Genetic Austria.

A principios deste ano chegaba un segundo lote de animais á gandería. Deste xeito, contan xa con 60 Fleckvieh en produción, unhas 12 vacas secas e 36 xovencas e tenreiras. “Todas as vacas que compramos continúan connosco. Non tivemos ningunha baixa polo momento”, apunta a gandeira.

“O veterinario soamente coñece ás nosas Fleckvieh para inseminar, xa que son animais que non adoitan ter problemas de saúde”

Un dos aspectos que máis lles sorprendeu desta nova raza é o seu carácter afable, rusticidade e saúde. “Confían en ti e danche pé a confiar nelas, o que fai que a relación flúa e se respíre un ambiente de tranquilidade e benestar na granxa”, valoran.

Os gastos veterinarios con estes animais tamén están a ser mínimos, sen apenas incidencia de patoloxías como a mastite ou con índices de preñez moi temperáns. “O veterinario soamente coñece ás nosas Fleckvieh para inseminar, xa que son animais que non adoitan ter problemas de saúde”, ratifican. Neste sentido recoñecen que mentres que coas frisoas puntualmente poden ter brotes de mamite por factores ambientais ou outras causas alleas ao manexo do gandeiro, as Fleckvieh apenas se viron afectadas.

En canto ao reprodutivo, nestes momentos están a buscar incrementar o rabaño das Fleckvieh, polo que utilizan seme sexado. “Utilizamos o seme mínimo, cunha media de 1,5 dose por animal e todo o sexado”, apunta Ernesto. Están a apostar pola xenética austríaca con seme sexado xenómico e desta forma tamén xenotipan ás femias. “Buscamos sólidos, valores de produción de leite intermedios e fitnes”, matiza o gandeiro.

Ademais, neste tempo tiveron xa varios partos xemelares que saíron adiante sen incidencias. “Non houbo ningún problema de retención de placenta ou animais que por este motivo tivesen dificultade para arrincar a lactación”, indican.

Dúas razas, dous rabaños

No día a día na granxa traballan con dous rabaños, para adaptar o manexo ás características de cada unha das razas. A pesar de ser uns grandes defensores das frisoas, recoñecen importantes diferenzas entre ambas nos seus requirimentos. “As Fleckvieh parecen conservar aínda un carácter máis primitivo e virxe en comparación coa evolución que experimentou a raza Holstein nestes anos de traballo coa raza. As frisoas son como ‘deportistas de elite’ que requiren uns coidados especiais debido á evolución que experimentaron para chegar onde están, mentres que as Fleckvieh son moito menos esixentes”, valora a gandeira.

“A Fleckvieh non perde condición corporal aínda nos picos de lactación. O animal mantense estable por esa dobre aptitude desta raza, polo que o que inxere tradúceo en leite e carne”

Así, obsérvase por exemplo na alimentación, onde a Fleckvieh non é nada esixente e si extremadamente agradecida. A ración das Holsteins en produción é dun fardo de mestura seca de 18 quilos, máis 7 quilos de penso no robot e 3 quilos de avea. No caso das Fleckvieh a ración componse de 14 quilos de avea e 6 quilos de concentrado no robot por vaca ao día. “A Fleckvieh non perde condición corporal aínda nos picos de lactación. O animal mantense estable por esa dobre aptitude desta raza, polo que o que inxere tradúceo en leite e carne”, concreta a gandeira. 

As Fleckvieh tamén souberon afacerse ao robot de muxido sen maiores dificultades. “Nós levamos xa moitos anos facendo o muxido co robot e as Fleckvieh adaptáronse desde o primeiro momento”, explica Sandra.

Tanto Fleckvieh como frisoas en produción permanecen na granxa, mentres que as vacas secas e a recría saen ao pasto, se a meteoroloxía o permite. Tamén nesta etapa móstranse diferenzas entre as dúas razas. “O instinto da Fleckvieh é de pacer, mentres que a frisoa cando están fóra prefire comer no comedeiro”, reflexiona. Manexan unhas 10 hectáreas destinadas ao pasto e teñen outras 20 hectáreas, as máis afastadas da granxa, alugadas a veciños.

Ganaderia Ametsleku_recria fleckvieh-frisonas_Egoitz

Egoitz é o fillo do matrimonio e goza da gandería e do día a día cos animais.

Na gandería Ametsleku foron dos primeiros en poñer goma nos patios para mellorar o benestar das vacas, que lles axuda en cuestións como a detección de celos, pero sobre todo no confort de animais maiores que están máis torpes ou que teñen moito peso. Hoxe só as frisoas están nestes patios con goma. “As Fleckvieh non teñen goma nos patios e de momento non tivemos o mínimo problema de patas”, sinala Sandra. En ambos rabaños as camas son de palla con rede, que revisan dúas veces ao día e que renovan unha vez por semana.

A recría é outro dos aspectos nos que se aprecian diferenzas entre os dous rabaños. “O valor económico dos tenreiros machos Holstein a día de hoxe é pouco menos que insultante para o gandeiro, e no caso dos Fleckvieh é unha achega fundamental para a economía da granxa”, valoran. As femias que nacen na granxa están a crialas todas. Mentres, os machos de Fleckvieh puro adóitanos criar ata que teñen un ano e logo véndenos para carne ou vida.

Ademais, teñen outra liña de cruzamento con Azul Belga, tanto nos frisóns como nas Fleckvieh. Son tenreiros que comercializan mediante un tratante cando teñen entre 4 e 6 semanas. Neste caso, cos tenreiros de Fleckvieh-Belga logran de media sobre 100 euros máis que cos frisóns-belga. 

Aposta pola granxa

A paixón polas súas vacas pálpase nada máis comezar a falar con Sandra e ao coñecer máis detalles da súa historia confírmase. Sandra lembra con graza o momento en que decidiron dar o paso de converterse en gandeiros. “Necesitabamos un sofá novo para casa e preguntámonos. Comprámonos o sofá ou dúas xovencas? Así empezamos e hoxe seguimos priorizando a granxa”, apunta.

Agora prepáranse para un novo proxecto, converter a granxa nun Centro de Interpretación no que recibir visitas de colectivos diversos aos que mostrar o seu día a día e os pormenores da produción de leite e carne. Nesta mesma liña, a Gandería Ametsleku acollerá a finais de verán o encontro de Genetic Austria, organizado en colaboración con Ganados Barreira, no que os gandeiros participantes coñecerán de primeira man o rebaño de Fleckvieh.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *